O arquitecto Ron Mace, usuario de cadeira de rodas e creador do termo «deseño para todos», expuxo a necesidade dun novo enfoque á hora de deseñar produtos e servizos para ser utilizados por todos os cidadáns con independencia da súa capacidade e con autonomía e seguridade. As normativas e ordenanzas moitas veces só aportan solucións básicas de accesibilidade. O deseño universal, en cambio, permite innovar cunha visión máis ampla pensando en chegar ao maior número posible de usuarios. É imprescindible se queremos potenciar a participación das persoas con diversidade funcional nas actividades da vida diaria sen precisar de axuda e asistencia.
O SIA (Símbolo Internacional de Accesibilidade) da ONU tamén foi evolucionando. Desde o ano 2015 a figura humana cos brazos abertos e enmarcada nun círculo simboliza a inclusión de todas as persoas con independencia das súas capacidades funcionais. Pon o acento na universalidade e non destaca ningún tipo de discapacidade.
Dar resposta ás necesidades das persoas con diversidade funcional non é algo exclusivo, xa que un uso máis fácil e cómodo dos elementos urbanos mellora a calidade de vida en xeral. Así se manifestou no VI Foro Internacional «Vivir más, vivir mejor» sobre os dereitos das persoas maiores, celebrado en Vigo, no que me tocou asumir o tema da accesibilidade. A medida que envellecemos son máis necesarias as infraestruturas inclusivas.
Xa perdín a conta das veces que tentei que Lugo figurase no listado de concellos que levan por bandeira ter presentes a todos os seus veciños e veciñas. Estou a falar dos

colectores do lixo desde a perspectiva dunha persoa con mobilidade reducida que loita por unha autonomía o máis completa posible. Con bastóns difícil pisar o pedal e tampouco chegaban as mans para abrir a tapa, ter conta da bolsa..., e, con cadeira de rodas, a apertura era inalcanzable. Ademais de estar pendente se quedarían preto da beirarrúa porque, ao non estaren fixos, a localización variaba día a día. Como mostra, nas últimas eleccións, un dos representantes dunha mesa redonda cos alcaldables, lembroume que xa no 2011 reivindicaba eu colectores de lixo accesibles.
Durante este tempo, pedíronme fotos e mandeinas. Escoitei desculpas de que non había suficientes en stock e falamos de facer un listado segundo demanda, etcétera. Ante a noticia dunha nova empresa concesionaria, escribín un artigo dando un voto de confianza e esperando que se cumpriran as condicións básicas de non discriminación.
Despois de tantos anos de espera, foi o mellor comezo para este 2023. Quero resaltar que a accesibilidade non sexa unha excepción, senón a norma. Invitan a reciclar e colaborar na xestión dos residuos depositando en cada colector o que corresponda. Coas ferramentas adecuadas pódense facer ben as cousas, só se trata de compaxinar diversidade humana e inclusión social. Un exemplo máis de que o grao de discapacidade depende das condicións do entorno, por iso se necesitan políticas que teñan en conta a autonomía persoal. Por fin, unha barreira menos e un Lugo máis inclusivo.