Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (46)

viernes, 17 de febrero de 2023
Valuro tamén significa Banqueiro

As acepcións e cualificativos da palabra Valuro parecen non ter fin e chegan a ser cada vez máis sorprendentes, incluso máis cá anterior, porque desta volta o autor J.M. Cabada Vázquez equipara o termo de Valuro co de banqueiro.

Xosé Manuel Cabada Vázquez, nado na Estrada en 1901 e finado en Linares da provincia de Xaén no 1936, foi un prosista, poeta e político galego pertencente á Xeración de 1922, membro das Irmandades da Fala, do Partido Galeguista e do Seminario de Estudos Galegos. Publica en Vida Gallega no 1925 a seguinte poesía que é unha especie de conto que recolle un pacto co diaño, chamado tamén pacto fáustico por ser un referente cultural da civilización occidental e da obra Fausto de Goethe.

O conto, escrito en octosílabos e con rima romanceada, comeza cunha persoa que quere falar con Lucifer porque desexa un bo posto no Inferno, para isto trae un saco cheo de diñeiro e froito diso acada o posto de forneiro do Inferno.

O diaño pillou o saco cheo de cartos e foi á terra visitar uns homes aos que lles gustaba moito o diñeiro e aos que lles foi repartindo os cartos, non sen antes ter que firmar un pacto co seu sangue, para así facelo máis apto e no que todos se obrigaron a entregarlle as almas cando chegase a hora da morte de cadaquén, mais mentres vivisen tiñan que facer que os cartos fosen inzando decote cun tanto por cento moi elevado...A misteriosa e incógnita Valura (46)

"E ir fundando sucursás,
por mor d-abondo ter pactos
que fagan chegar ó Averno
de almas un rego a diario.
¡Tanto é do Demo o egoismo,
que non se da d-elas farto!...
EPÍLOXO
Tal foi -non outro- o orixe
dos infernaes banqueiros:
eses que xente valura
tamén lles chamar soemos;
e as veces se ón berregar:
¡os cartos... ¡hastra no Inferno!..."

J.M.Cabada Vázquez

O autor estalle atribuíndo ao Demo a creación dos bancos e aos banqueiros ser xente Valura que pactou co mesmo Diaño, atribuíndolles o cualificativo de "infernais banqueiros" que poñen o diñeiro por diante de todo o que existe e asimilando o dito popular de que "os cartos ata no Inferno" son válidos, pero eses Valuros-banqueiros que están no Inferno "berregan"; é dicir, que emprega unha verba con connotacións negativas porque berregar é a voz que emiten os bois ou os animais, así que os Valuros-banqueiros acaban animalizados polo adxectivo que lles imputa o autor.

É curioso o feito de que a Igrexa trata aos Valuros como esmoleiros e indixentes que se poden incluír dentro do campo semántico da pobreza, e este autor, J. M. Cabada Vázquez, ao contrario que os clérigos, fai un tratamento de banqueiro-usureiro, o que dista moito do tratamento relixioso. Todo isto e moito máis fainos pensar que a palabra Valuro empregouse para calquera significado negativo que se lle quixese dar a unha persoa sen pensar realmente se se acerca ou non á verdade, como se o que escribe utilizase este comodín de "valuro" por necesidade do argumento.
Salve Valuria!

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela

NOTA:
VIDA GALLEGA.- Ilustración regional. Ano XVII, Nº 286, 1925, 5 octubre.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES