
Aínda que este blog é meu e non da Asociación que teño a honra de presidir, hoxe me van permitir que o use para difundir a recuperación do Premio de Animación de Rúa de Lugo Monumental. 1.000 euros en premios, que é moito para unha entidade que NON se nutre de subvencións (porque non as pide) por divertirse pola rúa non está nada mal.
Preparen o Antroido e xa saben, no casco histórico teñen premio.
NOTA DE PRENSA:
Lugo Monumental convoca no día de hoxe o IX Premio Lugo Monumental de Animación de Rúa, que terá lugar entre os días 17 e 21 de febreiro coa colaboración dos locais do centro histórico.
Como todos os anos, este premio está pensado para atraer ao centro ás cuadrillas que celebran o Antroido e que enchen as rúas do colorido, a música, e por que non, a irreverencia propia desta época.
Tal e como recollen as bases publicadas hoxe, entenderase como "animación" calquera actividade que as agrupacións participantes consideren oportuna (música, teatro, monicreques, monólogos, maxia, xogos infantís...) e que contribúa a crear diversión e ambiente rueiro no centro histórico de Lugo. Poderanse ter en conta as mellores cancións, disfraces ou presentacións, pero o que máis pesará será a animación creada nas rúas do centro.
Como inscribirse?
É moi sinxelo:
1. Para optar ao premio os participantes deberán enviar un correo electrónico ao enderezo asociacion@lugomonumental.es ou unha mensaxe de Whatsapp ao número 644 637 444 cos seguintes datos:
a. Nome do grupo.
b. Número aproximado de participantes.
c. Descrición da animación.
d. Nome dunha persoa de contacto, teléfono e enderezo electrónico.
2. O prazo de inscrición abrirase no momento da publicación destas bases e finalizará o día 16 de febreiro ás 23:59 horas.
3. A inscrición é gratuita.
Cada agrupación designará a un representante, que será o único interlocutor válido coa Organización para todos os efectos. En caso de resultar premiada, a agrupación faculta expresamente ao representante para recoller o premio obtido.
Que premios hai?
Establécense tres premios:
1º Premio: 12 vales de 50euros por un importe total de 600,00 euros.
2º Premio: 6 vales de 50 euros por un importe total de 300,00 euros.
3º Premio: 2 vales de 50 euros por un importe total de 100,00 euros.
Os premios entregaranse en vales de 50,00 euros trocables nas empresas asociadas a Lugo Monumental.
Quen vota aos grupos?
Os locais participantes son os que emitirán os seus votos, polo que é importante que os grupos se centren en animar as zonas onde se sitúan os 28 xuíces. Entregaráselles unha listaxe de locais con dereito a voto, que figuran nas bases da convocatoria, e haberá un mapa de Google coas localizacións.
Enlace ás bases
Enlace ao plano dos locais participantes