Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Paraísos infantís, pensamento e poesía

martes, 07 de febrero de 2023
Secretas envexas teño daqueles sentidores e dicidores que denominamos poetas, por máis que a vida leve a un por camiños, quizais parentes mais en principio diferentes: os de pensar ou matinar. Ocorre, no entanto, que ó final tal acción se atopa a si mesma ó se internar no encanto e no colo misterioso do poema. Ou quizais sexa xa o poetizar un modo diferente do pensar ou filosofar. Posibelmente dependa todo en definitiva dos modos concretos de achegármonos cognoscitiva e emocionalmente a esa realidade descoñecida e inmensa na que todos -queirámolo ou non- estamos inmersos. En calquera caso, semellan coexistir nesta estraña e escorregadiza cuestión diferentes -complementarios ou non, opostos ou non- modos de a ollar. Todos eles contribúen a clarexar e alumear un problema ben esquivo.

Tendemos, porén, en xeral e dende unha herdada actitude cultural máis ou menos etnocentrista da nosa realidade a primar as acostumadas visións adultas (masculinizadas, ademais) fronte as supostamente inmaturas da propia infancia auroral ou das nosas primeiras confrontacións vitais coas pequenas, aparentemente intranscendentes, realidades do noso primeiro e fundamentante entorno biográfico.

Fronte a tales actitudes ou maneiras de procedermos, un persoeiro tan relevante como o filósofo e poeta Miguel de Unamuno loaba en perfectos versos a infancia como aquela "idade bendita na que vivir é soñar". "Vuélveme a la edad bendita / en que vivir es soñar", suplicaba el. Noutras palabras, o ámbito e a atmosfera do desenvolvemento psíquico e do específico ollar dos nenos sería xustamente o "soñar".

Esta real proximidade á infancia da poesía e dos poetas que a dan a luz foi formulada, ó meu ver, con incomparábel enerxía polo poeta catalán Pedro Casaldáliga nun seu poema que leva como titulo El poeta. Velaquí o seu contido:

'El poeta es su infancia'.
Y el niño Rilke lo supo.

Una infancia bien soñada.
La que soñara y no tuvo.

Todo poeta es un niño
que se niega a ser adulto.

Podrán crecerle las barbas
de la ira o del orgullo.

Y caérsele a pedazos
el corazón ya maduro.

Pero conserva los ojos
deslumbradamente puros.

Convértese así en certo modo esa que tendemos a considerar pequena ou cativa infancia en amplo, sólido e robusto alicerce sobre o que a vida moza e a adulta posteriores irán paseniñamente emerxendo.

Precisamente non hai moito, na obra de Xesús Fraga que leva como título Virtudes (e misterios) (recibira el por tal escrito o Premio Nacional de Narrativa do ano 2021) atopei unha pasaxe na que en relación cos protagonistas da historia narrada (e do propio autor da mesma), que teñen a súa orixe na aldea galega de Xanrozo (pertencente á parroquia betanceira de Requián), o seguinte puiden ler:

"Pero as principais lembranzas remiten aos días de aldea, onde coinciden os límites cativos de Xanrozo cos aparentemente infinitos do territorio que acoutan o paraíso de infancia. Malia os anos transcorridos, ficaron fixados na memoria coma unha desas correntes fluviais soterradas a moitos metros, pero da que sempre abrolla auga pura, doce."...

Así pois, os inicios sempre son alicerces sobre os que medra o propio ser. Alicerces agachados, raizame poderoso, lume sagrado e creador de futuros imprevisíbeis, fonte clara que xorde da escuridade. Velaí o misterio e a razón paradoxal que irmandan poesía, pensamento e a vida toda. Luxo impagábel e contracultural.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES