Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dá a 'autorrealización' plenitude á existencia humana?

viernes, 03 de febrero de 2023
É mester iniciar, na miña modesta opinión, esta colaboración dicindo algo sobre a "autorrealización" do home e da muller neste mundo material e cultural, porque penso que talvez nos leve a desvelar ata que punto son aceptables certas reservas para ser considerada co debido interese intelectual a transcendencia do mesmo, intentando superar a insuficiencia do relativo e finito que nos cerra o camiño á busca dun absoluto que fundamente o sentido da nosa existencia en plenitude.

Por auto -realización enténdese a busca do YO IDEAL ao través da nosa motivación. Polo tanto, considérase que cada persoa ten a súa propia auto-realización. O psicólogo Abraham Maslow pretendeu reflectir, nunha pirámide, xerarquicamente, as nosas necesidades, e aquí quedan esquematizadas, correlativamente, as motivacións que levan á persoa humana a realizar determinados comportamentos. Hai que considerar como relevante, tamén, que cada persoa no seu proceso da realización de si mesma debe soportar os necesarios esforzos materiais e intelectuais, evitando toda clase de fantasías, axustándose a un certo sentido de responsabilidade e procurando situarse no aquí e o agora, cunha mente flexible que lle permita adaptarse ás adversidades. Así o entenden os que buscan o sentido da vida nos límites do mundo material e cultural, sentido que está marcado polo acto de vivir un mesmo (Erich Fromm), constituído por un sistema de obxectivos nos que se pretende encontrar xustificada unha maneira de ver o mundo.

Este proceso de madurez psico-biolóxico, orientado por ese sentido, non recolle o eco dos problemas humanos fundamentais, nin dun pasado relevante, do que se poden extraer orientacións, como nos adoutrinou precisamente Freud, quen nos advertiu de que o pasado tamén existe actualmente na persoa, como igualmente os fundamentos da "autorrealización" que inspiran na existencia un futuro xa presente, baixo a forma de ideais, esperanzas, deberes, (...), e, máis ou menos, o esperado DESTINO, sen o recurso á TRANSCENDENCIA. Así se sostén por algúns intelectuais con diversas argumentacións.

Pero algunhas preguntas xa están suxeridas aquí: Acada a persoa humana un SENTIDO PLENO para a súa existencia sen transcender o mundo finito no que vive?. Non vivimos rompendo afanosamente as nosas limitacións?. A nosa inquietude por coñecer o descoñecido, no nos leva a investigar, incluso aceptando grandes sacrificios, todo aquilo que oculta a realidade nas aparencias?. Non se sente o home/a muller apremado/a pola angustia que lle produce a reflexión sobre o seu destino, non só materialmente existencial, senón tamén persoalmente?. E entendamos aquí a persoa como unha esencia aberta a TODA A REALIDADE, apertura esta que implica a saída á Transcendencia, na que se busca o Absoluto. Confundimos esta actitude cos sistemas institucionais que pretenden representala socialmente?.

Paréceme pertinente ofrecerlles un exemplo -se mo desculpan como estertor da miña condición de vello docente- dun "caso práctico", por se facilita a comprensión. Pero antes quero dicirlles algo sobre o sentido da nosa existencia. Entendo que o sentido non nos configura a realidade existencial, non é CONFIGURADOR dela, senón o seu esperado CONFORMADOR, axustado á esperanza da plenitude; non constitúe esa realidade, dálle a conformación formal. Precisamente por isto, o problema que se nos presenta non é tanto o problema do sentido da realidade existencial, como a realidade existencial do sentido, incardinada na persoa humana, á que leva a transcenderse.

Sirva como motivo de "caso práctico" a postura de D. Enrique Tierno, que resume o catedrático de Bacharelato e profesor de Historia da Filosofía, na Universidade Complutense, D. Carlos Díaz, nestes catro seguintes postulados, extractados: Non podemos caernos deste mundo, no que estamos dunha vez por todas. O mundo é a nosa salvación en canto é o noso único posible lugar. Ser agnóstico é non botar de menos a Deus, porque hai unha integración perfecta co finito. (Extractado do postulado A). Non se necesita o ateísmo. Basta co agnosticismo. Segundo se dilúe a idea de transcendencia perde importancia a de ateo. Todo canto percibimos pertence ao noso sistema de percepcións. Deus só é en canto son as nosas percepcións; (postulado B). Non serían adaptadas ou patolóxicas as eventuais preocupacións polo totalmente outro ou simplemente polo "transfinito"; (postulado C). Por todo o cal, farían ben os crentes en secularizar as súas crenzas; (postulado D).

O profesor Carlos Díaz fundamenta as súas discrepancias co Dr. Tierno -que eu resumo nos meus termos- entre outras, nas seguintes ideas: Se o específico do home é a busca incesante para mitigar a incomodidade que lle produce a instalación no desamparo, na quebra, no fracaso (...), non parece razoable que se lle cerren as portas do que está máis aló do mundo, porque incluso a felicidade da especie humana resúltalle insuficiente ao individuo. Por outra parte, o mesmo agnóstico arríscase a converter en relixión a súa propia "gnosis" (coñecemento), que consiste en "saber que non sabe". "Nostálxicos por natureza, somos así mesmo mendicantes do absoluto, tanto na vida diaria como nas situacións límite".

No que respecta ao Dr. Tierno hai algo que me chama a atención, que evite considerarse ateísta, aínda que non se pode negar que é consecuente co seu razoamento. Creo que, como afirma Zubiri, o home actual, sexa ateo ou teísta, pretende que non ten na súa realidade vivida un problema de Deus, e non pensa que tanto o ateísmo como o teísmo son respostas a unha cuestión previa, xustamente un problema que "subxace" as súas crenzas. Parece que D. Enrique, moi habilmente, o que quixo foi evitar a entrada nesta cuestión. E non creo, non obstante, que fuxira do transcendente, porque, incluso, é operativo na inmanencia no seo do mesmo mundo finito. Trátase da transcendencia na inmanencia, farto comentada por destacados estudosos desta temática, que, por suposto, non descoñecía D. Enrique. Talvez sexa unha proba de que as ideoloxías comportan un serio problema concibidas como un elemento CONSTITUTIVO da realidade persoal humana, senón máis ben CONSTITUCIONAL, como un ingrediente do seu "modus operandi".

A "autorrealización" non dá sentido pleno a existencia da persoa humana, se non se abren camiños a Transcendencia, incluso na inmanencia. Talvez sexa pertinente insistir en que esperta tal afán a existencia de Deus, que se esquece a dos aludidos problemas previos que preceden ás crenzas. Por outra parte, por moi eloxiable e satisfactorio que sexa o sentido da nosa existencia neste mundo, é evidente que sempre quedamos necesitados da plenitude do mesmo, cando menos culturalmente, e ademais, á vez, esta actitude devén o mellor catalizador da dinámica progresista do ser humano. Xustamente isto xustifica os seus recursos á transcendencia, que non só busca DESDE o lugar finito no que se vive, senón NA MESMA INMANENCIA DEL, como xa quedou apuntado máis arriba. Supoño que unha análise antropolóxica en profundidade da mencionada cuestión previa sería iluminadora, e, ao mesmo tempo, evitaría a súa bastarda extrapolación ao campo ideolóxico.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES