Cando as mulleres escriben afloran temas que non foran tratados anteriormente. Aparece o corpo da muller visto dende dentro, sentido dende as células, coas moléculas latexando e os corpos dentro do corpo.
O embigo que nos uniu á nave "nodriza" no océano interior. Os proxectos de

descendencia que deron en aborto. As fillas, os fillos que maman da nai mamífero, pel con pel, leite que atravesa a Vía Láctea e se derrama en gotas, como a chuvia nos cristais, a modo de bágoas.
Daquela, cando as mulleres escriben, podes atopar libros como Ben sabe o mar que posúo o botín dos piratas de Luz Campelo, esa muller que ri na cuberta do libro aínda cando o seu peito é unha cicatriz que fala dese cangrexo que é cancro... tal vez porque seguindo a Pilar Pallarés "O meu ser animal non teme ao inverno" e porque a dor forxa o espírito, en verbas de Concepción Arenal que ela recolle no limiar.
Dun eu fragmentado e de naufraxios, de sentimentos oceánicos. Só co primeiro poema "O meu corpo é un memorial" xa vale a pena o libro, porque esa definición prolongada se fai descrición dun mundo en guerra dende o principio dos tempos pero vivida en carne propia, no corpo violentado que é campo de batallas, territorio ocupado, non lugar, conflito armado... E "e nun último intento antes de que me devoren os medos / antes de que os ciclopes craven o tridente de Poseidón no meu peito" voará como esfinxe ceibe porque agora é sabedora do seu segredo e do valor que se concede.
Dialoga a poeta coa nai e coa palabra. Fala da dor da perda e do sangrado polas pedras, da lingua de glaciar prehistórico debaixo do que aniña un bosque atlántico e todas as arpas oceánicas; fala da escasa marxe de futuro que queda e como arreda cos cóbados a morte; fala da busca das antigas palabras que esnaquicen o bosque do silencio, que derruben as murallas ou que atopen o reloxo inverso. A valentía fronte á enfermidade e o desamor, sempre traxedia por moi cotián que se presente. Mirar á cara do tempo longo, o que vai máis alá dos países ata tocar nos primeiros animais, nas miradas orixinarias sobre o planeta e a orixe da vida, volver ao principio cando semella pecharse o círculo.
As palabras fanse oráculos cando falan do tempo das amputacións ou da ganancia da derrota, van máis alá do corpo propio para asumir a natureza toda, a terra enteira que hai que defender porque o desastre é total e a autora recollerá deuses e heroes, deusas e ilustres, mitos e nomes para a oración que é loita.
Canta valentía hai nese naufraxio, do que -como lectoras- agardamos salvar tripulante e nave!
Canta autenticidade nesa escrita e canta alegría nas imaxes que nos golpean o diafragma, unha e outra vez, golpes na porta do templo.