Villar Janeiro, Helena - miércoles, 25 de enero de 2023
Por enriba dos soutos pasara o corvo rumbo a ningures
como anticipador dun sono estraño das ouriceiras
cando os homes deixaran
o derradeiro rito de arborícolas.
Na varexa outonega dos castiñeiros,
coa lizgaira habelencia do dominio
das xostras cimbreantes de abraira que chegaban ás feiras
dos altos ríos no primeiro andar,
gatuñaban os homes como esquíos ás ponlas
a brear nos ourizos.
No camiño do tempo perdéronse varexas, talas, cestos,
sazón de apodrentar, forza pisada, danza de angazos
e castañas ao lombo ata o caínzo
para ir baixando pouco a pouco ás bocas.
Os ventres de ouriceira foron daquela estériles
e retornou a pedra a ser quen sempre fora:
verde tapiz de mofos no invernal avesedo
e artificio e sostén para calquera oco.
Foi cando adormeceron canda as curmás pallozas
un sono sen idade,
redondez primixenia dos Ancares, a Serra
que mira de moi lonxe, cantas veces
toucada pola neve.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora