Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ourensalia: Creo que teño escrito aquí...

lunes, 15 de diciembre de 2008
Creo que teño escrito aquí, máis dunha vez, que ó longo da travesía que levo cuberto por esta ourensalia xa me teñen dito de todo; máis como consecuencia, se cadra, da mala explicación que eu faga, ca porque vostede, lector, non entenda o que escribo.

Dende preguntarme -como me preguntaron unha vez, cando empezaba a soltarme no delicado mundo do columnismo- se era o cura o que me escribía os artigos, ata pedirma emprestada -coma se isto fose unha leira inscrita no rexistro- para escribir un texto que querían enviar a un premio xornalístico; o fardel de anécdotas empeza a ser certamente xeneroso.

Algunhas xa as teño compartido. Outras, sen embargo, están almacenadas no caixón dos pasos perdidos, porque mantelas no presente non leva a ningún sitio.

Unha que creo que nunca contei, pero que lle acae ben á que me provoca escribir isto, tivo lugar no despacho do alcalde da miña vila, estando na súa compaña e na dun delegado provincial dunha consellería de cando o goberno era omnímodo.

Falando de cousas intranscendentes e non sei se dalgún meu artigo, nun intre da conversa o espabilado político espetoulle ó alcalde algo así como: E ti, como tes a este do Bloque contigo?

Loxicamente, o alcalde contestoulle que eu non estaba, nin deixaba estar, senón comigo.

A cousa non pasou a maiores porque nunca quixen facer leña cando a árbore acabou sen pólas no camiño, aínda que tiven máis dunha ocasión para pasarlle factura por aquel impertinente detalliño.

Agora, sen embargo, os tempos mudaron e os delegados son outros, pero os acenos seguen semellando acenos de meiriños.

O caso foi que, tamén co mesmo alcalde como testigo, un que ten mando en praza na ala nacional do bipartito recriminoume esta fin de semana que estaba sendo demasiado crítico co Bloque, é dicir, o partido ó que por decreto me afiliara anos atrás aquel seu colega popularciño.

E non só iso, senón que escribía coma "resentido", procurando sempre "detalliños" superficiais carentes de contido.

Evidentemente, se daquela non fixen leña, con menos motivo a vou facer desta, porque el sabe que o aprecio que lle gardo desculpa calquera vedetismo.

Ora ben, dito isto, tamén direi que, como tamén sabe, entre decepcionado e resentido hai un quilométrico treito lingüístico.

Resentido estaría se non recibise algo persoal que tivera pedido. Decepcionado estou porque esperaba moita máis coherencia da que nos teñen ofrecido.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES