A Filosofía en Galicia
martes, 24 de enero de 2023
A pasada semana defenderon a súa tese de doutoramento na Facultade de Filosofía da USC as investigadoras Alba Iglesias Varela e Rocío Carolo Tosar, ambas na modalidade de "doutoramento internacional". Alba sobre a dimensión filosófica da obra do escritor xaponés Yukio Mishima; Rocío sobre a filosofía da saudade de Ramón Piñeiro. As dúas obtiveron sobresaliente cum laude e todo indica, polas valoracións do tribunal, que ambas foron propostas para premio extraordinario. Fai menos dun mes foi Emilia Castón Blanco a investigadora que defendeu a súa tese sobre hermenéutica filosófica e exexese bíblica na obra de Paul Ricoeur, obtendo tamén a máxima cualificación.
Deixando aparte o orgullo que sinto como director dos devanditos traballos, o feito é relevante por outras razóns. A primeira é que a Facultade de Filosofía, creada por Carlos Baliñas Fernández no curso 1973/74 e que se achega ao seu medio século de existencia, é hoxe un Centro no que se investiga o pensamento contemporáneo no só da tradición galega, española e europea, senón tamén do pensamento oriental, ata hai pouco ignorado en Occidente. Abriu camiño nesta liña de investigación no ano 2013 Juan José López Pazos, alumno formado no noso programa de doutoramento e profesor na actualidade da Universidade de Tenri (Xapón), cunha tese sobre "Esencia y vacío en la obra de T. Izutsu y K. Nishitani".
A miña segunda reflexión é a incorporación da muller, tan necesaria na universidade española, ás tarefas investigadoras, tamén nas áreas de humanidades. Sería desexable que estas mozas investigadores, que demostraron sobradamente a súa valía, se integrasen como docentes nas aulas universitarias. A filosofía en Galicia vive un momento doce. ¡Cómpre aproveitalo!
Agís Villaverde, Marcelino
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora