Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Perspectivas globais 2023: Un ano de falsa tregua

martes, 24 de enero de 2023
O mundo seguirá pivotando en 2023 sobre os dous eixes máis relevantes da tensión global con epicentros en Europa e en Asia. Iniciado nese ámbito estratéxico no cumio que os presidentes Joe Biden (EUA) e Xi Jinping (China) celebraron en Bali a mediados de novembro de 2022 no marco do G20, alongarase ata mediados de xaneiro de 2024, cando Taiwán celebre unhas decisivas eleccións presidenciais.

No económico todo apunta a que a volatilidade seguirá marcando o acontecer nas principais economías do mundo coa recesión ao axexo, especialmente na Europa e nos Perspectivas globais 2023: Un ano de falsa treguaEUA. Os efectos da guerra na Ucraína discorrerán en paralelo á persistencia do conflito, que se antolla lonxe dunha solución política e diplomática mentres os países europeos non se decidan a tomar o mando da crise, apostando pola conformación dunha arquitectura de seguridade continental e inclusiva. Mentres Rusia poderá seguir compensando a perda do mercado europeo co incremento substancial das compras enerxéticas por parte da China (máis dun sesenta por cento aumentaron en 2022) e outros países (India), os países europeos seguiremos padecendo o agravamento das restricións, dificilmente superables coas achegas doutros países subministradores.

Igualmente, 2023 será un ano importante para a insistencia estadounidense en sacar a China da cadea de subministros das economías occidentais co argumento da “seguridade”. Isto será especialmente crítico no eido dos semicondutores. Exemplos vividos en 2022 como a esixencia do goberno británico á empresa holandesa de chips de propiedade chinesa, Nexperia, a se desfacer do 86 por cento da súa participación en Newport Wafer Fab, máis dun ano despois da súa adquisición, da conta da neurose da política da Casa Branca. Xustamente, esa compañía pasará a outra estadounidense que tiña unha oferta en espera. As presións de Washington ás economías do G7 e da súa contorna para bloquear os investimentos chineses nas áreas relevantes, mesmo recorrendo á ilegal xurisdición extraterritorial para logralo, suporá unha proba moi significativa para a soberanía europea, especialmente para países como Alemaña, Francia ou Italia, pero chegando tamén mais aló, a outras economías importantes como Corea do Sur ou Taiwán. Holanda, que alberga a ASML, o maior produtor mundial de dispositivos para a fabricación de chips, está tamén no ollo do furacán. Os semicondutores afiánzanse como o epicentro da pugna tecnolóxica.

Tanto é así que ata a propia OTAN, en palabras do seu secretario xeral Jens Stoltenberg, rematou o ano 2022 cunha infrecuente invectiva dirixida a algúns países europeos (léase Alemaña e Francia) para que tomen coidado de non seguir a senda de establecer unha nova dependencia coa China trala do Kremlin. A organización de seguridade e defensa, cada vez máis implicada na estratexia global estadounidense, advirte xa con claridade a todos aqueles que aspiren a establecer marcos de neutralidade ou equilibrio para que abandonen calquera idea de pragmatismo neste asunto invocado a “seguridade” das infraestruturas críticas, os sectores industriais clave ou as cadeas de subministro. O desacoplamento vivirá en 2023 un escenario definidor para asentar ou non como unha tendencia principal que dea azos á reedición dunha guerra fría.

Países alén da UE como Reino Unido ou Canadá, implicados a conciencia na estratexia anglosaxoa, tomaron xa partido aberto pola posición estadounidense. Na súa nova estratexia para o Indo-Pacífico, Otawa, cun 7 por cento da participación chinesa no seu comercio fronte ao 68 por cento estadounidense, alerta, non obstante, sobre a necesidade de reducir dependencias e os perigos asociados á relación coa China. No caso británico, cun nivel de interdependencia coa China moito maior, o novo primeiro ministro Rishi Sunak, fixo xa durante a súa campaña electoral entre os conservadores un forte reclamo anti-chinés, manifestándose a prol non só do veto á adquisición de Newport Water Fab senón mesmo da prohibición de todos os institutos Confucio que acollen as universidades británicas.

As voces que na Europa e no mundo expresan preocupación pola énfase excesiva na rivalidade sistémica conforme ao discurso que emana da Casa Branca e do Pentágono para asegurar a súa hexemonía, son obxecto de crítica desacomplexada. As viaxes a Beijing do chanceler Olaf Scholz ou de Charles Michel, presidente do Consello Europeo, que serán seguidas pola de Emmanuel Macron a comezos de 2023, son analizadas con lupa e acompañadas de advertencias aos países europeos que opoñan resistencia aos movementos xeopolíticos de Washington a prol de endurecer as restricións de todo tipo coa China, e esixindo que se adopten unha por unha as medidas estadounidenses. As dúbidas sobre a capacidade de Europa para defender unha mínima autonomía estratéxica suxiren tamén aquí unha proba definitiva para unha UE que en 2023 será campo de batalla preferente na pugna pola influencia diplomática das dúas grandes economías mundiais en disputa.

Cambio de paso
Ninguén sabe o que pode dar de así o cambio de paso acordado entre Joe Biden e Xi Jinping no seu primeiro cara a cara, pero o escepticismo é comprensible. A listaxe de contenciosos sino-estadounidenses é impresionante e abrangue a práctica totalidade dos dominios. En xaneiro, o secretario de Estado A. Blinken visitará a capital chinesa, mentres o diálogo entre os responsables de defensa foi xa retomado, ao igual que no eido climático, certamente moi necesitado da colaboración activa entre os dous países.

China, trala celebración do XX Congreso do Partido Comunista en outubro e á espera dos novos nomeamentos nas principais instancias do Estado que se demoran ata marzo de 2023, deberá acelerar a conformación dos seus novos equipos negociadores para ese diálogo multisectorial que debe contribuír a manter abertos os canais de comunicación. Se ese diálogo se afianzara, os seus efectos en relación aos diferendos de Beijing con Xapón ou Australia poderían resultar beneficiosos. Non obstante, pode que non pase dunha sensación de falsa tregua con vistas a encarreirar as tensións mais que a resolvelas propiciando cambios de enfoque.

En Asia, Washington enfronta desafíos importantes na construción dunha coalición para conter a China. Moitos países da rexión son remisos a confrontar co seu xigantesco veciño, que non só é xa unha potencia militar significativa, senón tamén un socio comercial clave e unha fonte de inversión. Trala entrada en vigor do RCEP (Asociación Económica Integral Rexional), é probable que en 2023 se tomen decisións a respecto da participación da China no CPTPP (Tratado Integral e Progresista da Asociación Transpacífico) se logra salvar as reticencias de Xapón e Australia.

Os EUA seguirán premendo nunha China que se enfronta a un escenario interno que non pode pasar por alto as protestas de finais de novembro pola política de Covid cero. É de esperar que as restricións se moderen de xeito progresivo, o cal permitiralle recuperar o pulso económico, moi afectado polo recurso a uns confinamentos caracterizados pola súa extrema severidade. O regreso a certa normalidade contribuirá tamén, inda que limitadamente, á recuperación da economía mundial

No asunto de Taiwán, trala vitoria dos unionistas (Kuomintang) nos comicios locais do 26 de novembro último, ábrese un longo ano electoral ata xaneiro de 2023. A opción entre unionistas e secesionistas decidirá o futuro inmediato do estreito de Taiwán e incidirá na prevalencia pacífica ou belicista das estratexias en xogo. Será un ano particularmente intenso para todos os actores con interese nesta ecuación na que se dirime non só a primacía rexional senón poida que tamén global.

Os EUA insisten en meter no mesmo saco a Ucraína e Taiwán como tamén en salientar a conivencia de Rusia e China, como dixo o secretario de Defensa Lloyd Austin no Foro de Seguridade Internacional de Halifax, para trazar “un mundo onde o poder fai a razón”. A remodelación de Asia e do sistema internacional para adaptalo ás súas preferencias autoritarias ten nestes dous escenarios a clave de bóveda.

En canto a Europa, a guerra de Ucraína condiciona toda a estratexia –ou a ausencia dela- continental. A longa duración do conflito e as súas consecuencias puidera en 2023 brindar unha oportunidade para abrir camiño a unha solución dialogada e política. Non obstante, nada hai menos seguro.

E mentres os xigantes ocúpanse en enredarnos a uns e outros nesas controversias nas que se decide o destino do mundo, á marxe quedará o sufrimento de tantas comunidades humanas vítimas tamén da opresión e da guerra, dende Palestina a Iemen, Curdistán ou Myanmar, o Sáhara ou o continente africano (Nixeria, Somalia, o Sahel, a República Democrática do Congo, Libia, República Centroafricana, Etiopía, Sudán do Sur, etc), que en gran medida padecen a maiores as consecuencias de que a actualidade internacional siga dominada case en exclusiva pola invasión rusa na Ucraína, acaparando –e detraendo- igualmente gran parte dos recursos destinados á implementación de políticas de paz. Cabe desexar que a negociación aberta en Colombia polo presidente Gustavo Petro culmine positivamente e tralo acordo de 2016 coas FARC poña un fin definitivo a tan longo conflito. Con seguridade, dará azos aos que pensamos que é a política o talismán que asegura unha solución duradeira dos conflitos por mais enquistados que foran.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania