Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Case 50 anos!

viernes, 20 de enero de 2023
Intervención de Marisol, na presentación do Libro 'Xesús Mato 90 anos... e 50 do seu Fuxan os Ventos', na Biblioteca Pública.

CASE 50 ANOS!

Boa tarde!
Para empezar teño que dicir que esta situación -eu aquí abaixo e os compañeiros arriba- é reflexo do día a día das persoas con mobilidade reducida: ir sorteando obstáculos e descubrindo onde podemos estar ou non. Como ven estou a referirme á falta de accesibilidade ao escenario. Estamos aínda moi lonxe da tan ansiada «accesibilidade universal» recoñecida como obrigatoria desde o 4 de decembro de 2017. Por coherencia, había que dicilo e díxose. Pero non se preocupen, unha leva «recursos incorporados» e vanme escoitar igual.

Por uns momentos, imos cambiar o título do libro por 90 anos... e 50 da súa Auxilia, Case 50 anos!porque Auxilia tamén estivo de aniversario. Xa quedamos poucos para falar da historia desta asociación así que unhas pinceladas sobre os comezos que, de seguro, lle van gustar a Mato. Auxilia chega a Galicia no ano 1969, de maneira casual, porque Domingo, o fundador en Ourense, escoitou unha entrevista na radio ao Presidente nacional na que falaba de «grupos de voluntarios» e dunha «Auxilia juvenil». El daba clases nas Franciscanas e gustoulle a iniciativa pensando nas súas alumnas e, unha vez asentada, exporta a idea a Lugo. Mato xa empezara con Frater, unha asociación vinculada á Igrexa, pero pareceulle que Auxilia tiña un talante máis aberto. Considérase que nace como asociación, en Lugo, o día 1 de maio de 1972. O premio de Mondoñedo de Fuxan os Ventos era de 50.000 pesetas, das que 25.000 foron os primeiros ingresos que tivo Auxilia.

É unha asociación internacional que nace en Francia, no ano 1926, da man dunha enferma con tuberculose ósea que considerou que os enfermos tiñan dereito á cultura e organizou «clases por correspondencia». Despois estenderase a Bélxica, Italia, España e Suíza. En España nace no 1952 da seguinte maneira: un enfermo da Cidade Sanatorial de Terrasa solicitou facer un curso de francés e no Instituto Francés de Barcelona, coñecedores de Auxilia Francia, ofrecéronlle a posibilidade dun curso por correspondencia, extensible tamén aos demais residentes. Máis tarde, os pais dun neno afectado de polio querían clases para o seu fillo, como a opción da correspondencia non era factible expuxeron a situación nun curso de Preu e curiosamente os corenta e cinco alumnos se brindaron a colaborar ofrecendo unha hora á semana para darlle clase, así naceron as «clases a domicilio».

Estas dúas asociacións, Frater e Auxilia, foron pioneiras xunto a seis máis: Once, Cáritas, Anic, Asociacións de subnormais, Loita contra a polio e a Federación ECOM, e conseguiron que se celebrase unha Conferencia Nacional, coñecida como «Minusval 74», co lema «La sociedad y los minusválidos: una actitud a cambiar». Como ven o tema segue vixente. Ese acontecemento, que inaugurou a princesa Sofía e o ministro de traballo Licinio de la Fuente, reuniu no Pazo de Congresos de Madrid arredor de 2.300 persoas, pero non había minusválidos. Mato estivo nesa Conferencia. O Goberno dera os primeiros pasos con algunha oficina do SEREM (Servicio de Recuperación de Enfermos e Minusválidos) sen saber moi ben cal era a súa misión, a de Lugo estivo no Campo Castelo nun primeiro piso sen accesibilidade. Algunhas asociacións de minusválidos de Madrid, Barcelona, Coruña… empezan a loitar con moita forza chegando a pecharse nesas oficinas do SEREM. Os galegos temos o orgullo de estar neses comezos, por iso sei que non foi fácil organizar o movemento asociativo. Tamén descubrín rapidamente que asociacións como Auxilia non eran ben recibidas. En concreto a II Asemblea foi moi polémica chegando a pequenas agresións e un boicot. Por alí andaba Mato de relacións públicas facendo entrevistas para Radio Popular de Galicia. Hai pouco recuperei as palabras de Marcelino Camacho, secretario xeral de CCOO, e do deputado andaluz Juan de Dios Ramírez Heredia no acto de clausura. Dúas persoas que nos apoiaron sempre e coas que compartín varias reunións ata conseguir que se aprobara a primeira Lei de Integración Social dos Minusválidos (LISMI). Confeso que me sentía máis identificada con esta loita que coa actitude de Auxilia, que non participaba destas actividades.

Na Auxilia que eu coñecín a nivel estatal, os minusválidos eran unha minoría e tampouco abundaban as mulleres. Cada ano había unha reunión xeral que lle chamaban Pleno, en Madrid. Ao primeiro que asistín foi con Mato e dous máis de Monforte: outro cura e un rapaz. Facía moito frío e paramos no Manzanal a tomar algo. Era un venres de vixilia e Mato veña a pedir xamón para picar, o outro cura era máis de gardar as normas e non sabía onde meterse. Tampouco eu sabía onde me estaba metendo, xa me parecían demasiados curas. Nesa reunión fixéronse grupos de traballo e quedaron atónitos cando viron que eu opinaba e opinaba con contundencia porque xa coñecía a forza dos outros grupos que loitaban.
Case 50 anos!
Fago un inciso para dicir algo máis de como coñecín a Mato porque esta zona de Ramón Ferreiro tráeme recordos. Os nosos comezos tamén foron complicados e xa van «Case 50 anos». Coñecino un día que me falou de Auxilia á saída do Instituto, a súa voz xa a escoitara na radio. Eu vivía aí ao lado, en doutor Fleming, e era fácil que me vira, sobre todo, os domingos. Outro día parou o seu coche para dicirme se quería ir a un Magosto a Monforte. No verán, estaba esperando por unha compañeira para volver ao campamento de Maxisterio e tamén parou. Quería saber o curso que facía e botouse a aproximar: «ao mellor xa estás en 5º ou en 6º». Cando soubo que acabara primeiro de Maxisterio díxome directamente: «ti podías ser moi interesante para Auxilia» e marchou. Despois víao nos festivais Operación Sol e, como conto no artigo 'Aínda queda que dicir', encontreino na colonia.

En Lugo, Auxilia empeza a súa actividade partindo de cero, non había datos e o primeiro censo fíxose con aportacións dos curas, dos mestres, dos estudantes... Non foi fácil porque os minusválidos estaban pechados nas súas casas, nin os veciños sabían moito da súa existencia. Era normal chegar a unha aldea e preguntar por Fulanito ou Fulanita e non sabían quen era. E da cara de desconfianza con que nos miraban xa nin lles conto. Con este motivo empezáronse a organizar Grupos Comarcais: reunións en cada concello despois de que nos facilitaran un listado de xente para citar, e así poder informar de que tiñan que estar recoñecidos para acceder a algún tipo de axuda. Había tal descoñecemento que no listado viña de todo, non se sabía quen era minusválido. A modo de exemplo: no concello de Barreiros, o alcalde quedou tan impactado despois da nosa charla que, ao acabar a reunión, dixo que á semana seguinte pagaba un autobús a Lugo para que os recoñecesen a todos. Boa intención, pero todo tiña un proceso. Demos un paso máis das clases por correspondencia e das clases a domicilio coa creación dunha Aula Colectiva no Colexio Santísimo Sacramento na que se lles ensinaba a ler, escribir, o máis elemental, Graduado Escolar..., conforme ao seu nivel, a persoas que nunca ou case nunca saíran das súas casas. Precisamente a primeira rampla que se fixo no Instituto Feminino, hoxe Ollos Grandes, foi porque se matricularon dúas rapazas en cadeira de rodas que aprobaran o Graduado Escolar. Auxilia derivou en facer moitas cousas, pero non podemos esquecer que o obxectivo fundamental é que ninguén quede sen acceso á formación. Agora semella que só se asocia á accesibilidade.

Algo característico de Lugo era a presenza nos medios de comunicación, por Mato claro. Ao principio non se entendía, pero conseguimos facer unha Auxilia máis aberta chegando a crear unha Coordinación Xeral de Acción Exterior. Compartimos viaxes, alegrías, desgustos e discusións encamiñadas a cambiar de traballar para a traballar con. Tamén nos tocou vivir momentos moi duros como o seguinte: Unha rapaza que vivía cos avós veu moi contenta para a aula do Santísimo Sacramento, pero os avós non a deixaban vir de boa gana. O caso é que a rapaza morreu e fomos os dous dar semellante noticia. Era unha casa de aldea das que teñen postigo na porta e o avó, que estaba cunha vara, cruzou os brazos enriba sen abrir, como se intuíra algo. Mato púxolle a man no ombro e díxolle: «pero deixaranos entrar» e, pouco a pouco, foi abrindo a porta e pasamos para a cociña.

E para rematar, Mato non te libras dun tirón de orellas. O presidente de Auxilia recolleu nun libro a historia de Auxilia en España, o fundador en Galicia tamén escribiu a historia en Galicia e a de Lugo, que representou tanto a nivel España e a nivel provincial, está aínda sen facer. Unha mágoa que se perda todo o material escrito e sonoro dos primeiros tempos. Aínda así, só me queda dicirche unha vez más, PARABÉNS, Mato!

(Foi gratificante ver como sorría lembrando momentos compartidos, incluso con ganas de interromperme. Tamén resalto, dese día de frío intenso, que xa quedan iniciadas as xestións para chegar á accesibilidade do escenario da Biblioteca).
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES