Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Escribir dende unha e sobre unha

jueves, 19 de enero de 2023
A min gustáronme Sete palabras de Suso, esa novela na que el desentraña a súa orixe e nos vai contando o proceso e emocións que sente. Na presentación editorial dise: "un monólogo infestado de reflexións metaliterarias; unha novela da memoria, persoal e colectiva, que enxalza aos desherdados da terra de onte e de hoxe. Un relato Escribir dende unha e sobre unhade familia en suma, tramado coas vimbias da mellor tradición literaria, no que subxacen o peso da ausencia e do abandono, do amor paterno-filial coas resonancias bíblicas das Sete palabras". Non se pode dicir mellor. Certamente era unha gran obra, sincera e auténtica, na que o narrador e autor nos falaba coa súa voz abrindo unha nova canle na literatura do momento, pero os inimigos estaban agardando coa tranca detrás da porta para facerlle pagar a ideoloxía e o compromiso, para castigalo coa crítica máis feroz. Daquela Suso, o autor con menos ego que coñezo, falou de humildade, deixou a dedicación á escrita e volveu á escola. Non se pode atopar máis dignidade nun creador. Tempo despois, cando chegou a xubilación, fíxolle fronte á biografía de Baltar, un compostelá que cumpría reivindicar e fíxoo coa mesma metodoloxía: contándonolo todo dende o narrador - autor - investigador que nos vai desentrañando a verdade nun proceso de escoita e escrita.

Agora ando a ler a unha autora que narra dende si e sobre si.
Necesito escribir, tal vez, para ir aclarándome.

Teño dúbidas, por un lado seméllame moi valente ao poñer sobre a mesa quen é, como é, as súas enfermidades, querenzas e manías, toda a cultura que leva no interior, a familia, as amizades, as rarezas e convencións... É máis exacta na descrición das persoas que nas cidades, máis evidente a súa relación cos demais que o relato.

Fálase das novelas que escribe pero semella que toda é a mesma novela.

É posible que sexa un sino de madureza da literatura galega: xa podemos ter unha autora que novela a súa vida, unha e outra vez, sen saír do carrusel ou da caixa de música, sen ir máis aló de si mesma e da súa familia. Dar voltas sobre si mesma sen saír do círculo. Iso é correcto, conta con autenticidade e conta ben, fala da enfermidade mental e iso normalízaa (e agradecémosllo, igual que a Úrsula Heinze).

Certamente está ben contar con esta voz na nosa literatura, unha voz nova e moi culta que fala de referentes cinematográficos, literarios ou xeográficos con dominio, que se debruza sobre o papel quitándose non a roupa senón a pel, descubríndonos que hai detrás da historia, nun exercicio de disección que pode asustarnos.

Esa é unha das dúbidas: como cargamos con esa vulnerabilidade que se nos entrega? Como resistimos sen abrazala como se fora algo noso? porque xa o é... despois de lerlle tres libros.

A outra pregunta é: ten sentido seguir a presentarse aos premios con novela na que se comparte mesma historia das anteriores xa publicadas? Todo o xurado sabe -antes de abrir a plica- a quen está premiando, pero se podemos recoñecelo polo estilo, por que non facelo pola temática, personaxes...?

Debo confesar que me atrae esa maneira de declarar: "Escribir para comprender a infinidade do mundo en que vivo como se fose unha casa que me pertence", "As cicatrices, como todas as feridas, son un consolo para quen as leva sobre a pel", "A escrita é unha cicatriz, un elefante branco que insisto en conservar a pesar de todo", "A literatura estragou as miñas mellores horas de amor, mais é o meu disfrace, precísoa para recoller certezas coas que vestirme para estar no mundo, para ordenar o que falta e o que me sobra", "Antes pensaba que o oficio de escritora era sementar, agora comprendo que é a seitura", "Ten medo de que o queiran. É difícil achar a beleza do peixe globo, aprender a amar o que nos doe"...
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES