
Este domingo, xa principiando a semana que vai rematar nunha das festas típicas de Vilalba, a do Capón, imos honrar a un dos fillos predilectos desta comarca, e en concreto da súa república das letras, Agustín Fernández Paz. Leva anos axudandonos a viaxar por mundos reais e ficticios, xa é o compañeiro que todas e todos buscamos para deleitar a vida, coa maxia da súa pluma. Hai tres anos, o Rañego cativou a un grupo de amigos, coma o Rio dos nosos soños. No seu lombo suxerente fomos descubrindo a Galiza, que se recoñece na Terra Chá. Os seus movementos van reflectindo unha historia secular. Nacemos á vida, enchoupados nun río, o da nosa infancia. Aquel que regula o frio e a calor do noso berce
O Miño de Manuel María ou Paco Martín, o Rañego de Agustín Fernández Paz. ¡Cantos paseos, enxergando soños, do neno Agustín, acompañando á súa nai, a carón do muíño, naqueles alongados meses de verán, onde se atopaban moitas mulleres lavando a roupa, e as nenas e os nenos xogando cos cabaliños do demo!. Por iso, escoitamos a chamada das súas augas insondables, que nos urxen a celebrar o caudal inxente da súa creación, a forza expresiva deste escritor. Sen dúbida, tamén motivado por estas viaxes reais e imaxinarias, a esta fonte sempre nutricial, habitada por un universo de seres, que se viste cada estación das cores máis sorprendentes
Un río, que coma a literatura de Agustín, deita ao seu abeiro, unha fervenza emocional, para todas e todos, porque o amor non ten idade.