Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vivir do conto

jueves, 11 de diciembre de 2008
A literatura galega contemporánea, é dicir, a producida dende a metade do século XIX até hoxe, é unha realidade que foi medrando engordiñamente en condicións moi precarias até chegar a constituír agora mesmo un importante patrimonio cultural que ten a particularidade de ser froito dun galano silandeiro que o esforzo dunha xa non pequena nómina de persoas ofreceu ao longo dos anos á colectividade galega, sen que esta, na súa maior parte, mostrase interese ningún por ela, senón máis ben todo o contrario, certo desprezo ou indiferencia.

Hai moita xente, e polo tanto tamén moitos galegos que nin tan sequera saben o que é literatura, polo que mal poden saber que Galicia posúe unha literatura de seu, moderna e mesmo competitiva en moitos aspectos. Pero de entre aqueles que si saben algo de ámbalas dúas cousas, dáse a miúdo unha actitude (inconsciente?) cara aos escritores e críticos que conleva a crenza de que, lonxe de ter que retribuílos pola súa obra, bastante fai a sociedade con aturarlles as súas vaidades e con deixalos falar dende unha palestra. Non consideran que un escritor poida desexar vivir do que escribe, como viven un modisto do que deseña, un pintor do que pinta, un decorador do que decora ou un futbolista do que xoga. E mentres se lle nega o pan e o sal aos profesionais da escritura dentro do país, con seguridade, cando un deses galegos indiferentes ou desprezativos sae a fóra no desaproveitará ocasión de presumir diante das súas amizades castelás, vascas ou catalás de que tamén en Galicia existe unha literatura e unha lingua propias.

Afortunadamente, temos xa plumas liberadas, é dicir, persoas que viven exclusivamente do que escriben, e fundamentalmente do que escriben en lingua galega. Dende logo, no é un camiño de pétalas de rosa o que lle espera a quen decida abandonalo todo pola literatura, pero debe ter a súa compensación íntima saberse rara avis e poder vivir realmente do conto.
Tarrío Varela, Anxo
Tarrío Varela, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES