As virtudes do pescado
Editorial - jueves, 11 de diciembre de 2008
Fomos unha potencia en pesca e seguímolo sendo, a pesar que na Galicia do interior o tema non ten callado o suficiente, como se non funcionase unha ósmose social que permitise a interrelación entre a montaña e os vales do interior coa ampla franxa costeira da Galicia exterior.
En tempos, nas montañas de Pedrafita existía unha enfermidade de bocio carencial, derivado de xeito especial da falta de yodo e polo escaso ou nulo consumo que nestas terras se facía do pescado fresco. Moito se ten avanzado nas últimas décadas, pero pensemos que esto aínda se daba a mediados dos anos setenta.
As dietas atlánticas, especialmente baseadas no pescado, non tiveron a difusión e o respaldo da chamada dieta mediterránea, aínda que as súas bondades son cando menos as mesmas.
Vense de celebrar en Vigo unha reunión internacional sobre La alimentación y la nutrición en el siglo XXI, onde se puxeron de manifesto as especiais características da dieta galega e do pescado, resumindo o Dr. Aniceto Charro (Ver www.galegos.info) estas vantaxes en que as mulleres embarazadas que consumen racións de pescado, dan a luz a bebés cun maior desenvolvemento intelectual, mellor adaptabilidade social e maior capacidade de visión.
A razón está, segundo o prestixioso doutor galego, nos ácidos grasos Omega 3, dos pescados e mariscos, que contribúen a frear os procesos dexenerativos e de envellecemento, amén doutros problemas de primeira orde para a nosa saúde.
Velaquí un tema de importancia primordial para a nosa saúde, para a nosa alimentación, para a economía e para a vida, que merece a atención de varios departamentos da Xunta de Galicia e -conxuntamente- emprender campañas de divulgación e mentalización en orde ó maior consumo e valoración do noso peixe.
Moito hai que facer neste campo, onde todo está predisposto ó noso favor e onde nunca se nos chamou a participar cando só beneficios se poden agardar dunha acción decidida da Administración e empresas implicadas, no que pode e debe participar toda a sociedade galega.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora