Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas Xacobeas: Barbadelo, cemiterio e hospitalidade (VI)

lunes, 16 de enero de 2023
Dende a súa fundación ata o ano 1820, por espazo de máis de dez séculos, as sucesivas igrexas do Mosteiro de Santiago de Barbadelo deron acougo aos restos mortais dos seus abades, abadesas, monxes, frades, "Deo votas" e outras xentes relixiosas, a peregrinos e aos seus benfeitores e deudos e en xeral aos fregueses do amplo Couto de Barbadelo.

O "cemiteiro barbadelense" foi percurado como lugar de enterramento por numerosas Cousas Xacobeas: Barbadelo, cemiterio e hospitalidade (VI)persoas que fixeron xenerosas doazóns ao establecemento monástico e dos que se gardan memorias na documentación medieval, mentres o común dos fregueses estaba na obriga de pagarlle á fábrica da igrexa, xeralmente en gran, o dereito de foxorio por cada enterramento que se facía.

Dende 1820 as foxas funerais abertas na terra, seguindo as normas gubernamentais, abríronse no amplo adro no que había o cabido frenteiro e un alpendre apoiado no muro norte.

Andando o tempo deuse unha permisividade fomentada polos párrocos e permitida polo bispado, sen que as autoridades civís tomasen cartas no asunto, e autorizaron o levantamento de panteóns e nichos, no caso de Barbadelo, de considerable altura que polas bandas leste e norte constitúen antiestéticas murallas que impiden a visión do conxunto monumental.

Como a parroquia é a máis extensa do concello de Sárria e as numerosas familias nela asentadas desexaban ter espazos para enterramentos, desbotando a tradicional inhumación en covas, os fregueses que non tiñan panteóns promoveron un Cemiterio a carón do Campo da Festa e dando fronte ao Camiño de Santiago e na actualidade fanse enterramentos no adro-cemiterio, propiedade do bispado de Lugo, e no novo camposanto de promoción veciñal.

O Hospitaliño

A hospitalidade caridosa e a acollida dos peregrinos, seguindo as normas da Régoa de San Bieito, foron exercidas por séculos no desaparecido Mosteiro, e cando aquel espazo de convivencia foi obxecto de aforamento a particulares, non por iso os monxes deixaron de darlles pousada aos pasaxeiros e xacobitas e así no século XVIII, cando se Cousas Xacobeas: Barbadelo, cemiterio e hospitalidade (VI)fixeron as obras de remodelación da vella igrexa mosteiral coa construción no lado norte dunha sancristía, formando unidade con ese espazo alzaron unha camareta, "O Hospitaliño", que foi dotada dunha lareira metida na parede medianil coa sancristía e dunha fornela que permitía que os alí acollidos puidesen cociñar para a súa mantenza e quentarse, para o que había sempre unha provisión de guizos e estelas ao seu dispor. Completaban a dotación un ou máis leitos con xergóns de palla. Para entrar na estancia, con acceso direito dende o adro, hai unha porta e na actualidade ese espazo é o rocho no que se gardan cousas da igrexa sen utilidade ningunha.

A existencia e destino dese hospitaliño foi formalmente comunicada aos servizos de Patrimonio, pois sería cousa boa acondicionalo dándolle o aspecto que no seu tempo tivo, para coñecemento de cantos na actualidade manteñen a vella tradición da pelerinaxe. Non houbo receptividade para esa suxerenza e o interior da camareta amosa ao día de hoxe un lamentable estado.

Ata 1836 os monxes residentes na Casa do Priorado, ou da Portaría, recibían na súa residencia a monxes e sacerdotes pasaxeiros e é de supoñer que tamén o farían coas persoas de calidade que por Barbadelo pasasen. O Padre Sarmiento foi un dos ali acollidos.

Na actualidade os peregrinos, ben perto do Mosteiro, teñen acollida no Albergue que ocupa o edificio que foi Escola da parroquia, que é propiedade da Xunta de Galicia e que por coincidir co indicado no Codex Calixtino ("inde Barbatellum") é elixido para facer pousada por moitos peregrinos que non fan noite na vila de Sárria. Diante do albergue está o Campo da Festa, ocasionalmente usado por grupos de peregrinos para actividades ou mesmo acampada.

Na parroquia hai ademais outros catro albergues de promoción privada e varios establecementos hostaleiros.

Anos atrás houbo un proxecto polo que se pretendía instalar a carón do igrexa mosteiral un hotel de catro estrelas e tendo en conta a cualificación de BIC da igrexa e da anexa Casa do Mosteiro, afortunadamente, non lle deron aprobación. En realidade, Santiago de Barbadelo segue a manter na actualidade a importancia que históricamente lle correspondeu na vía pública dos peregrinos.
López Arias, Xaime López (Arlindo)
López Arias, Xaime López (Arlindo)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES