Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Palabras da hucha da memoria comunal

martes, 10 de enero de 2023
Máis ou menos desde que hai agora unha ducia de anos me asentei por Vigo tras case medio século de estancia en Madrid, entre os meus variados intereses estaba tamén -a xeito de persoal hobby ou afección- o de intentar recoller circunstancialmente palabras ou expresións esquecidas da nosa lingua que desde diversos e casuais contactos ou instancias puideran chegarme.

O río do tempo e dos nada suaves temporais ós que estivo e aínda está sometida a nosa lingua facían necesario atender dalgunha maneira a salvar do seu naufraxio usos e expresións lingüísticas nosas que en tempos anteriores ou aínda relativamente próximos eran de uso corrente.

Para en tal sentido dar a coñecer a un público máis amplo o que se pretendía con «Palabras con memoria», a intelixente iniciativa da «Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega» (a.e.l.g.), publiquei un modesto artigo co título de «Palabras náufragas» no Faro de Vigo do 27 de abril de 2015. Nel insistía na importancia dese traballo de recollida de palabras e expresións que non figuran nos diversas dicionarios da lingua galega. O artigo remataba deste xeito:

Que estas liñas poidan servir para que novos xenerosos socorristas de palabras náufragas a punto de afogaren informen debidamente sobre elas, contribuíndo así a fortalecer a nosa lingua.

Así pois, nos primeiros tempos estiven en cálido e amigábel contacto (aínda que a física distancia case sempre) con Isidro Novo, alma e vida da mencionada iniciativa lingüística, ata que por desgraza a imprevista morte o visitou. Case sempre, despois da «inspección de rigor», acostumaba comunicarme que introducía os novos achados que lle anunciaba –tal como xocosamente se expresaba– «no saqueto» ou que ían «para o pote a axudar a engordar o caldo»...

Cando no mes de outubro do 2015 lle comentaba, baseado na información que aparece no libro O val de Quireza de que nesa parroquia cerdedense chamaban «gloria» a «boliña de carne entre chourizo e chourizo, por onde cortalos» (1), así me respondía: "Moi interesante, Manuel, a túa "gloria", mirarei se aparece e senón métoa no saqueto, porque ademais é gorentosa»...

De feito teño que engadir aquí que xa o propio Eladio Rodríguez González recolleu no seu coñecido Dicionario a expresión «gloria» como «cada una de las cuentas más gruesas del rosario», aínda que el non a relacionase coa restra dos chourizos. Pois é ben sabido que entre cada grupo de dez doas relativas ás dez avemarías do rosario hai sempre unha que separa entre si os misterios sinalando así o preciso intre de recitar «Gloria al Padre y al Hijo...».

É doado supoñer tamén que a semellanza desta doa solitaria coa aludida boliña de carne da restra dos chourizos opera aquí como base obvia desa rechamante expresión popular. Unha mostra máis da notoria inventiva das nosas xentes.

Tralo inesperado pasamento en 2018 do escritor Isidro Novo, o seu sucesor e tamén escritor Ramiro Torres continúa a dar felizmente continuidade á importante tarefa iniciada por Isidro Novo.

Indicarei, pois, seguidamente en orde alfabética as palabras ou expresións que pola miña parte fun remitindo a «Palabras con memoria» ben sexa directamente ou tralas distintas informacións recibidas de persoas coñecidas. Tódalas aquí sinaladas foron aceptadas e incluídas entre «Palabras con memoria». A meirande parte delas teñen a súa orixe en lugares pertencentes ó concello da Estrada (especialmente na parroquia estradense de Sabucedo) ou próximos ó mesmo.

Queda así agora constancia escrita (en papel) das mesmas aparte da consulta directa e máis ampla que se pode sempre realizar das mesmas na páxina dixital de «Palabras con memoria»: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (aelg.gal):

abichar: verbo usado para nomear o cortexo de parellas que xa teñen unha relación estábel coñecida publicamente e con vistas a unha vida en común.
acelindrar, acelindrar: poñer dereito, endereitar.
acuanar: amañar, arranxar, achanzar (aplicábel tamén ás persoas).
afoute: alegre, contento.
agarrador: persoa que axuda ós aloitadores a manter inmóbil a besta no curro durante a acción da rapa.
alacoto: pau grande e basto que se leva na man.
alba non alba: expresión utilizada para marcar unha puntualidade matinal taxativa e que quizais puidese ser traducida por «non ben raie o día».
alcarraballeiro/a: dise da persoa que ten que levar sempre alguén consigo para facer algún labor ou ir a algún sitio.
aloitador/a: persoa que na rapa se enfronta coa besta para suxeitala (na Rapa de Sabucedo, ao non usar cordas nin instrumentos de ningún tipo, son tres os aloitadores que domean a besta).
aloitar: acción de tentar domear a besta na rapa.
anguear: expresión utilizada cando un can foxe laiándose dun ataque, ou cando ten fame, frío etc.
axoar: afalarlles, berrarlles ás bestas para que vaian rápido; tamén se di en relación coas galiñas, para que se vaian.
barracallazo: flatulencia ruidosa ou escandalosa.
bicho: cría nova cabalar, sexa macho ou femia, ata que ten máis ou menos un ano, que é cando empeza a ser denominada/o poldra/o.
cabañón: cada pau longo que se lle pendura ao palleiro de arriba a abaixo co fin de que a palla aguante os embates do vento. Adoitan utilizarse unha ducia máis ou menos (de carballo normalmente) que se atan ao palleiro despois de lle colocar a este unha capa de palla enriba para que defenda da chuvia a herba e esta non podreza.
camborca: muller mal amañada, estrafalaria, medio parva (quizais sexa unha variante de zamborca que algúns autores recollen con este significado, ademais doutros relacionados coa fauna mariña e a flora terrestre).
camborcia: planta umbelífera que pode producir inflamacións e bochas na pel. Segundo o experto en flora galega Manuel Laínz, estase a falar da Heracleum sphondylium, moi presente en veigas de herba e lugares húmidos.
carballo cerqueiro (ou cerquiño): o que nace a carón dun carballo adulto e que, se ten un avultamento onda a raíz, pode valer para «pau de moca».
cascarota: alguén que é inconsciente, irreflexiva/o, con pouco sentidiño.
catro pés (a): a toda velocidade, a todo meter, liscando, bulindo.
chía escribideira: o nome científico deste paxaro sería o do «emberiza cirlus». Escribenta. chourizos de masa: tipo de chourizos algo gordos, feitos cunha masa de fariña con sangue cocida do porco con algunhas uvas pasas mesturadas coa masa; tomábanse despois de fritos na tixola en pequenas rebandas e sabían doces e agradábeis.
cirafollas: o paxaro denominado tamén virafollas, picafollas ou furafollas.
cirilloto: excremento animal ou humano, cando ten forma cilíndrica
cloco: planta moi coñecida nos nosos montes que recibe ademais outros nomes, como dedaleira, dixital, alcroque, alicroque, estraloque, herba de san Xoán, seoane, etc. (Digitalis purpurea).
corvello: variante de cornello ou cornecho.
cruzar: ademais dos significados obvios e comúns, no argot da rapa, acción pola que dous aloitadores suxeitan a besta pola cabeza, a ámbolos dous lados dela, facendo «cruz» cos seus brazos -dereito e esquerdo respectivamente- arredor dela, tapándolle así ó tempo a visión.
curripia: moza presumida e festeira que non perdía unha na redonda; tamén se di da persoa nerviosa, que non ten acougo, que anda sempre dun lado para outro.
demo marelo: denominación festiva que se lle daba a rapaces e mozos que se comportaban picaramente.
doqueante: refírese a alguén que «ten doca» (preguiza), que é un/ha nugallán/á, lacazán/á etc.
e vía!: ten un sentido semellante a «e asunto concluído!», «e acabouse o problema!».
escambroto: espiña grande e dura dunha planta.
espenecho (en): ten o significado de dicirlle a unha persoa que non leve a cabeza descuberta, que se poña un sombreiro.
estar de días: estar de aniversario ou de santo.
fachado/a: Dise do cabalo ou da egua que ten na fronte un sinal máis ou menos ancho ou alongado de cor branca.
froncia: variante de fronza, folla miúda, pequena rama de xesta ou planta semellante.
gacheiro: dise do sitio, entre unhas raíces ou debaixo dunha pedra grande no río, onde se esconde a troita.
gloria: nunha restra de chourizos, boliña de carne entre un e outro.
herba segueda: herba tenra e vizosa.
laugarrido: ouriolo.
mariñota: tripa máis gorda do porco.
meterlle a un unha entrega: producirlle unha perda ou prexuízo importante.
meterse nunha debullada: meterse nun problema, nunha lea.
mica: en determinadas expresións e con sentido figurado parte esencial e íntima dunha persoa.
muque (a): á forza, por obriga.
palió: pailán, paduán, parvo.
patexo: cangrexo de río (ademais de cangrexo do mar).
patreneostar (deixar de): cando alguén di cousas sen sentido, falar por falar, perda de tempo.
penquear: ter un pequeno defecto físico ou psíquico.
pera de San Lourenzo: variedade de pera bastante saborosa, de tamaño medio, redondeira e de polpa algo granulada sobre todo cara ó centro e tamén un chisco seca (non con moita auga).
por iso: expresión que pode ter o significado de «hai que ver» ou «desde logo».
porcapreña: terreo moi húmido no que, se te metes, te enterras polo menos ata os xeonllos.
puldurú: insignificante, pouca cousa, sen importancia.
raio (de): forte, moito.
rau!: exclamación utilizada para incitar á rapidez nunha acción.
rumeiro: faixa de terreo sen cultivar arredor dunha leira, comareiro, cómaro, cómbaro.
seguir/siguir: atopar, conseguir.
tafarros: solapas da chaqueta.
ter boa saia: saber falar con retranca e bo humor.
torrón/torrona: testá/n, pechada/o no seu parecer.
trainaninas: persoa pouco seria ou badanas.
traquelo: persoa locuaz.
último tornillo (cagarse no): expresión usada co sentido de «Vas ter un bo desgusto!». Parece ter tamén o sentido dunha blasfemia máis ou menos disimulada.
xalvaraxón: dise do que fai as cousas descoidadamente, de calquera maneira.
xareleiro/a: persoa inquieta.
xubixigueiro: aro dobrado que vai no centro do xugo e serve para suxeitar este ó temón do arado ou á cabezalla do carro, por medio da chavella.- Podería tratarse dunha variante de «sabexugueiro» (con igual significado).

Finalmente, e a xeito de coda e dando unha volta case de pinchacarneiro cara atrás de case oitenta anos, velaquí vai algo aínda sobre a relevancia da palabra dita, comentada ou berrada, en tempos de poucos adiantos técnicos mais de poderosas emocións comunais e culturais de moi diverso tipo.

En certas ocasións algúns dos non poucos rapaces que eramos iamos xuntos facer as nosas necesidades «entre o millo», ou sexa, no interior da nosa extensa veiga de millo situada á mesma beira da casa de Sabucedo pola parte de abaixo, chamada por iso «Su a casa» (é dicir, «Debaixo da casa»). Eran tamén intres de conversa comunal e de compañeirismo compartido. Estando nesas, oímos unha voz masculina de alguén dos da casa que desde a parte de arriba da veiga nos instaba a concluír dunha vez a faena deste gráfico xeito: «Rematade xa dunha vez! Ou é que estades cagando un adival?»...

Mais outras veces era a nidia, alta e aguda voz da nosa nai a que xurdía dende a fiestra máis alta da casa chamando por algún de nós que estaría máis alá da «Su a casa», polo Cagallal, en Vesacarballa ou quizais Piquite ou onde fose para nos transmitir algunha curta mensaxe: «Manuel!!! Ai Manuel!!!»... etc. A voz cruzaba no ar, case sen interferencias, podendo chegar así case limpamente ó ouvido de nós, os interpelados, e respondermos.

Ogallá poida algún día a ciencia nos vindeiros tempos rescatarnos do esquecemento tales conversas. Descubririamos quizais a riqueza dun galego que aínda entón era como cómpre!

En vésperas do Día das Letras Galegas do 2022.

Nota:
1. Ver Asunción Álvarez Touriño, A vella Quireza na memoria de Elisea de Fondós. En Carlos A. Baliñas Fernández (Coord.), O val de Quireza. Un recanto da provincia de Pontevedra (Ed. Deputación de Pontevedra, 2015), p. 118.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES