O peor día do ano!
Dicir Ano Novo é dicir esperanza, é dicir ilusión, é dicir alegría. Eu digo que é o peor día do ano! E con moita diferenza. Se trouleas a noite anterior (que a maioría troulea), o día 1 de xaneiro levántaste tarde, mal e nunca. Alá vai medio día perdido. Logo, hai familias nas que uns se levantan e outros non. O que significa que "a gran comida" do día máis ilusionista nin é xantar nin é nada. E os que comemos, que é o que comemos? As sobras da Noite Vella! Pero como tampouco hai moitas ganas de

comer (lembremos que nos erguemos da cama moi tarde), esas sobras seguirán sobrando ata a fin dos tempos.
Logo, para máis aquel, apareceu o día que apareceu no primeiro día do 2023: que non deixou de chover desde o ano pasado. Empezou a chover aí sobre as seis da tarde do derradeiro día do ano anterior e aí segue. Dez horas e cuarto máis tarde segue dálle que dálle, cae que cae. O peor día do ano!
Queda aínda o máis bonito, é dicir, o máis esperpéntico: que onde tomas un café? Entre que caeu en domingo (e moitos bares pechan xa en por si os domingos) e entre a festa que é... hai que percorrer case toda A Valenzá para atopar algunha cafetaría aberta. O paseo non mo quita ninguén, pero que me quiten o café, iso si que non, eh. Iso son palabras maiores, ou sexa, inconvenientes enormes. Grazas a Deus encontrei un e xa estou algo máis contento. Pero o día 1 de xaneiro, o día de Ano Novo, o día dos grandes desexos, das grandes ilusións e das grandes esperanzas... é o peor día do ano!
Buscando algo
Busca e encontrarás. Non sempre. Farteime de buscar e non atopei o que buscaba. Buscaba algo. Por unha rúa máis longa que os días de maio e volvín coas mans baleiras. Case fun deica o infinito e máis alá e ese algo brillou pola súa ausencia. Andei un paso detrás doutro, andei un minuto detrás doutro e andei mentres escoitaba un tema musical detrás doutro. E nada de nada. Nada do que eu buscaba, claro. Porque en toda esa rúa que semellaba que non tiña fin, non atopei ese algo.

Cansado xa un pouco, deixei que a imaxinación buscase a maiores algunha outra cousa. Dábame igual o que. Sei que cheguei a buscar corvos que, na cidade, non é que abunden moito. De esguello buscaba matrículas que acabaran en 5, por exemplo. Buscaba recordos na miña memoria que, eses si, asomaban a esgalla, a darlle cun sacho. Por certo, mesmo cheguei a buscar sachos colgados en algún escaparate. Son moito de sachos. Quizais porque sufrín a causa deles. E o masoquismo está nun.
Ó final, o esencial, aquel algo que buscaba non apareceu. Polo que rematei buscando ó propio demo. Que este si axiña asomou. Estaba en min. Xa que empecei a esbardallar a máis non poder. Contra ese algo que non apareceu e contra esa impotencia que me venceu. Seguirei buscando. Noutra rúa máis longa. Seguro que ese algo o atopo na rúa máis curta. Seguro. Case é lei de vida.