Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De Severino Rivas a Darío Rivas

martes, 09 de diciembre de 2008
PRESENTACIÓN DO LIBRO AUTOBIOGRÁFICO DE DARÍO RIVAS CANDO NO ACTO DE REPARCIÓN MORAL DE SEU PAI SEVERINO RIVAS BARJA

Cordiais saúdos a todas e todos. Grazas polas alusións cariñosas de que fun obxecto; pero non estamos aquí para falar de min. Ninguén me pediu que esqueza a miña condición de cura neste momento, por iso quero evocar un canto de igrexa: “Unha xuntanza de amor temos aquí”, porque a todos nos move o cariño a Darío, o respecto á súa familia, ou a memoria de seu pai, Severino.
Alédame que a presentación do libro autobiográfico de Darío Rivas poida encadrarse dentro deste acto de reparación moral da memoria de seu pai Severino; porque a lembranza permanente do pai, as tráxicas circunstancias que rodearon a súa morte, o obrigado silencio de moitos anos, e a loita e os esforzos por recuperar os seus restos e lavar o seu aldraxado honor son parte fundamental é inseparable das vivencias, das inquedanzas e da personalidade do fillo que se reflicte nesta autobiografía. Esta feliz coincidencia é un atinado logro, que nos enche de satisfacción a cantos tivemos que ver coa realización do libro. Dun xeito especial é satisfactorio para Darío e así satisfácenos a cantos o acompañamos e queremos.
Dito isto, penso que tamén satisfará a Severino que exprese a miña convicción de que os anacos de vida do seu fillo Darío, que el mesmo nos entrega neste libro tecidos de referencias a seu pai e a outros membros da familia, teñen entidade suficiente en si mesmos, aínda que non se tivesen dado, os lutuosos acontecementos que hoxe nos convocan neste acto solemne de homenaxe. ¡Ogallá puidésemos volver a atrás a historia para poder evitalos e non ter que reparalos!.
Ante o inevitable, agradezo que se me propuxese intervir nestes momentos, porque me é moi grato estar tan próximo, mesmo fisicamente, ao admirado amigo en situación tan significativa para el. Ben sei que hai outros con sobrados merecementos para ocupar este lugar, como Antonio Gato que no nome do Grupo Socialista da Corporación de Castro de Rei promoveu no ano 1993 a moción para a realización do primeiro homenaxe a Severino Rivas, escribindo para iso uns apuntes biográficos que van integrados tamén neste libro. Aquela moción deu lugar á dedicatoria da rúa que leva o seu nome. Curiosamente, a asistencia a aquel acto puxo a Darío no camiño do reencontro co pai. Tamén foi meritoria a boa disposición do Alcalde daquel momento, Arturo Pereiro, do PP, e dos demais membros da Corporación que favoreceron aquela atinada iniciativa. Sospeito que non en todos os concellos podería facerse o que daquela se fixo en Castro Rei, porque aínda hoxe non en todos é posible facer o que se está facendo aquí..
Antes falaba dunha coincidencia. A miúdo ás coincidencias chamámoslles casualidades; pero case sempre as casualidades son máis ben causalidades.
Outra desas coincidencias-causalidades é que fai hoxe precisamente tres anos que pronunciei unha conferencia no Centro Galicia de Bos Aires, a onde acudira grazas as boas mañas de Darío, que entre moitas outras calidades ten a de ser un xenial argalleiro... Perdón. Quixen dicir: un xenial diplomático ou, quizabes, un xenial embaixador. En verdadeo é de Castro de Rei e de Galicia en Arxentina.
Só había catro meses que nos saudáramos e nos coñecéramos persoalmente. Tampouco falaramos máis doutras catro ou cinco veces, pero alí no Centro Galicia xa puiden dicirlle publicamente, en voz alta e cheo de convicción.: “Darío, cando sexa grande quero ser coma ti”. O conxunto do que sabía de Darío, o que intuía, o que sentía, o que me dixeron del e o que aprendín por min mesmo nos poucos días que botei por aló moveume, despois de pensalo ben e de consultalo con familiares e achegados, a propoñerlle escribir a súa autobiografía.
As razóns eran múltiples e variadas: Unha era que a cada paso ía descubrindo en Darío un home tan normal que, precisamente polo normal que é, resulta excepcional.
Repúgname escoitarlle a alguén o dito de: “Eu fíxenme a min mesmo”, porque me parece expresión dunha soberbia refinada e nalgún caso teño retrucado: “Así saíches ti”. Pero Darío, que non deixa de dar grazas a cantos lle axudaron, fíxose en gran parte a si mesmo e o resultado foi e é un home ben cabal e un cabaleiro. Sobre unha armazón herdada foise erguendo e medrando un home de sólidos principios e de duradeiros valores tales coma: o honor, o traballo responsable, a solidariedade, a tolerancia, a xenerosidade, o saber ler de corrido no libro da vida sen ter estudos superiores, a fidelidade, o amor aos seus, etc, etc, etc. Valores que quen lea esta Autobiografía poderá descubrir, non tanto polo que el di de si mesmo, senón polo que se intúe por detrás do que se di.
Outras das razón era que, como digo na Presentación escrita no libro mesmo, sendo el, como toda persoa humana, único e irrepetible, tamén é reflexo dun tipo de emigrantes a América na primeira metade do século XX dos que xa quedan moi poucos con capacidade para relatar as súas vivencias que tamén son únicas e irrepetibles.
Unha terceira razón é que considero que na vida de Darío e de tantos outros emigrantes cuxas vidas son en boa parte coincidentes coa del, encérranse moitas leccións para as novas xeración. Leccións que non deben ser esquecidas, senón conservadas para seren aprendidas.
Darío non se deixou convencer á primeira para poñerse a escribir, -outro sinal da súa rexa personalidade. Ten que madurar as cousas-. Mesmo tardou en deixarse convencer á segunda, porque máis adiante souben que antes ca min xa houbera varias persoas, da súa familia e de fóra dela, que o animaran á mesma empresa.
Hoxe podemos gozar deste agasallo das súas memorias como un máis dos moitos regalos que el foi sementando ao longo da súa intensa vida. Facéndonos este agasallo, coido que tamén fai ao mesmo tempo un favor á memoria de tantos outros emigrados que non tiveron as mesmas oportunidades ou capacidades para facernos partícipes das súas penas o dos seus gozos, dos seus éxitos e das súas desgrazas. Pero este regalo tamén é posible grazas a outros familiares e amigos que lle axudamos nesta tarefa. Algúns cítanse no mesmo libro e plasman nel o seu testemuño. Outros quedan no anonimato, pero non no esquecemento. Finalmente podemos ter hoxe este libro-agasallo grazas á colaboración da Deputación Provincial e ao Concello de Castro de Rei, xa que tanto o Presidente da Deputación coma o Alcalde do Concello saben que pode ser unha inversión rendible, porque, se a cultura por si soa non abre camiños, fai que estes sexan máis amplos e nos acheguen máis aos veciños.
O libro consta destas partes: Presentación. Autobiografía. Testemuños de familiares de aquí e de Arxentina. Reencontro co pai (fin de longos silencios). Apunte Biográfico dese pai, Severino Rivas, escrito por Antonio Gato. Fotocopias de documentos de interese relacionados coa detención e morte de Severino. Fotos. Páxinas Webs relacionadas con Darío e o pai. E índice.
Pode parecer pouco volume para tanta cousa. Certamente, se fose unha autobiografía total ou unhas memorias completas dos 88 anos de vida deste “mozo”, en lugar dun libriño ou dun librazo, tería que ser unha enciclopedia en varios tomos. Pero pensamos que é o suficiente para que quen o lea poida recoñecer en Darío un amigo de sempre, como me pasou a min.
E, a través de Darío, tamén podemos saber un pouco máis de seu pai e de súa nai, porque neste caso tamén se fai certo o dito de Xesús no Evanxeo de Lucas: “Cada árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen figos, nin das silveiras se vendiman uvas”.
Do libro fixéronse tres edicións: Dúas en castelán e unha en galego. Das de castelán, unha fíxose en Arxentina, sufragada en parte por Darío e en parte polo noso Concello. Farase unha presentación na Galería Sargadelos de Lugo o día 4 ás oito. Alí haberá exemplares a un prezo simbólico de 5 euros. Os que levedes hoxe son agasallo. E os beneficios dos que se vendan quere Darío que se invertan nalgunha obra humanitaria do Concello.
..............................................
Podería e quizabes debería rematar aquí, pero permítanme un epílogo:
Ao final daquela conferencia no Centro Galicia fixen entrega do libro de Ricardo Polín “Á Primera Luzada” no que recolle e estuda a obra e a “vida truncada dun Lorca Galego”, Francisco Vega Ceide ou Francisco de Fientosa, fillo tamén de labregos e deste noso Concello. Naceu en Outeiro e criouse en Santa Locaia. Naquel libro escribiu unhas emotivas palabras Elsa Vega, unha sobriña nacida en Arxentina, pois moitos irmáns de Francisco emigraron a Arxentina igual ca moitos irmáns de Darío. Elsa recorreu máis de mil quilómetros para coñecérmonos, grazas ás artes do común amigo Emilio Sinde, que xa non está entre nós, pero está con nós. Deste encontro quédanos medio namorados, pero como estamos tan lonxe, non teño problemas co bispo. Ademais díxenllo.
Tamén resulta ben casual que a Paquiño o asasinasen neste mesmo mes de novembro do 1936. Escribiuse que fora vítima das milicias republicanas, pero tamén hai razóns para pensar que foi vítima da traizón dun compañeiro envexoso, que moveu a outros a apertar o gatillo. En calquera caso, como desde o 2001 ten tamén unha rúa en Castro de Rei, igual que Severino a ten en Castro de Ribeiras de Lea, desexariamos de todo corazón poder ter con nós no campo santo os seus restos e alí poder rezar con el: “Queremos, Díos padre, un mundo albredrío, (libre)/ y cante en los pechos el pájaro amigo. – Mátanos la pena, danos la alegría, /por Jesús, José y por Santa María. – Que la tierra sea un dorado edén / donde los arroyos corran al revés. – Danos el pan y el agua, también el compostaje / para reparar fuerzas en tan duro viaje. – Co máximo respecto a Vega Ceide e a todos vós quero engadir: Enséñanos a curar viejas heridas / valorando por igual todas las vidas. Segue Fientosa: Danos la sal, la leche, el vino y la hidromiel, / nunc et in saécula seculorum. Amén.
¡Mágoa que a Vega Ceide non lle quedase un fillo co tesón de Darío. E en hora boa a Severino por telo!
Grazas a todos.


Texto da presentación do libro, efectuada en Castro de Ribeiras do Lea o 29-11-2008.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES