Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os libros, a cultura

jueves, 05 de enero de 2023
Quedei sorprendida a finais do 2022 vendo que non chegaban nin os días da semana nin as librarías para a presentación de libros. Foi tanta a avalancha, que se ocuparon lugares inesperados e horarios do máis imprevisto; eu mesma fun testemuña de presentacións á unha do mediodía e ás seis da tarde.

É como se abriran unha espita, que estivera pechada pola pandemia, e saíran disparadas as novidades, dunha maneira que as frivolizaba e as deixaba na superficie do papel.
Os libros, a cultura
Acudimos a mercar para que o Nadal adquira unha tonalidade máis culta e a libraría de proximidade sobreviva. Pensamos na lectura como ese agasallo que nos fai máis humanos e nos separa algo máis dunha televisión na que as mentiras se suceden e as persoas populares son aquelas que nunca deberon ser coñecidas máis alá do salón de peiteado do seu barrio.

Necesitamos libros, necesitamos libros en galego e necesitamos creadores/as que vaian máis alá da pegada particular achegando unha voz propia, unha historia que achegue contido. Temos que plantar árbores, pero non polo feito de poñerlle a marca "plantado por" senón para que medre e frutifique, para que traia flores e froitos, para que sobreviva máis alá da primeira temporada. Nacen as criaturas para medrar, facerse rapazada, mocidade e persoas adultas. Un fillo, unha árbore, un libro. Acabaremos adorando a aqueles que publicaron só o necesario e non converteron o sistema literario nun consumo de usar e tirar, de amontoar, tapando co de hoxe o de onte. Non permitindo que repousen e se poda separar o gran da palla, ir deixando que se decante e se constrúa o canon. Ás veces as árbores non deixan ver o bosque ou é a fraga a que non deixa ver as árbores. O amontoamento tenta ocultar o que hai de valor, o que de bo se produce... ese é o temor, que se tape o que se debería ver, o que debía estar á vista de todos e todas.

Coa cultura, en xeral, pasa parecido. Vai todo por ondadas, hai momentos nos que se xunta todo e no mesmo día a mesma xente podería asistir a catro actos no mesmo horario, logo veñen outros nos que non hai nada, terreo ermo ata a seguinte colleita excesiva. Colleitas desmedidas nas que se bota a perder o esforzo da terra nunha podremia inmunda. Semella feito aposta, para saturar ou deixar en branco, para padecer por exceso ou defecto. Pode que o peor sexa ver como todas as organizacións repiten o mesmo tipo de actos, como non somos quen de discernir que actividades debe facer cada unha delas e todas se dedican a facer "estampas". No seguinte artigo falarei disto: das estampas ou dos cromos.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES