Hai uns días o crítico literario Ángel Basanta fixo doazón da súa biblioteca persoal, ao concello de Pastoriza, onde naceu.
De neno non tivo libros; afirma que seus pais puxeron na súa man canto tiñan, pero libros non había. Partindo desa debilidade, érguese ata ser un gran crítico literario e

xuntar esa biblioteca persoal de máis dez mil volumes. Un esforzo titánico que fala de vontade e esforzo, de superación e amor pola cultura.
Cando na educación, nos medios de comunicación... no Congreso de Diputados se fala da cultura do esforzo, deberían pensar nestas persoas e erixilas como exemplos. Porque esta é a afouteza e non a dos emprendedores que xogan moitas veces con cartos dos demais para facerse eles ricos.
Estou segura que nesa biblioteca persoal está simbolizada a fortuna dun home que foi profesor universitario, crítico en ABC e El Mundo, editor da Biblioteca Básica de Literatura da editorial Anaya e da colección de textos escolares Nueva Biblioteca Didáctica Anaya.
Un home con varios libros publicados que abordan o feito literario doutros (Cervantes, Baroja, a novela española...) sen sequera caer na fachenda da creación (agora que vemos que calquera que teña aprendido a escribir se atreve coa novela ou a poesía aínda cando ten pouco que dicir ou pouca creatividade).
Por iso me sorprende tanta xenerosidade ao longo da vida e neste acto de entrega do que foi xuntando día a día.
Como non me ha sorprender a filantropía daqueles que tanto botaron de menos os libros? Tanto... que o gasto en librarías pasou a ser un investimento fixo a partir do momento no que puideron permitilo, tanto que supuxo o seu tesouro e cando o entregan, o seu legado.
Nesa hora, cando pensamos no que vai ser das nosas cousas cando nos vaiamos, el volve pensar no neno que foi: un neno sen libros, nese lugar do mundo. Daquela, tráeos, para que formen parte do eido, ese patrimonio cultural, material e inmaterial que pasa a ser de todos, para que non volva a haber fame de libros nin de cultura.
Temos a sorte de que o alcalde tamén é un home culto, catedrático de literatura igual que Basanta, autor dicionarios e articulista, que dedica os últimos tempos ao servizo do público.
O martes 27 deste mes de decembro, foron testemuñas deste prodixio Luis Mateo Díez (Premio Nacional de Literatura), o xornalista e escritor Carlos Reigosa, o novelista e presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, o profesor e crítico literario José Antonio Ponte Far e o gran gran novelista e editor Emilio Pascual que coordinou un libro conmemorativo no que interveñen todos eles. Uns padriños dignos deste acto de cultura e xenerosidade que manterá viva a biblioteca dun home que naceu na Pastoriza, sen libros, para facerse un apaixonado cidadán da literatura.