Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

María Reimóndez, unha boa noticia

viernes, 30 de diciembre de 2022
Fartos de malas noticias na lameira onde conflúe o peor da política e os cartos sucios, cae nas mans o libro 'Desde o conflito'. Entre tanta palla este libro hai que colocalo no montón escollido do gran. E non porque lle deran o Premio Xerais: hai premios con máis marketing que literatura.

Trata de xornalismo, profesión esmorecente e amezada desde as balas e os medos, desde a censura e a autocensura. Para a nosa desgraza, desde que se inventó a imprenta a liberdade de expresión volve ser a vontade do dono da imprenta.

Da man da protagonista percorremos puntos quentes dun planeta con pouca xeografía temperada. De Irak a Afganistán, de Zaire a Etiopía, desde Haití ata Sri Lanka, pasando polas paisaxes de pedra de Compostela, pola Vetusta da Chaira que din Vilalba. E por Berlín, Barcelona, tan europeas, tan estranxeiras, útero morno para se protexer da intemperie do mundo inhabitable, tan desadornado de seres humanos e onde a ditadura dos cartos é o poder mundial máis recoñecible. Engadimos paisaxes do horror en México, en Serra Leoa, en Siria, en Gaza, teatros onde sobreviven os silenciados.

A xornalista Saínza Combarro vai, mira, fala escoitando e conta a verdade, cousiñas que esquece o xornalismo entretecido de comunicados de prensa dos gobernos ata se transformar en caxato dos poderes.

Guerras e cascallos, nenos e moscas, amizades e sentimentos, ese norte tan arriba, ese sur tan abaixo. Unha ollada de muller sobre este caixón de xastre onde uns poucos constrúen o benestar nas ruínas da inmensa maioría con cores femininas.

Novela sobre o xornalismo e a decencia. Neste oficio, na novela de Reimóndez non collen os cínicos, axioma de Ryszard Kapuscinski. Volve ser imprescindible o de ir, ver, escoitar e contar a verdade, dar voz aos silenciados, vacinarse contra o cinismo e sentir o conflito en carne viva.

Novela para tratar de entender este crebacabezas, o planeta roto, esta fenda entre o norte e o sur, entre a opulencia e a miseria, entre o consumismo e a ecoloxía. E de como para sobrevivir precisamos a nosa dose de amizade, de sentimentos, de quentura humana. Si, ‘Desde o conflito’ éche unha boa novela. E María Reimóndez, unha boa noticia.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES