Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ourensalia: Xantar en Punxín

viernes, 05 de diciembre de 2008
Eran algo máis das dúas da tarde e a necesidade de estar en Santiago arredor das catro, aconselloume ir xantar camiño.

Tomei a dirección que habitualmente tomo cando viaxo á capital dende que abriron o tramo gratuíto que transcende de Lalín e cando ía a altura de Punxín, onde as obras da autovía e da rede viaria do Ave se atopan en máxima producción, pensei que calquera restaurante dos que hai ó pé da estrada me ofrecería un menú do día, rápido, que me permitira estar á hora prefixada en Compostela.

Nisto vin varios camións e outros vehículos estacionados na beirarrúa e senllas casas de comida que por prudencia non vou identificar porque o que quero é aproveitar a anécdota para reflexionar, unha vez máis, sobre a falta xeneralizada de profesionalidade que corroe a hostelería (e, polo tanto, en boa medida, o turismo) desta provincia.

Baixei do coche e pasei a carón do que me quedaba máis preto, ollando pola fiestra para reparar na clientela que albergaba.

Vin que estaba xenerosamente ocupado, aínda que había algunha mesa libre, pero seguín camiñando para ollar o segundo e logo decidir, por intuición -que é como se decide sempre nestes casos- en cal facer a parada.

Entón vin o comedor do segundo completamente baleiro, polo que desandei o camiño para meterme no primeiro.

Unha rapaza miúda, de non máis de vinte anos, que andaba a recoller uns pratos, ollou para min, cousa que aproveitei para informala de que quería xantar.

Sen parar de remexer no que estaba remexendo, sinaloume a cabeceira dunha mesa con media ducia de cadeiras e unha delas ocupada por un home concentrado nun prato, informándome de que me podía sentar alí, que xa me levaba o servizo.

Entón pregunteille se era norma da casa que o cliente xantara en comandita con descoñecidos, sinalándolle outra mesa que había, xusto detrás da que ela me ofrecera e que aínda conservaba os refugallos dos comensais que fixeran nela a súa mantenza.

A resposta da moza non se fixo agardar: "Mira..., séntate onde queiras, que xa te atenderei".

Evidentemente, a miña reacción foi inmediata. Din media volta e sen dicir adeus sequera, optei polo comedor baleiro da competencia, pensando no que sempre penso nestes casos. É dicir, en por qué, denantes de contratalos, non perden unhas horas ensinándolles, non xa os principios profesionais do servizo de atención ó cliente, senón as normas elementais de educación coas que deben tratar á xente.

Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES