Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os servizos sociais dos concellos rurais galegos

viernes, 05 de diciembre de 2008
Moitas veces e de moitas formas dixéronnos que estábamos na sociedade do benestar. Esa expresión xenérica supoñía cando menos que toda persoa e familia tiña unha casa digna, un traballo estable e ben remunerado, un nivel de educación razoable e unha protección sanitaria axeitada. Mais todo iso era verdade plena para determinados estamentos sociais, media verdade para a crase media e para outros grupos sociais son un décimo de verdade, como na lotería. Posiblemente se confundiu benestar con consumo masivo de múltiples mercadorías secundarias repartidas ao pormenor. Agora está quedando o descuberto a sociedade do risco, de ampla precariedade colectiva asociada a interdependencia global que nos conduciu a dependencia total duns oligopolios financeiros especuladores. Neste intre todo isto faise cada día mais visible na gran urbe onde as colas do paro e dos comedores sociais de Cáritas crecen a sombra das grandes torres de cristal opaco.

As precariedades do medio rural galego
Se trasladamos estas reflexións os concellos rurais galegos o escenario é algo diferente. O mais probable será que non se formen grandes colas de indixentes as portas dos servizos asistenciais de Cáritas nin dos servizos sociais dos concellos onde estean organizados; por unha razón simple: no medio rural a horta (verduras e froitos varios) e o curral (animais domésticos para autoconsumo) sempre foron e seguen sendo un refuxio seguro ante as emerxencias individuais e colectivas. O problema da precariedade no medio rural galego, na maioría dos casos, non é unha emerxencia súbita, senón un atraso estrutural que se arrastra dende fai moitos anos ao cambiar de modelo económico social. A entrada masiva do campesiñado na economía de mercado total (producir, vender e mercar todo con intercambio monetario) deixou a moitas persoas e familias sen autoabastecemento, descolgadas do mercado de traballo e, polo tanto, con carencia monetaria absoluta. O resultado final acabou nun estado de precariedade de determinados colectivos rurais: persoas maiores soas, discapacitados físicos ou psíquicos, nenos menores de seis anos sen preescolar, adolescentes con fracaso escolar e sen ningunha formación profesional, etc...

Os concellos rurais facendo camiño ó andar
Afortunadamente os servizos esenciais do chamado estado de benestar tamén foron chegando o mundo rural: a maioría dos anciáns e discapacitados físicos ou psíquicos acadaron unha pensión, quedando outras coberturas de maior calidade para tempos mais propicios. Para os nenos sen preescolar, tanto a iniciativa privada (exemplo: preescolar na casa) como a oficial foron artellando solución realistas e imaxinativas, aínda que moitas veces incompletas. As mulleres traballadoras dos vilas rurais dispoñen dalgunhas garderías para os seus bebés, mentres que as donas do medio rural disperso proseguen na carencia total. Mais o gran esquecemento foi a formación profesional, tanto a escolar como a non regrada, dos rapaces e dos mozos do medio rural que logo foron, seguen sendo canteira inesgotable de man de obra barata, descualificada e en permanente rotación laboral precaria. Estamos ante unha cuestión crucial para a sociedade rural galega que, ó meu ver, non acadou a debida sensibilización nin respostas axeitadas das diversas administracións públicas.

Agora, despois de escudriñar na información dispoñible en Internet e nalgunhas outras publicacións, podemos constatar que moitos concellos rurais galegos, incluso os mais estancados, puxéronse en marcha, moitos deles con unha cobizosa declaración de intencións, proxectos, programas e actividades concretas orientadas a terceira e cuarta idade, a infancia, as mulleres, os artesáns, os enfermos e en menor medida os rapaces e mozos con fracaso escolar e carentes dunha mínima capacitación laboral. Os concellos rurais están no bo camiño, pero esta tarefa pode quedarse en proclamas mediáticas, accións simbólicas e actividades testemuñais de curta repercusión colectiva, agás que se supere o inframunicipalismo de magros orzamentos e escuálida organización de servizos. O minifundio organizativo poucas metas poderá acadar. Ese atranco estrutural só poderá superarse mediante a fusións de concellos ou, para non ferir identidades locais moi arraigadas, planificar uns servizos sociais de ámbito comarcal mancomunados que xerarquicen e distribúan as prestacións sociais en función da capacidade de cada concello, da complexidade do servizo, da organización eficiente e da economía de medios.

Sensibilidades e vieiros para uns servizos sociais sostibles
Mentres tanto, se temos claro qué servizos sociais estratéxicos han de cubrir os concellos, cómpre unha derradeira reflexión sobre cómo facelo. A longa experiencia das organizacións sociais hai moitos anos que abriu roteiros afinados, tanto no discernimento e xerarquización das necesidades como na metodoloxía máis axustada a cada realidade concreta. Nun primeiro banzo de carencias absolutas é imprescindible un servizo asistencial de emerxencias; nun segundo nivel estarían os servizos sociais estratéxicos e sostibles cuxo obxectivo sería conseguir unha “caña de pescar” para cada persoa mediante a formación, a capacitación e asociación dos grupos en situación precaria. E para que todo iso frutifique e se converta (con paciencia, esforzo e constancia) en algo extenso e socialmente relevante, é necesario seguir aquel sabio consello árabe: se a montaña non ven a Mahoma, Mahoma debe ir a montaña; noutras verbas, para realmente ser solidario coa xente necesitada non basta con prestar unha atención funcionaria-burocrática dende un confortable asento senón que é preciso desprazarse o hábitat disperso para coñecer as necesidades reais e adaptarse a elas, proxectando e organizando solucións sostibles. Os dirixentes e grupos municipais, económicos, políticos, relixiosos e culturais, -as veces encorsetados en esquemas ideolóxicos abstractos-, deben decatarse de que estamos nunha longa emerxencia para construír un novo modelo de sociedade rural galega, aínda hoxe carente de moitos servizos colectivos elementais. Sen unha axeitada percepción do problema e unha decidida vontade colectiva de superalo, podemos estar destinados a unha nova fatalidade.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES