Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sempre novo Nadal

domingo, 25 de diciembre de 2022
Poderiamos dicir que nun determinado sentido o neno Xesús estaría hoxe de aniversario. Faría hoxe arredor de 2024 anos, se temos en conta que historicamente naceu máis ou menos dous anos antes do comezo da que chamamos a era cristiá.

En calquera caso, el continúa vivo. Pois o morrer, o que se di o morrer definitivo a el non lle afectou. El segue a vivir. El dicía que era a Vida. Como podía morrer quen é a Vida mesma? E se, segundo as nosas categorías, el finou, habería que dicir máis ben que o mataron. E finando así, fíxose vida para sempre, para el e para todos.

Podemos ver así, na súa verdadeira perspectiva, a nosa vida e a nosa morte. Porque morrer, o que se di morrer, tampouco nós morremos se é que cremos na mensaxe da Resurrección que o Neno de Belén nos anunciará.

Semellaría que na festa de Nadal non habería que falar de mortes ou cousas así, porque xustamente estamos a celebrar a vida, o comezo dunha vida que veu acender tamén vida en todos nós. E, porén, a liturxia deste día faino, polo menos indirectamente. Cando despois da comuñón recitemos a oración final, chamada pos-comuñón, diremos alí: "Deus de misericordia, o Salvador do mundo, ó nacer hoxe, fíxonos nacer á vida eterna. Que el nos conceda tamén o don da inmortalidade".

Isto quere dicir que, co nacemento de Xesús na nosa carne mortal, quedou inoculada para sempre na nosa natureza a vacina ou o elixir da inmortalidade. Deus, que é Vida (que existiu desde sempre e endexamais deixará de existir), ó colocar con Xesús a súa tenda entre nós, como se nos di no evanxeo de Xoán, ó se unir con Xesús á humanidade toda, fíxonos participar a todos da súa divindade. De modo que polo nacemento de Xesús fomos todos convertidos en pequenos deuses inmortais...

Estas son as marabillas de Deus, porque –como lle dicía o anxo da Anunciación a María- "para Deus non hai imposibles".

Claro que isto non é algo así como un automatismo que se realiza sen máis en nós, queirámolo ou non. Pois esta participación na divindade de Xesús, que en Belén se fai irmán noso e que nos converte en inmortais, é unha angueira cotiá, que terá boa fin se nos unimos ó modo de ser e de actuar de Xesús. De feito, acabamos de llo pedir a Deus Pai na primeira oración desta eucaristía deste xeito: "Deus, noso Pai, fainos participar na divindade do teu Fillo, que quixo tomar a nosa humanidade".

Agora ben, que significa, desde a perspectiva do nacemento de Xesús, iso ó que debemos aspirar e que debemos pedir, a participación na divindade do Fillo de Deus?

Pois significa algo que é paradoxal. Cando Deus se encarna no seu Fillo temos aí diante un Deus humanizado. Pois a nosa fe sostén que el é verdadeiro ser humano e verdadeiro Deus. Participar, xa que logo, na divindade de Xesús é participar na súa divindade humanizada. Por iso, se queremos ser verdadeiramente divinos (e todos o queremos dun xeito ou doutro), temos que ser profundamente humanos.

Porque sermos así humanos significa sermos próximos ós demais, querer sen excepción, sobre todo aqueles que máis precisan dese aprecio e dese amor, romper con desigualdades e inxustizas de calquera xénero que sexan, sufrirmos cos que sofren e aledármonos cos que se aledan.

Todo isto está incluído na incríbel e universal mensaxe do Nadal.

Queda aínda moito por facer para que os seres humanos nos parezamos de verdade ó Deus humanizado do Nadal nos nosos modos de proceder. As nosas relacións humanas, a saúde da nosa sociedade deben mellorar aínda moito para que se poida dicir que a mensaxe do Nadal chegou xa en nós á súa plenitude.

Pois dunha sociedade só se podería dicir que é verdadeiramente humana cando, á semellanza do que se nos anuncia no Nadal, pode haber nela fe e ilusión no futuro, cando hai nela máis alegría, ilusión e traballo ca medo ou angustia por non atoparmos nela o lugar para desenvolvérmonos como é debido. Cando estranxeiros, emigrantes e pobres son aceptados como irmáns de Xesús e irmáns nosos. Cando todos cantos formamos parte da sociedade somos respectados nos nosos dereitos sociais, culturais, lingüísticos, políticos ou relixiosos.

Celebremos, pois, agradecidos, este día de Nadal unidos á humanidade toda, destinataria desta Palabra humano-divina, que é o Neno de Belén.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES