Como quedara hai un días, vou comentar algo sobre «o desencanto da LISMI» (a primeira Lei de Integración Social dos minusválidos) no seu aniversario. Con dez títulos, sesenta e seis artigos e dez disposicións, contemplaba temas tan ambiciosos como: a prevención, diagnóstico e valoración das minusvalías, un sistema de prestacións sociais e económicas, un sistema de rehabilitación, a educación no sistema ordinario, a recuperación profesional e integración laboral, uns servizos sociais, a

mobilidade e barreiras arquitectónicas, e un apartado de xestión e administración. Aprobada hai corenta anos nun momento de grave crisis social, e asumida por todas as forzas políticas, prevía dez anos para o seu desenvolvemento e remataba cun listado de prioridades para os dous primeiros anos da súa aplicación. Case na!
O movemento asociativo, que tentaba achegar a realidade á sociedade, considerouna globalmente positiva porque xurdiu cando non existía sensibilización social e abría as portas da igualdade de oportunidades. Como documento marco tivo luces e sombras. Luces porque inspirou políticas sociais e pola normativa que foi xerando, e sombras, porque naceu sen un compromiso económico e cun enfoque asistencialista. Incidía, sobre todo, no tema laboral e así as empresas con máis de cincuenta traballadores estaban obrigadas a ter unha reserva dun 2% da plantilla para minusválidos. Centrada no tema do emprego, quizais é onde máis fracasou.
Rematou o prazo cun cumprimento a nivel lexislativo dun 29% e a nivel orzamentario dun 21%. Nin a terceira parte! Que ilusos eramos pensando que dez anos serían suficientes. Nela estaban todas as nosas expectativas, así que o desencanto foi moi grande e provocou un acto de protesta cunha concentración no Pavillón de Deportes do Real Madrid, no que nos reunimos máis de tres mil persoas para mostrar a nosa desconformidade coas políticas do goberno, un acto no que nos apoiaron representantes dos sindicatos como Antonio Gutiérrez e Nicolás Redondo. Non se me esquece a data: o 20 de xuño de 1992. Viaxamos toda a noite en autobús e grazas á residencia La Paz tivemos onde tomar un café e poder ir aos baños. Tamén se fixo unha campaña de envío masivo de postais ao presidente do Goberno nas que se dicía: «No habéis cumplido, no permitís nuestra integración».
Representou un primeiro paso para poñer de releve as capacidades das persoas, pero tivemos que esperar once anos máis para que outra lei, a LIONDAU (Lei Igualdade Oportunidades, Non Discriminación e Accesibilidade Universal) recollera os seus postulados e mellorara a redacción. A Lismi estivo vixente ata a ano 2014 en que se unifican varias normativas na coñecida Lei General de Discapacidad (LGD), que introduce modificacións terminolóxicas como eliminar a palabra «minusválido» por «persoa con discapacidade» e cambiar «integración» por «inclusión». Tamén contamos coa Convención Internacional sobre os dereitos das persoas con discapacidade promulgada pola ONU no 2006, e ratificada por España no 2008. A Convención tenta cambiar o paradigma instaurando un modelo social e inclusivo que considere que o problema é de todos, e a contorna, os produtos e os servizos deben facerse para todos. Claro que seguimos sendo ilusos porque ese prazo remataba o 4 de decembro de 2017. Outro incumprimento que motivou concentracións en trinta e seis cidades de España. Corenta anos traballando para integrarnos nunha sociedade que non contaba con nós. Fomos acortando distancias, pero aínda queda camiño por percorrer.