Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (38)

viernes, 23 de diciembre de 2022
As enfermidades que aflixen a alma (Exorcismos)
As enfermidades que afectan ao médico son as propias da medicina oficial, pero as que non son de médico pasan a ser enfermidades de Valuro, e dentro destas hainas que afectan ao corpo como o tarangaño (raquitismo) e a tiriza (ictericia), e outras que afectan á alma, que son trastornos da mente disfrazados en posesións diabólicas e feitizos que puidesen ser feitos por bruxas, espíritos e demos. Para sandar, hai que empregar o exorcismo. As enfermidades son as seguintes: ramo cativo, A misteriosa e incógnita Valura (38)meigallo, feitizos, caída da paleta, caída do calleiro, mal de ollo.

RAMO CATIVO
Segundo Vicente Risco é unha posesión diabólica que fai perder a cabeza, quen a provoca son uns demiños que se meten dentro do corpo aproveitando calquera descoido, como bocexar ou non acordarse de facer o sinal da cruz sobre a boca. Cando están dentro trastornan ao anfitrión sufrindo unha crise, botan escuma pola boca, blasfeman, insultan e fan obscenidades. Para liberarse hai que levar a cabo un exorcismo e para botalos fóra hai que indicarlles un lugar a onde ir, como pode ser o corpo dunha besta ou un monte ermo..., tamén lle hai que indicar a parte do corpo endiañado por onde ha de saír.

O MEIGALLO
O meigallo é un feitizo provocado por bruxos. Os enmeigallados son recoñecidos por ter mala sorte, sáelles todo mal, enferman, perden as cousas, as colleitas e o diñeiro e vólvense melancólicos.
Dinos V. Risco que o ramo cativo e o meigallo foron mesturándose e aumentando o envurullo, chegándose a nomealos e a describilos como se fosen un só mal.
O meigallo penetra no corpo por vía oral, é administrado por unha meiga/o a través dunha comida ou bebida á que se lle botan certas substancias.
Ha de terse en conta que o meigallo medra e móvese polo interior do organismo afectado, de onde hai que botalo, e sae en forma de bóla de pelos ou de "ourizo cacheiro".

OS FEITIZOS
Poden ser unha consecuencia do mal de amores, e unha moza irada ou a súa mai poden preparar un filtro para o amante tratando así de causarlle dano e vingar a ofensa. O doutor M. Cabaleiro Goás dinos que estes enfermos ou os familiares achacan o seu mal a que alguén lles deu a beber viño con certos polvos que os fixeron enfermar. Os ingredentes para estes fins son a raspadura de uñas ou os osos dun defunto que serven tanto para namorar como para esquecer, según se aprecia no poema de Francisco Añón,
A pantasma
...
"dirixía meus pasos a desora
a un cimiterio triste e pavoroso,
para apañar un óso,
según me tiña dito o noso cura,
que era remedio para olvidar amores
dunha rapaza que o meu peito adoran aqueles arredores"
...


A CAÍDA DA PALETA (OMÓPLATA)
Ansiedade, angustia e depresión achácanselle ao desprazamento dun óso nas costas a nivel dos ombreiros. O doutor Cabaleiro Goás dinos que a paleta pode identificarse co apéndice xifoides, situado no esterno, a "espiñela" coa omóplata; o "calleiro" co estómago e as "asaduras" coas vísceras da cavidade abdominal.
Álvaro Cunqueiro na súa Escola de Menciñeiros fala dun especialista deste mal, chamado Silva, que volveu para Reigosa da Pastoria e "sacaba a sombra íspera ós tolos, levantaba a paletilla, etc."
Para levantar a paletilla o enfermo debe cruzar os brazos por enriba do peito, de maneira que as mans queden debaixo das axilas. O curandeiro apoia un xeonllo sobre as costas do paciente e estíralle os dedos das dúas mans, un por un, principiando polo maimiño. Despois, pídelle que coloque as mans cruzadas sobre o peito e as poña sobre os brazos e así repite a operación de estirar os dedos. Logo, tira das mans do enfermo para atrás premendo cun xeonllo sobre as costas. Finalmente faille apoiar a cara nas mans e levántao en peso collido polos cóbados e facendo forza contra o peito do levantador. Eu vin facer este proceso varias veces, rematando o rito coa bebida dunha pouca auga fresca por parte do enfermo.

A CAÍDA DO CALLEIRO
Cando a entraña fóra de sitio é o estómago (o calleiro) o tratamento consiste en dar unhas fregas no abdome, de abaixo para arriba, a fin de devolver o órgano ao sitio onde debía estar, aplicándolle ao mesmo tempo algunha cataplasma.

O MAL DE OLLO
Algunhas persoas poden arruinar a vida doutras cunha simple ollada. O mal de ollo está asociado ás bruxas pero tamén o pode causar un veciño inocente cun maléfico poder na vista. O mal de ollo afecta ás persoas e aos animais. Cando as cousas van mal dise "parece que me viu unha bruxa". Calquera veciño que observe a un con envexa, pode provocarlle grandes males, e coñécese como "mal de envexa". Dinos V. Risco que os que se decatan do poder que teñen nos ollos poñen lentes para evitalo. Para protexerse contra a "ferida de ollo" temos: ferraduras, cruces de caravaca, evanxeos, rescritos, figas, auga bendita, castañas indias, a pedra de ara...

Para descubrir ao culpábel hai que encher unha pota de auga bendita e poñer a cocer un corno de vacaloura con tres pedras collidas nun camiño polo que pasara o viático (que é a comuñón que se administra a un enfermo en perigo de morte). Cando chega a noite envórcase a pota diante da porta da casa. O causante do encanto terá que presentarse de inmediato para rogar que lle quiten a pota, xa que se non o fai, arde. Outra maneira de quitar o mal de ollo é cunha peneira coa que se fan cruces sobre a cabeza do enfermo ao mesmo tempo que se pronuncian estas palabras:
"Peneiriña de masa grada
saca esta mala ollada.
Pola gracia de Dios e da virxe María,
un padrenuestro e un avemaría."


O MAL DE AIRE
Os defuntos, estranxeiros, excomungados, mulleres coa menstruación, homes que acaban de ter relacións sexuais, as encrucilladas, a terra, o sol, a lúa... son parte dos elementos que poden ser causantes desta terríbel enfermidade; tamén o estar cerca dalgúns destes animais como: lagartos, pinchorras, sapos, cans, alacráns, toupas, galiñas chocas, babosas... Os aires destes animais poden manifestarse en forma de erupcións cutáneas. Este aire afecta principalmente aos máis pequenos, aínda que o máis perigoso é o "aire de defunto", que se cura pasando ao meniño por riba dunha fogueira de loureiro ou con terra de sepultura. O aire de defunto é similar ao raquitismo e á desnutrición, teñen as pernas delgadas e torcidas, a barriga inchada...
Que causou o mal de aire? Para sabelo hai que facer unha amalgama de cinza de toxo macho, auga fervida con herbas recollidas nun monte desde o que se vexan sete igrexas, flores das rúas polas que pasou a procesión de Corpus... Feita unha masa con todo isto, métese no forno e xa cocida, pártese pola metade e mírase qué ten dentro: se aparecen plumas, o culpábel é un gato ou unha galiña; se se ve unha mancha vermella, foi unha muller coa regra; se non hai nada, dedúcese que foi un defunto.
Para a curación dos "aires", que era moi común nos pequenos, necesítase auga bendita recollida da pía da igrexa mentres o cura levanta a hostia e o cáliz, ou ben dunha fonte que nunca seque ou de nove mananciais que pasaran por sete muíños (é de observar que en Guitirz, nos "sete Muíños", sería un lugar apropiado para a recolleita), tendo que collerse a auga entre a media noite e a saída do sol, logo hai que fervela e con ela lavar ao pequeno a contra-pelo. Secalo cun trapo de liño, do mesmo material que o mantel que cobre o altar nas igrexas, vestilo con roupa limpa. A que levaba posta hai que queimala ou guindala a un río que pase cerca dunha ermida. O líquido sobrante tírase nunha encrucillada á que hai que ir por un camiño e volver por outro, sen falar con ninguén no traxecto.
Para curar o aire de pinchorra, cobra, araña, donicela... hai que mollar en viño tinto un feixiño de fiúncho e rama de allo e facer con el cruces sobre o enfermo sete veces recitando esta oración:

Pola ponte de Sarandón
uns pasaron e outros non
se é pinta ou pintón
culebra ou culebrón
se é sapo ou sapón
se é lagarto ao lagartón
se non todolos bichos desta nación.
Que non crezan
nin avivezan
nin fagan cousa que mal pareza.
Te bendigo, te disciplino
con tres ramos de fiollo
e viño tinto.
Pola gracia de Dios e da virxe María
un padrenuestro e un avemaría.


Salve Valuria!

NOTAS:
FREIRE, Pilar.- Menciñeiros, saludadores e compoñedores. Los sanadores en la medicina popular de Galicia. Las Gentes. Tomo 1. Gran Biblioteca Temática de Galicia. Radiovoz, Edita Ea, Coruña 2006.
Outros:
LIS QUIBEN, Victor.- La medicina popular en Galicia.
CABALEIRO GOÁS, Manuel.- La psiquiatría en la medicina popular gallega.
RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús.- Supersticiones y preocupaciones vulgares.
LISÓN TOLOSANA, Carmelo.- Endemoniados en Galicia hoy.
BECOÑA IGLESIAS, Elisardo.- Medicina popular.
VÁZQUEZ GALLEGO, Jesús.- Tradiciones, mitos y creencias. Curanderismo en medicina popular de Galicia.
RISCO, Vicente e CUNQUEIRO, Álvaro.

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES