Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Maricarmen de Viveiro

jueves, 04 de diciembre de 2008
Os meus veráns de neno paseinos en Ambosores, no veciño concello de Ourol, e a primeira vez que vin o mar foi á beira da ponte da Misericordia, pero foi Maricarmen a que me fixo sentir en boa parte viveirense cando me propuxo en 1980 vir presentar a Mostra Folclórica Internacional que o ano anterior arrancara.

Coñecín a Maricarmen a través de Ramón Vázquez Graña, e mostra tras mostra, aventura tras aventura, fun descubrindo a forza interior, o lume que arde dentro dunha muller que leva a Viveiro no almario, no lugar da alma onde se garda o máis preciado que un ten.

Claro que Maricarmen tiña un dilema... Viveiro ou a cultura galega, o folclore, a música, o baile... E diante do binomio xunta os dous amores e xorde o baile en Viveiro. A Mostra folclórica 2008 (XXX das celebradas) foi todo un exemplo do que se pode lograr en Viveiro con amor, cando no escenario se xuntaron un cento e máis de danzantes, algúns cargados de experiencia, todos ateigados de ilusión. E para comprobar que esto ten futuro, pensade na mostra infantil onde actúan non sei cantas ducias de pequenos viveirenses do presente e do futuro, as forzas vivas do mañá, reis da ilusión de hoxe, que suben ó escenario como a un altar, demostración pura do que un pobo pode lograr cando hai un motor que o mova.

Resolto basicamente o dilema-binomio Viveiro-Cultura, quedaba outro aspecto a ter moi en conta, o familiar. E como non podía ser menos, a familia mais directa quedou perfectamente integrada neste monomio cultural e amoroso, como un misterio da trindade, que ven ser Familia-Cultura-Viveiro, polo orden que queirades e Oscar está sempre aí para todo o que faga falla, e os fillos -Oscar e Leticia, e Lorenzo, o home de Leticia- desde que naceron son parte de Bágoas -música e danza- dun xeito que non fai falla explicar. E proba de que a Familia está sempre aí, é a colaboración nas cousas de Maricarmen de toda a súa familia, e o amor infinito que todos teñen por Jorge, compañeiro meu nas bambalinas do escenario desde os primeiros momentos da súa vida.

Maricarmen, man de ferro en luva de seda, goberna con mando en praza e eu téñoa visto –tormenta de verán- encendida ardorosamente cando algo non camiña como debera... E do mesmo xeito que a tormenta pasa, nunha transición vertixinosa ten unha caricia para un neno, unha loubanza para un bailarín esforzado ou un sorriso cómplice para o bailarín de terras lonxanas que ven a Viveiro como se tivese chegado á culminación da súa carreira.

Maricarmen é xenerosa ata o límite, arriscada na pescuda de calidade e espectáculo, constante, arrebatada, entregada... Pero a min non me extraña. Ten detrás de sí Bágoas, que é moito ter. É afortunada. E ten detrás a Viveiro, que é moito ter. É afortunada. E ten detrás -unanimidade tantas veces tan difícil- ás forzas políticas de Viveiro. É afortunada.

Claro que estas cousas -“ter detrás a...”- non son casualidade. Hai que gañalas. E só se gañan con traballo, con imparcialidade, con esforzo, con amor... Quen queira saber como se fai, que se fixe en Maricarmen. En “Maricarmen de Viveiro”, que para falar dela polo noso mundo galego adiante o seu apelido é o nome do seu pobo: Maricarmen de Viveiro.

Falo no nome dos amigos de Maricarmen e no de todos os compoñentes de Bágoas da Terra. E no nome deles quero dicirlle ó Alcalde de Viveiro, Melchor Roel Rivas, gracias. Porque o que se lle faga a Maricarmen fáisenos a todos e a cada un de nós. E estou seguro que todos neste momento sentimos no peito o peso leve e garimoso da medalla de ouro da cidade de Viveiro. Levarémola con honra e con orgullo, porque do mesmo xeito que todo o que ten Maricarmen –incluso a súa familia e os seus amigos– é algo nóso, dese mesmo xeito esa medalla témola por recibida cada un de nós e agradecémola no que vale, que é moitísimo. É todo para unha vivairense; é todo para os que queremos a Viveiro e formamos parte desta gran cidade de xente noble.

Viveiro ten sona de vila aberta, de vila alegre, de vila culta e emprendendora... Desde hoxe, todos os afectados, temos que recoñecer e proclamar que é unha vila nobre e agradecida, que se honra honrando á xente que traballa por Viveiro.

Viveiro honra a Maricarmen, e todos os que a queremos quedamos honrados e ó dispor de Viveiro. Gracias pola distinción ó concello de Viveiro, a todos e cada un dos seus membros, pola unanimidade e pola distinción. Esta medalla dille a Maricarmen que Viveiro recoñece o seu amor por Viveiro; e a todos nós dinos que Viveiro é unha cidade pola que vale a pena traballar, que merece amor e entrega; e que ten a xente e as autoridades que merece.

Noraboa Maricarmen, amigos de Maricarmen e Bágoas da terra. Pero sempre, e sobre todo, noraboa autoridades, e ¡Noraboa Viveiro!.

Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania