Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Roubo en Samos da Cruz do Abade Brandila (1873)

miércoles, 21 de diciembre de 2022
Roubo Sacrílego da 'Cruz Magna', Cruz de Don Brandila ou Cruz de Samos e outras alfaias

150 anos despois de que persoas descoñecidas entrasen na sancristía da antiga igrexa do Mosteiro, naquel tempo convertida en parroquial de Santa Xertrude de Samos, podemos sinalar con toda claridade os obxectos litúrxicos e alfaias que na noite do 24 de xaneiro de 1873 foron roubados, sen que se teña sabido nunca quen foron os autores e a onde foi parar o froito desa acción delictiva.

Por fín, a percura de datos referidos a este feito, grazas á agora posible consulta dos fondos do Boletín Oficial da Provincia de Lugo, ofrecidos á curiosidade xeral por Galiciana, puiden achar no número 20 correspondente ao 15 de febreiro de 1873 a seguinte requisitoria xudicial dada polo xuiz municipal, Manuel Rivera Macía que actuaba sustituíndo ao titular do Xulgado de Primeira Instancia de Sárria, ausente da vila por licenza.

Agora, como primicia, ofrezo estes datos para coñecemento de investigadores e persoas interesadas na historia do mosteiro samonense, dando así total precisión ao número de pezas desaparecidas e correcta fixación da data na que aconteceu o roubo, corrixindo a vaguedade e imprecisión doas datos até dagora publicados.

"Xulgado de Primeira Instancia de Sárria: No nome da Súa Maxestade Don Amadeo I, pola graza de Deus e a vontade nacional, Rei de España: O Xuiz de Primeira Instancia de Sárria, Exhorta ás autoridades e individuos da policía xudicial, se servan practicar as dilixenzas necesarias para descobrir o paradoiro das alfaias roubadas na igrexa do mosteiro de Samos, na noite do 24 do corrente que a continuación se expresan detendo ás persoas en cuxo poder se achen e poñendo aquelas e estas ao meu dispor:

Un cálice de prata cicelado, a súa copa dourada coa inscrición darredor do pé "Isabel II al Rey de los Reyes", peso 30 onzas, novo; a súa patena e culleriña tamén de prata, dourada, peso 3 onzas.- Outro cálice liso, tamén de prata patena e culleriña, construción antiga, peso, todo 30 onzas.- Outro cálice e patena liso, feitura antiga, de prata, de 25 onzas.- Un pratiño e viñaxeiras de prata, sen cubrición nin inscrición, peso 10 onzas.- Unha cruz grande nomeada "A MAGNA", de antiquísima construción, de prata e falsas pedras, tendo en letras góticas a inscrición "O abade Brandila regala este signo aos monxes de Samos". O peso será de 2 libras.- Outra cruz de prata, parroquial, pequena, sen inscrición, cun crucifixo nun lado e do outro Santa Xertrude, estas efixies douradas, o seu peso 2 libras e media.- Un botafumeiro de prata de bon tamaño, cicelado, peso 38 onzas.- Un viril grande, a súa árbore de cobre, dourado ao fogo, o seu disco de prata con pedras falaas, o seu peso total será de 8 libras, das que 5 son de prata. - 3 crismeiras de prata. cuxo peso total será de 8 libras, das que 5 son de prata.- 3 crismeiras de prata, cuxo peso total serán 10 onzas.- 1 relicario para administrar o Santo Viático, de prata dourada, peso 3 onzas.- 1 coroa da Virxe, de prata cicelada e de gusto, peso 8 onzas.- E uns pendentes de prata, dourados, ordinarios e de feitura vulgar, peso media onza... Dado en Sárria a 29 de Xaneiro de 1873.- Manuel Rivera.- De orde da SªSª.

A recuperación deste documento ven a dar luz a un episodio ao que Maximino Arias Cuenllas (OSB) se refire no seu libro "Historia del Real Monasterio de Samos", e no que entendo seguiu as fontes ou o publicado por M. Castro, no seu traballo "Un Monasterio Gallego", editado no Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense" (Setembro/ Outubro de 1912, N.º 86).

Na páxina 111 da obra do monxe samonense M. Arias Cuenllas lemos: "...Como apuntabamos ao comezo do seu abadiato, o abade Brandila é famoso pola cruz de prata que lle doou ao mosteiro e que figura no primeiro cuartel do escudo da abadía" tan celebrado - lemos nun manuscrito do século XVIII - polos moitos miragres que é fama que se experimentaban, especialmente en todos os que padecen hinchume da gorxa. E atá hoxe dura a devoción. Todos os venres do mes de marzo sácase en procisión e concorre moita xente das aldeas da contorna".

Outro manuscrito dá detalles da súa feitura dicindo que é de madeira coberta de chapa de prata filigranada e sementada de pedras e en disposición de se asegurar e se introducir en vara coma a de hoxe". E enade que a procisión dos venres da Cuaresma faise polo claustro mosteiral cantando o "Vexilla regis". Tiña grabado no anverso esta inscrición: "In nomine Domini nostri Iesus Christi, ob honore sancti Iuliani atque Basilisse virginis, offert famulus Dei Brandilanus et socii eis hoc signum crucis". No brazo inferior, por tras dun vidro colorado e riba dun papel estaban cruzadas dúas esteliñas do "lignunm crucus". Tan preciada xoia foi roubada en 1869 ( sic), sen que se podese saber o seu paradoiro".

E na páxina 405 engade: "Roubo de alfaias... perpetrouse na igrexa mosteial un roubo sacrílego. Foi no mes de maio de 1869 (sic). Varias alfaias dela coa complicidade, segundo o rusmusmús público, dun criado do cura de entón, D. Manuel María Arias. Entre as ditas alfaias estaba a cruz, chamada do abade Brandila, do século XI. Era de prata, estaba adornada de pedras preciosas e contiña dous anaquiños do "Lignum Crucis". Fora doada polo abade Brandila, que gobernou o mosteiro dende o ano 1061 atá o 1076".

Coñecida como "Cruz Magna", "Cruz de Samos" e "Cruz do Abade Brandila" foi estudada por D. Antonio López Ferreiro, a quen se debe a publicación dos deseños do seu anverso e reverso. O Roubo en Samos da Cruz do Abade Brandila (1873)

Para este estudo e contacto directo é máis que probable que López Ferreiro estivese no Mosteiro de Samos, pois o seu pai nacera na parroquia de Santo Estevo de Calvor e coa ocasión dalgunha visita á casa dos seus avós no lugar de Pintín non desaproveitaría a ocasión de achegarse a Samos onde examinaría detidamente a "Cruz Magna", xoia medieval presente no escudo da Abadía e tamén nas armas do Concello de Samos.

É polo tanto incerto, como xa teño publicado hai tempo, que o coñecemento da cruz samonense doada por Brandila e o estudo feito por López Ferreiro tivesen lugar en Santiago con posterioridade ao roubo, como erróneamente suxiren algúns publicistas, pois, con toda seguridade o coengo e historiador compostelán tivoa a vista de ollos e nas súas mans na sancristía mosteiral.

Sería impensable que coñecendo a súa procedencia e téndoa nas súas mána para facer os debuxos por el publicados permitise que o froito de tan sinalado roubo non dese lugar a unha inmediata recuperación e restitución ao seu lugar de orixe.
López Arias, Xaime López (Arlindo)
López Arias, Xaime López (Arlindo)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES