Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Palabra amiga

domingo, 18 de diciembre de 2022
Un filósofo que se apelidaba Krause, do que procede o chamado krausismo español, ideou un sistema filosófico coñecido como "pan-en-teísmo", que non é o mesmo que "panteísmo". Este último, o panteísmo, defendería que todo é Deus, mais o “pan-en-teísmo” de Krause sostiña só que todo está en Deus; non que todo fose Deus.

En realidade, dicir que todo está en Deus no debería soarnos como algo novo. É unha idea moi antiga e, desde logo, moi cristiá. Aparece con frecuencia en santo Agostiño e moitos outros pensadores cristiáns, tanto antigos como modernos. Podemos imaxinarnos esta situación como algo semellante ó que lles ocorre ós peixes que, sen dárense de conta, están dentro da auga que lles fai posible vivir e moverse. Semellante tamén ás pombas ou gaivotas, que sen ser o aire, están no aire e poden vivir e voar porque o aire as envolve e as enche de posibilidades. Os peixes e as aves non son mar nin aire. Pero están no mar ou no aire participando dalgún xeito do modo de ser deles.

Nos Feitos dos Apóstolos formula Paulo algo semellante a isto cando fala sobre o modo como nos relacionamos con Deus. Dicía Paulo: "Deus non está lonxe de cada un de nós, porque nel vivimos, nos movemos e estamos".

Todo isto ten algo que ver coa primeira Lectura (do profeta Isaías), que resulta ben apropiada para o tempo de preparación do Nadal: "Velaí que a virxe está en cinta e dá a luz un fillo, ó que lle pon de nome ‘Emmanuel’ (que significa ´Deus connosco’)".

O tempo de Advento é un tempo de avivar a conciencia deste estar "deus connosco", dese achegamento tan grande de Deus a nós, tal como celebramos no Nadal ó el se nos mostrar na presenza engaiolante dun neno humano. Por iso, Xesús non é só un ser humano máis, senón o lugar do encontro máis íntimo que se pode imaxinar entre Deus e a humanidade. Encontro tamén con toda a creación, que é base e fundamento de todo canto somos. Na aparición entre nós de Xesús concéntranse, pois, divindade e humanidade dunha maneira marabillosa. Paulo exprésao ó seu modo na carta ós Romanos (na segunda Lectura). Xesús Cristo, dinos Paulo, "naceu como home da semente de David, pero foi constituído fillo de Deus con pleno poder polo Espírito (Santo) santificador".

É dicir, seguindo co símil das aves e dos peixes, Xesús é un ser humano coma nós, mais vive dunha maneira especial no "Espírito" de Deus, no aire de Deus. E xa sabemos que a palabra "espírito" ten que ver co "aire" que respiramos e que nos dá vida. Para Paulo ese "espírito" é Espírito santo, Espírito "santificador" e divinizador.

En Xesús radica así toda a nosa salvación. O mesmo nome de "Xesús" significa "Salvador" ou, máis exactamente, "Yahvé salva", "Deus salva". ¿Por que pode el salvarnos, quérenos salvar e vainos salvar? Pois porque el ten, como Fillo único e benquerido de Deus Pai, todo o poder do Pai e todo o seu amor. E porque el é, ademais, un máis de nós e absolutamente solidarizado connosco, con poder infinito para nos liberar de todo mal, incluída a liberación da morte ó el nos conceder a resurrección para sempre. Xesús salva, en fin, porque é "Emmanuel", é dicir, "Deus connosco".

É o mesmo que se nos di no "Limiar" do evanxeo de Xoán, cando nel se nos fala de Xesús como a "palabra" que Deus Pai dirixe ó mundo e á humanidade. É unha palabra divina, pois trátase dunha palabra, segundo se nos di, que "vén de Deus" e que -¡marabilla das marabillas!- é "Deus" mesmo, o Deus humanizado. Desta "palabra", dísenos no evanxeo de Xoán: "A palabra fíxose carne e plantou entre nós a súa tenda".

Unha vez máis podemos admirar e loar a grandeza de Deus. Deus sae en certo modo do interior de si mesmo para se facer un máis entre nós sen deixar de ser o que desde sempre é: o Deus absolutamente infinito.

Para Xoán, é Xesús a palabra que Deus dirixe ó mundo. Unha palabra que, liturxicamente se vai facer carne e presenza agarimosa entre nós no día de Nadal. Sen el poder aínda falar (malia ser a "palabra"!) como unha persoa que sabe xa falar, senón coma un neno, mellor, coma un "infante", é dicir, coma un "non falante" (pois iso significa "infante"). Ben sabemos que os nenos, coa súa soa presenza amorosa e risoña, suscitan amor por si mesmos sen necesidade das palabras.

Por iso a vivencia de Xesús nacendo como naceu, coma un marxinado máis, nunha familia con moi poucos medios, no seo acolledor da natureza, fálanos moito máis clara e convincentemente sobre os temas fundamentais do evanxeo que o máis elevado discurso construído con palabras moi fermosas.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES