Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Magnífica edición conxunta de 'Nós' e dos álbums de guerra de Castelao

lunes, 19 de diciembre de 2022
Ediciones Akal conmemora este ano de 2022 o seu cincuenta aniversario reeditando nunha caixa a edición conxunta da colección de debuxos "Nós" e dos álbums de guerra de Castelao, cuxas edicións por separado xa foran un pioneiro emblema dos seus Magnífica edición conxunta de 'Nós' e dos álbums de guerra de Castelaoinicios editoriais no tardofranquismo. Mais agora, a editora decidiuse por honrar de novo a Castelao e reforzar o seu histórico vínculo coa cultura galega publicando un estoxo que contén o primeiro e fundacional álbum de debuxos de Castelao, "Nós", e os tres álbums que o autor fixo durante a guerra civil: "Galicia mártir", "Atila en Galicia" e "Milicianos", triloxía gráfica considerada o "Guernica" de Galicia.

Para prologar o álbum "Nós" contou coa escritora Carmen Blanco, profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela e autora de numerosos estudos culturais e de xénero, varios deles sobre Castelao. E para prologar os álbums de guerra contou co tamén escritor Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente da dita Universidade e autor de numerosos estudos sobre a literatura galega durante a guerra civil (tema da súa tese de doutoramento), obras entre as que se conta a edición de Verbas de chumbo de Castelao e outros traballos sobre este polifacético guieiro do pobo galego. Ademais, promotores ambos da Asociación para Dignificación das Vítimas do Fascismo en Galicia, foron conxuntamente recoñecidos co Premio Galiza Mártir, patrocinado pola Fundación Alexandre Bóveda, polo seu labor de recuperación da memoria histórica galega, labor este iniciadopor certo xa durante a contenda polo sempre pioneiro Castelao.

No prólogo "Castelao creador de Nós", Carmen Blanco presenta moi esclarecedoramente a vida e a obra deste "político, intelectual e creador das artes e das letras" de Galicia, así como o seu estilo, "particular integración ecléctica de tradición e innovación, do clásico, do popular e do moderno". Para a estudosa: "Á marxe da obra puramente pictórica, a máis transcendental plástico-literaria que enunciamos e presentamos caracterízase polo seu humanismo, humorismo e moralismo de signo galeguista, universalista, non capitalista e cristián. Galicia é otema central implícito ou explícito da práctica totalidadedas obras e os valores humanos da galeguidade danlle unha dimensión universal".

Non é a primeira vez que Carmen Blanco explica a fondo a Castelao, por exemplo en relación co seu humorismo, como ocorreu no seu ensaio "Sorriso sempre. Se eu fose autora: Castelao, Quino e Woody Allen", recollido nas actas do encontro "Cultura e humor. Homenaxe a Celestino Fernández de la Vega". Nel expón a súa teoría do "bo humor liberador": "Fronte á dialéctica superficial da prohibición-transgresión, que repite e perpetúa o poder tanto no pensamento como na práctica, cos desafogos transgresores dos 'pecados' e dos 'delitos' tipificados por dito poder e que participan dos prexuízos do propio poder, está a dialéctica profunda da opresión-liberación, que recoñece a verdade aberta e non participa do prexuízo".

Aquí, neste limiar, Carmen Blanco considera que "o álbum Nós, publicado en 1931 en Madrid", reunindo "estampas comprometidas coa liberdade e a xustiza" e con deseño editorial do propio artista, "caracteriza toda unha época, un país e a humanidade", polo que conclúe o seu escrito cun desexo teleolóxico: "Que a memoria viva de 'Nós' sexa liberación".
Magnífica edición conxunta de 'Nós' e dos álbums de guerra de Castelao
No prólogo "O estoupido estampado (Álbums de guerra de Castelao)", Claudio Rodríguez Fer acomete un documentado e detallado estudo desta "triloxía en verdade importante para a historia da guerra civil española, para a memoria da represión e da loita contra o fascismo, para a historia da arte e da cultura galegas e, dende logo, para a miña propia vida". O analista examina as bases históricas, as intencións ideolóxicas e as fontes artísticas das tres obras: "Para realizar tales estampas, Castelao valeuse de todos os recursos artísticos posibles coa fin de lograr a máxima eficacia comunicativa, pois o seu obxectivo era por encima de todo denunciar a barbarie da represión fascista en Galicia nos dous primeiros álbums e exaltar o valente esforzo miliciano no terceiro".

A especial relevancia da estampa "A derradeira lección do mestre", onde uns nenos choran o asasinato dun escolante, reafirmouse no posterior período do exilio de Castelao, pois utilizouna alí como base para pintar o óleo homónimo, que foi inaugurado en Bos Aires nun acto de homenaxe ao seu correlixionario galeguista Alexandre Bóveda, inmolado en 1936, adquirindo así unha "dimensión político-simbólica máis aló do estrito maxisterio docente". Mais cada estampa ten unha historia e, lamentablemente, baséase nun bo número de atrocidades similares.

Con perspectiva de xénero, Claudio Rodríguez Fer demostra que tanto "Galicia mártir" como "Atila en Galicia" presentan un notorio protagonismo feminino, atención ao padecemento das mulleres que, aínda sendo en boa medida subsidiario da violencia exercida contra os homes relacionados con elas, pois moitas veces afecta a nais, esposas e fillas de represaliados, non prescinde da denuncia da violencia machista exercida polo fascismo contra as mulleres pola súa propia condición de tales, por exemplo a través da rapa do cabelo ou da violación en grupo. En cambio, en "Milicianos", homenaxe ao esforzo civil do pobo que fixo fronte ao fascismo desde 1936, presentaa figura da muller revolucionaria arengando, pois non por casualidade, como explica o prologuista, a dirixente anarquista e primeira ministra dun goberno español Federica Montseny era coñecida popularmente como "A muller que fala" e a deputada comunista Dolores Ibárruri fíxose célebre polas súas arengasfinalizadas co emblemático lema "¡No pasarán!".

Interesante é tamén o estudo lingüístico destas obras realizado por Claudio Rodríguez Fer, pois fai notar que as "estampas que compoñen os tres álbums levan un pé en galego manuscrito por Castelao, o que reafirma a súa irredutible vontade de adscribir as súas obras á cultura galega mesmo no exilio e mesmo no caso do álbum "Milicianos", que non trata sobre Galicia". Non obstante, o público ao que ían dirixidos os álbums non era só galego, senón internacional, motivo de que "as lendas galegas das estampas de "Galicia mártir" aparezan traducidas a español, francés e inglés; de que as de "Atila en Galicia", aparezan nas tres linguas citadas máis en sueco, e de que as de "Milicianos", aparezan en español e inglés". Por isto, conclúe: "Este multilingüísmo supuxo todo un esforzo políglota en plena contenda, produto da perspectiva internacionalista dominante no bando republicano e seguramente da solidariedade de voluntarios coñecedores do galego e das catro linguas de chegada que se utilizaron".

En conclusión, magnífica edición e lúcidos prólogos como non podía merecer menos o brillante eimprescindible artista gráfico, no ético e no estético, no político e no social, que foi Castelao para Galicia e para o mundo.
Bao, Marcela
Bao, Marcela


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES