Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dereitos humanos e discursos políticos

miércoles, 03 de diciembre de 2008
España foi dos primeiros países en asinar a adhesión á “Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con diversidade funcional (discapacidade)”. Convención con rango de lei, en vigor desde maio e que considera a nosa realidade como unha cuestión de Dereitos Humanos. O artigo 3 recolle os principios xerais que cada Estado se compromete a asegurar: “o respecto da dignidade inherente, a autonomía individual, incluída a liberdade de tomar as propias decisións, a non discriminación, a participación e inclusión plenas e efectivas na sociedade, a igualdade de oportunidades...”

Por outra banda, a “Lei de (in)Dependencia”, aprobada cun gran consenso social e político, segue dando que falar. Xa se intuía que a tramitación ía ser lenta, pero non tanto... Despois de dous anos a aplicación da mesma é moi irregular debido ao atraso considerable da xestión administrativa. Contrátanse profesionais para reforzar os servizos de valoración do nivel de dependencia, creando así un marco burocrático que se limita a indagar sobre as situacións socio-económicas. Unha lei que supostamente abriría novas portas na busca da igualdade de oportunidades, “penaliza” aos cidadáns canto maior sexa o grao de dependencia. O seu obxectivo non parece ser garantir uns bos servizos, senón impulsar un mercado a baixo prezo xa que as axudas para promocionar a autonomía máis que dereitos, son prestacións esmoleiras. Pese a ser unha lei universal, en cada comunidade os beneficiarios reciben atencións diferentes.

Os especialistas din que non se fan malas leis. Outra cousa é o desenrolo posterior, a falta de dotación económica e o mirar para outro lado cando as normativas se incumpren sistematicamente. Hai unha gran diferenza entre as expectativas creadas e a realidade dos papeis e do “volva vostede mañá”. Estamos abocados a que as leis acaben disoltas en malos hábitos administrativos, iso si compensados con boas campañas de publicidade. As mesmas asociacións caen na trampa facendo estudos, coa conseguinte inversión económica, para demostrar a discriminación. Semella que só temos dereitos nos discursos políticos. Por poñer un exemplo, o 90% das persoas con grandes necesidades prefire vivir no seu entorno, mentres que as prestacións non avanzan no recoñecemento da figura do asistente persoal. Non é fácil xustificar que se subvencione con 3000 € unha praza de residencia, cando a prestación máxima para que o usuario xestione directamente a súa asistencia persoal é de 812 €. Ven a conto o dito de que “cando se trata de dereitos, é de necios falar de prezos”. Somos necesarios non pola nosa dignidade, senón por crear emprego. Tampouco podemos esquecer que cada español recibe en prestación social un 28% menos que o europeo medio.

Resultan difíciles de entender tantas contradicións. De seguro que coincidindo co festexo do “Día europeo da discapacidade” e do “Día dos dereitos humanos”, a Administración outorga premios por cumprir o que ela incumpre. Hai que recoñecer que cada vez se fai máis visible a eliminación das barreiras arquitectónicas, pero tamén hai que eliminar as barreiras sociais porque a discriminación empeza na mirada do outro. Se aínda custa admitir que a persoa con diversidade funcional forma parte da sociedade, canto máis admitir que tamén é sociedade. Está claro que a patoloxía discapacita; pero o entorno, a falta de axudas técnicas e as políticas tamén discapacitan. Non se poden pechar os ollos á “diferencia” que pode ser propia en calquera momento. Como parte da diversidade humana, reclamamos que as nosas vidas sexan valoradas nos mesmos termos que as dos demais porque sen igualdade de oportunidades, non se pode falar de dereitos.
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES