Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Do Cebreiro a Hospital da Condesa: Camiño vivo (1761)

martes, 20 de diciembre de 2022
Vila e Parroquia do Cebreiro

A vila do Cebreiro, a 1300 metros de altitude, cabeza da xurisdición do seu nome e principal porta do Reino de Galicia, en 1761 formaba parte da freguesía do Hospital da Nosa Señorado Cebreiro e pola súa situación xogaba un importante papel no Camiño de Santiago, sendo ademáis lugar de paso para os camiñantes que ían para a cidade de Lugo e máis adiante collían os ramais que saían de Padornelo ou de Lamas de Viduedo Do Cebreiro a Hospital da Condesa: Camiño vivo (1761)cara a Ponte de Carracedo no río "da Neira" e seguían atá a Ponte de Lago no río "da Tórdea" e pasano por Marei entraban en Lugo pola porta de San Pedro.

A parroquia tiña 110 veciños (familias) que ocupaban 111 casas, incluído o Mosteiro e Hospital de Peregrinos e todas eran casas terreas e cobertas de palla ("pallazas") agás a casa do Priorado.

A igrexa era coñecida como Santa María A Real do Cebreiro e os relatorios daquel tempo falan de que na vila "Hai o Hospital da Nosa Señora do Cebreiro no que se lles da aloxamento, esmola e asistenza nas súas enfermidades a todo peregrino e a outros pobres que transitan ao Apóstolo Santiago, coas rendas e desmos da freguesía e outras que ten o Hospital".

O prioro Manuel Ruiz e o monxe Gaspar Quixano (O.S.B.) xunto co presbítero Xoán Antonio Núñez mantiñan o culto no santuario e nos seus anexos e capelas. Os veciños pagaban por desmos en cada un ano 1800 reais (outros 200 eran o excusado desmal do Rei), e polas primicias 450 reais máis que eran para fábrica da igrexa, O Cabido de Santiago por razón de voto obtiña 175 reais.

A veciñanza estaba formada maiormente por labregos e había cinco pobres que vivían das esmolas que pedían.

Era Xustiza Ordinaria Manuel Antonio Arias, o administrados da renda de tabacos era Manuel Díaz, Xoán de Lamas e Santiago de Aira exercían de xastres, Xoán Rodríguez era ferreiro e había un tecelán chamado Pedro Lindoso. Pedro Carballo Rico era mestre de postas (correo).

Na parroquia había 17 muíños dunha soa roda e tres colmeas, sometidas á voracidade dos osos que eran abondosos na serra. Moitos homes adicábanse a faceren madreñas ou zocas. As mulleres tecían teas de lenzo e estopa e facían bolos de manteiga e "queixos que levan o afamado nome destas montañas".

O feito de estar a vila no cume e liña divisoria das bacías do Navia e o Valcarce, en paraxe sometida a ventos e a neve fixo xurdir unha serie de actividades relacionadas co Camiño de Santiago, e así achamos un bon número de veciños que ofrecían os seus servizos a peregrinos e traxinantes que por alí pasaban:

Antonio Núñez, de Pedrafita, era estanquilleiro, taberneiro e arrieiro con dous machos; Bartolomeu Núñez, era taberneiro, Xosé Santín tiña taberna, Manuel López era taberneiro e arreaba un macho; Manuel da Fonte Vedra, Pedro Santín e Carlos de Aira eran taberneiros e vendedores de carne; Xoan de Chao era taberneiro e arrieiro con dous machos; tamén eran arrieiros Manuel García de Modreiro (1 macho), Pedro Gallardo (2 machos), Antonio López (1 macho), Xosé Núñez (4 machos) e Xosé López Pacio (1 cabalo).

A actividade da arrearía, en competencia cos numerosos maragatos que entraban a comerciar en Galicia, amosan un constante e activo comerzo e xunto co número de tabernas-pousada e vendedores-exportadores de carnes que no Cebreiro había son mostra de que o camiño, como vía de entrada e saída no Reino estaba vivo e ben vivo.

Parroquia de Santo Estevo de Liñares

Formaba parte da Xurisdicción do Hospital da Nosa Señora do Cebreiro, a quen lle correspondía o señorío territorial exercido polo prioiro, monxe bieito.

Nesta freguesía, a histórica "Linare de Rege", había unha igrexa adicada a Santo Estevo e a capela de San Roque era estremeira coa parroquia do Hospital da Condesa.

A aldea de Liñares e as súas adxacentes reunían un total de 27 veciños que vivían en 27 casas, inclusa a do presbítero Xoán López, nas que moraban un total de 142 persoas.

A atención espiritual doa veciñanza corría de conta do párroco Manuel Díaz Quijada e do presbítero Xoán López "O Menor".

Os fregueses pagábanlle ao párroco por desmos 600 reais ao ano e 80 reais ao Hospital do Cebreiro, por primicias 200 reais e tres ferrados de pan centeo e polo Voto ao Apóstolo o Cabido de Santiago recibía 13 ferrados de pan.

Había 3 muíños e unha taberna rexentada por Antonia López. O siseiro do viño era Antonio de Aira de Zanfoga e Antonio López traballaba como arrieiro traxinando cun só macho.

Parroquia de San Xoán do Hospital da Condesa

Formaba parte da Xurisdición do Hospital da Nosa Señora do Cebreiro que exercía señorío riba da maior parte da freguesía da man do piorio do Hospital do Cebreiro, agás o lugar do Temple que en propiedade de Mauro de Armesto, veciño de Vilafranca do Bierzo.

O Camiño de Santiago entraba na parroquia despois de pasar a Capela de San Roque, e perto dela sitúa a tradición a existenza dun muiño de vento.

Na parroquia había 33 veciños, tres deles de recente asento no lugar e 33 casas, inclusa a do párroco, que era a única de un andar alto, nas que habitaban 141 persoas.

Non había colmeas e no paraxe do Batán había dous muiños relos.

O hospital que lle dera nome xa desaparecerae para atención relixiosa había a igrexa de San Xoán, servida polo párroco Estevo de Armada.

Había unha taberna pertencente ao común dos veciños que a levaba arrendada Diego Galán, en renda de 199 reais 11 maravedís.

Había un estanquilleiro do tabaco que tamén era siseiro do viño, chamado Antonio López.

As actividades dos labregos e xentes dos oficios levaron a que Xosé Cornide afirmase amosando as boas condicións de vida das que gozaban os veciños "en todas ellas (as aldeas do Cebreiro) o xeito de vida e a industria é, con curta diferencia, o mesmo que no algo da serra, e aínda que a primeira vista parecen os seus habitadores máis pobres, son os que mellor pasan de todo o reino, pois rara vez falla no seu pote algún anaco de cecina ou touciño e sempre abonda de leite, manteiga e queixo".

Como vía de penetración ao Reino de Galicia o Camiño de Santiago non esmorecera naquel tempo e era seguido por peregrinos, arrieiros, maragatos, traxinantes, soldados, alugados da sega de Castela... que achaban acollida no Hospital do Cebreiro e nas oito tabernas da freguesía, que tamén daban pousada e o mesmo nas tabernas da freguesía, que tamén daban pousada e o mesmo nas tabernas de Liñares e Hospital da Condesa.

Había nesa terra e en ben pequeño treito un Hospital de Peregrinos e dez pallozas onde comer, beber e durmir, ali no algo da serra e ese número é boa proba de que a vella ruta das peregrinacións estaba ben viva.

Os veciños das freguesías do alto da serra, onde o Camiño ía por alturas superiores aos 1100 metros, tiñan a obriga de faceren sonar as campás das igrexas para guiar aos camiñantes e ademáis tiñan que manter unha liña des estacas altas ao longo da carreira e congostras que o formaban para que no tempo de grandes nevaradas, non se desviasen da ruta.

Os Reis Católicos concedéranlles aos veciños algunhas exencións para que cumprisen Do Cebreiro a Hospital da Condesa: Camiño vivo (1761)con esa obriga.

Os veciños, en tempo de inverno tiñan algo de gaño cando estando a terra coberta de neve os ían levando de aldea en aldea por cotas máis baixas até poñelos no Cebreiro. A ese labor e á estacada referiuse en 1612 o coengo cordobés Juan de Aldrete quen deixou escrito "Todo este camiño vai demarcado con piares de madeira que o sinalan, pero a guía non seguía a súa derrota senón a que el sabía e sacounos ao máis alto do porto onde estaba unha cruz de pedra, onde o vento amosou toda a súa furia. De ali comezamos a baixar e chegamos ao pobo do Cebreiro que é de Monxes Bieitos e teñen nel un un pequeno convento. Cando chegamos a él non vimos persoas porque estaba todo o pobo pouco menos que sepultado en neve".

Con relación ás casas "pallazas" os elaboradores dos censos fixeron constar que non lles regulaban utilidade económica ningunha porque "os seus cimentos duran pouco e os teitos don de palla e os feroces ventos estáganos a cada paso e os seus reparos custan moito".

Agás en contadas ocasións, o Camiño de Santiago na Serra do Cebreiro entre Fillobal e a Vila do Cebreiro estaba franco todo o ano e os camiñantes achaban nas súas aldeas pousada e guías sabedores de atallos e congostras de mellores tránsitos para que nos días da invernía podesen seguir camiñando.
López Arias, Xaime López (Arlindo)
López Arias, Xaime López (Arlindo)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES