Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A mans cheas

jueves, 15 de diciembre de 2022
Non é que rematase a pandemia pero afastouse un tanto. Tiñamos tantas ganas de saír, de tirar ao aire o tapabocas, de volver ás rúas e os encontros... que, tan pronto se A mans cheaspuido, ocupamos o espazo público.

Da mesma maneira, todo o armazón de lecer e cultura púxose en marcha con ganas de recuperar o pasado. As comisións de festas contrataron as orquestras máis caras porque tiñan aforrado o de varios anos, as institucións e asociacións planificaron como se cada unha delas fose a única que o facía e todo se solapou. Semellaba, igual que pasara noutros tempos, que tiñamos unha renda per capita coma os de Kuwait. Un malgasto, ao meu entender. Ese empeño en restituír o tempo perdido, en facelo todo e dunha vez, levounos a programar de tal maneira que o público non era tanto como debería ser, e perdemos forzas, non optimizando a inversión.

Cada vez se fai máis necesaria unha planificación global das actividades culturais. Sobre todo se temos en conta que a meirande parte das asociacións están centradas (nos últimos tempos) en ofrecer actos culturais abandonando outro tipo de funcións, a pesar de que non leven no seu nome o cualificativo de cultural ou de que a súa función principal debería ser outra. En calquera cidade debería existir un nó no que se recollan as actuacións de toda a rede. Unha páxina á que acudir para saber a onde acudir ese día, cal é a oferta... Desa maneira, ademais de ofrecer un servizo á cidadanía cada un dos ofertantes podería ver as coincidencias e tentar refacer a planificación. Que sentido ten repetir a mesma actividade agás no caso de non ter atendido a toda a demanda? A que responde a coincidencia de varias presentacións de libros no mesmo horario? Semella que hai unha necesidade de mostrar todo o que hai, nun empeño esforzado que lembra os establecementos con varias pantallas de televisión, como unha publicidade luminosa que produce vertixe e un máis e máis e máis.

Agardamos, como auga de maio, por esa necesaria coordinación que nos axude a optimizar o noso tempo e os recursos públicos. Desa maneira evitaremos sentir que se van os esforzos como auga polo vertedoiro.

Falando de recursos públicos, algún día haberá que dicir alto e claro que non todos poden facer "estampas", que esa será en todo caso a función do asociacionismo, pero á Administración correspóndelle realizar actuacións de calado, diferenciar as súas intervencións das daquelas organizacións ás que subvenciona, e non dedicarse todos a facer o mesmo: actos e actos e actos sen unha finalidade clara. Por exemplo, quen se fai cargo de crear público teatral? A resposta é todos: AGADIC, CDG, compañías profesionais, compañías afeccionadas, escolas, centros socioculturais, casas da cultura, obradoiros de teatro... e, ao final, non o conseguimos. De quen é a responsabilidade? Quen tería que estar programando unha actuación sistemática na que, contando con todos os demais, se planifiquen as actuacións necesarias para conseguir ese obxectivo?

A cultura non pode seguir sendo algo irregular e desordenado que semella beber da consideración de creatividade fronte ao metódico. Se queremos que teña unha finalidade, non queda outra que regularizala. Porque non podemos seguir perdendo as enerxías necesarias para mellorar a realidade.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES