Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Semente alegre

domingo, 11 de diciembre de 2022
O tempo de Advento ten unha certa ambigüidade en canto que por un lado podemos dicir que principalmente se refire á espera da festa de Nadal -do nacemento do Señor-, e por outro faise nel tamén alusión á derradeira vinda do Señor á fin dos tempos.

Por iso, é dicir, por esta que chamo "ambigüidade" do tempo de Advento, a actitude de espera e de esperanza na vinda de Xesús en Nadal vén sendo tamén unha especie de aprendizaxe da actitude que deberiamos ter sempre, ata o noso definitivo encontro co Señor.

Deberiamos ter, xa que logo, actitudes de esperanza, de alegría e de paciencia durante toda a nosa vida. Trátase dunha especie de cóctel de actitudes aparentemente difíciles de harmonizar, pero que constitúen de feito a sustancia mesma da nosa vida. Proclámao para todos Isaías cando nos di: "Ponde firmes os xeonllos que tremen". "Collede ánimo, non temades". "Velaí chega o voso Deus, El mesmo, e salvaravos". "Os rescatados do Señor ... conseguirán ledicia e felicidade, pois o sufrimento e o pranto fuxirán".

Para quen cre na mensaxe de Xesús a vida enteira é coma un día no que hai de todo: chuvia, nubes brancas e escuras, sol que amosa ás veces claramente a súa face, quenturas e friaxes. Días que teñen tamén as súas noites, mais noites que esperan a chegada do rei sol, que sempre chegará pra alumar o novo día. A comparanza reflicte algo do tempo de Advento.

Algo semellante nos anuncia a carta de Santiago. Estamos todos envoltos nun proceso que ó que deberiamos acotío estar abertos. Un proceso semellante ó que se ten que someter toda semente que queira frutificar e sobrevivir alén de si mesma, manténdose ela mesma dunha forma nova como planta vizosa e produtora de novas sementes. Este é o misterio de toda vida, que leva consigo procesos difíciles e complicados como o noso enfermar ou finar, por máis que o proceso real non remate aí. Proceso que require paciencia, confianza, esperanza. Santiago dínolo desta fermosa maneira: "Tede paciencia, irmáns, deica a volta do Señor. Reparade en como o labrego, coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra, agarda con paciencia as augas temperás e as serodias. Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará".

O tempo de Advento convídanos, pois, a sermos "sementes". Mais sementes conscientes dos cambios e procesos que ocorren en nós e que nos han levar a unha vida máis plena, máis verdadeira. Un gran de millo ou de trigo non sabe o que lle pasa cando se converte en semente, cando cae na terra, na escuridade, na humidade, nas chuvias, neves ou fríos da invernía que lle veñen enriba. Un gran de trigo ou de millo non pode saber nin crer, non pode sufrir, nin esperar. Nós, en cambio, podemos saber e sentir todo iso. Esa é a nosa diferenza e grandeza. Ese é o noso misterio, que nos asemella a Xesús na súa vida, na súa morte e resurrección.

Este Xesús, guieiro e modelo noso, é o que nos pon hoxe diante dos ollos o texto de Mateo. Dísenos alí que Xoán Bautista é loado por Xesús en canto "preparador" da súa Boa Nova. Pero só, e nada máis, en canto "preparador" ou iniciador do novo camiño de Xesús.

Sabemos que o Bautista se centrou no labor de achanzar o terreo para os seu oíntes poderen escoitar con proveito a mensaxe de Xesús. A linguaxe do Bautista era unha linguaxe de penitencia, de temor ó xuízo de Deus. Un Deus concibido aínda sobre todo como castigador ou vingador.

Xesús amósase, en cambio, como "alegre anunciador" da Boa Nova, da boa noticia. Como aquel que se presenta como "liberador" de todo mal, de toda limitación, como destrutor da morte, pois a súa resposta ós discípulos do Bautista é esta: contádelle a Xoán que "os mortos resucitan". Mais teñen tamén que contarlle que el, Xesús, toma partido polos pobres, necesitados e marxinados da sociedade. Contádelle que "ós pobres se lles está a anunciar a Boa Nova". Xesús preséntase, pois, a si mesmo ante os discípulos de Xoán como aquel que, a diferenza de Xoán, vén amosarnos un Deus que en Xesús, está aí non para condenar, senón para salvar, para amar e dar a súa vida por todos, para proclamar e construír esperanza, para sufrir cos que sofren e aledarse cos que se aledan.

Enténdese ben así por que o papa Francisco, na súa primeira encíclica ou Exhortación de hai algúns anos, nos falaba tanto da "alegría" que todo cristián ha ter. O mesmo título da encíclica dicíao así: "Evangelii Gaudium", é dicir, a alegría do Evanxeo. O escrito do papa comeza así: "A alegría do Evanxeo enche o corazón e a vida enteira dos que se atopan con Xesús. Os que se deixan salvar por El son liberados do pecado, da tristeza, do baleiro interior, do illamento. Con Xesús Cristo sempre nace e renace a alegría. Nesta Exhortación quero dirixirme ós fieis cristiáns para convidalos a unha nova etapa evanxelizadora marcada por esa alegría".

Dinos o papa que se trata dunha "nova" etapa de evanxelización, aínda que estea de feito en perfecta continuidade coa presentación que de si mesmo fai Xesús ós discípulos de Xoán Bautista para que lle leven a estel a resposta de Xesús. Esta é tamén a razón pola que Xesús -por máis que faga unha gran loanza do Bautista dicindo que el é "moito máis ca un profeta" e que "ningún nado de muller fora meirande ca el"- diga a continuación que "o máis pequeno no reino dos ceos é meirande ca el".

Convertámonos, pois, a esta "alegre" e liberadora esperanza da Boa Nova de Xesús.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES