Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ignorancia e avaricia

lunes, 01 de diciembre de 2008
Baixo o punto de vista de quen lles está a falar e xa que parece que non queda máis remedio que aturar o estúpido pero atractivo disparate que é a vida humana, o ideal debería consistir en poder elixir a modalidade de estupidez con que cada quen quere percorrer o camiño que media entre o berce e o cadaleito, é dicir, entre o berro e o estertor, unha carreiriña de can, coma quen di. Un nadiña de cacho de universo mentres dura a nosa viaxe na nave Terra: ¿uns cantos centos ou miles ou millóns de millóns de kilómetros?

O caso é que nestes días pasados tiven un grave atasco nos sumidoiros da miña casa. Unha avaría non súpeta senón acumulativa por agregacións de celulosas, detritus, obxectos, gases, cabronadas e estupideces. E chegou un traballador a reparala, un mozote forte que se meteu de fuciños na peste con moita profesionalidade e eficacia. E arranxouna.

Podo xurar e xuro que pensaba estar presente no asunto todo o tempo, pero non dei aguantado a pé de obra nin cinco minutos, tal era a toxicidade dos efluvios que saían do rexistro situado no soto da vivenda. De xeito que decidín marchar dous pisos máis arriba, ata o meu estudio, e deixar traballar ó rapaz, non sen antes indicarlle (inutilmente: "eu xa estou afeito", díxome) que debía poñer algunha protección, é dicir, unha máscara para gases, neste caso.

Aínda coas portas pechadas, a invisible nube chegaba abrasiva e picante ata miñas mucosas narizais, de xeito que tiven que colocar un pano mollado nas entradas do aire do mundo ó meu organismo para non trousar e caer desmaiado. Mentres, o rapaz seguía afuciñado como se tal cousa a medio metro de distancia daquela bomba odorífica. E un pregúntase por qué ocorre isto. Por qué hai tanta falta de información e de protección no traballo. Por qué morren estupidamente tantos traballadores esmagados polo tractor que conducen ou pola támara da gabia, ou precipitados dende os andamios e tellados, ou atrapados nos pozos negros e nas cubas vinícolas, ou afogados a un cuarto de milla da costa. E un respóndese a si mesmo que son a ignorancia e a avaricia as responsables de tantas mortes. E un coida que, xa postos a aturar a estupidez de viaxar inutilmente polo espacio, ben se poderían ter formas menos estúpidas de morrer e ben se podería informar mellor dende as instancias políticas e poñer medios para evitar tanta desgracia e tanta dor como se rexistra cada día nos xornais. Evitar, en fin, que ninguén diga máis esa tráxica e resignada frase de "eu xa estou afeito", producto dunha profunda ignorancia, seguramente, pero tamén das cabronadas de quen deberían ser máis responsables e non pensar só en gañar diñeiro a costa do esforzo mortal dos traballadores. Que total, señores e señoras das empresas, a vida é unha carreiriña de can, e teredes que deixar a nave lixeiros de equipaxe cando menos o pensedes. E farédelo estupidamente, claro, como todos, pero sen tanta traxedia e dor inútiles como as que producen as mortes dos vosos traballadores. Menos avaricia, menos ignorancia, que as dúas matan.
Tarrío Varela, Anxo
Tarrío Varela, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES