Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un berce educativo lucense

viernes, 09 de diciembre de 2022
O Lucus Augusti, Instituto decano de Galicia, cumpre 180 anos

Volver a vista atrás 180 anos supón, ademais dun certo exercicio de soidade, outro de memoria para recordar como era o Lugo de hai 18 décadas, é dicir a cidade na que se instalaba un Instituto de segundo ensino que ía converterse nun referente educativo para toda a provincia.

O Lugo de 1842 era unha poboación pequena e provinciana que apenas asumira a capitalidade que se lle concederamenos de dez anos atrás. Era unha cidade con historia iso si, porque fora fundación romana e así o testemuñaba a súa impresionante muralla ou outros rexistros arqueolóxicos menores como o do mosaico descuberto na rúa Batitales (Dr. Castro) precisamente no mesmo ano en que se fundaba o Instituto que hoxe celebra o seu aniversario.
Un berce educativo lucense
Por ese tempo a urbe lucense estaba a experimentar algunhas importantes transformacións urbanísticas, cambios que viñeran propiciados polas expropiacións de antigos edificios eclesiásticos como consecuencia das desamortizacións decretadas por Mendizábal e Espartero. Así, grazas ao derrubo da capela do Rosario ampliaríase a praza de San Domingos e a expensas da desaparición do convento de Recoletas conformábase todo unamplo ámbito meridional público na Praza Maior. Pero estes cambios non impedían considerar a Lugo como unha cidadepequena (o casco urbano apenas chegaba aos 5.000 habitantes) e de estrutura medieval.

Porén, algo estaba cambiando na cidade. O señorío eclesiástico que a rexera durante séculos daba paso, a partir do triunfo do liberalismo en 1833, a novas institucións de goberno, como a xefatura política e a Deputación, que ían procurar mellorar os servicios públicos da provincia que dirixían. Non foi doado nos primeiros anos xa que o primeiro conflito carlista mantivo unha inqueda situación bélica ata 1839, pero nos anos corenta axilizaríanse as iniciativas liberais e dun xeito particular durante o chamado Trienio progresista que coincidiu coa rexencia do xeneral Baldomero Espartero.

Un colega militar do rexente, o xeneral José Ramón Rodil (1789-1853) ocuparía a presidencia de consello de ministros (ademais da carteira de Guerra)desde xuño de 1842 ata maio de 1843, e como se trataba dun home nacido na provincia (Sta. María de Trobo, A Fonsagrada), non é difícil supor que desde o seu privilexiado posto favorecera a creación do Instituto lucense, cumprindo o repetido aforismo de que "quen ten padriño se bautiza", adaxio que tamén se cumpría no caso da creación do Instituto de Logroño que propiciou Espartero apenas un mes antes.

Non foi este, sen embargo, o único ingrediente que permitiu a conformación do centro Un berce educativo lucenselucense, xa que antes do ascenso de Rodilá presidencia, un activo grupo de deputados progresistas que constituían a Deputación -organismo que entre as súas múltiples competencias incluía a promoción dos establecementos educativos de nivel secundario- demandaranno mes de marzode 1842 a constitución dun Instituto de segundo ensino leccionados seguramente polo dinámico grupo progresista que en Lugo encabezaban José Arias de la Torre e José Becerra Llamas. Tampouco convén esquecer que a instalación do centro foi apoiada desde o primeiro momento pola recente reinstalada Sociedad de Amigos del País de Lugonos meses de xullo e agosto de 1841, institución especialmente implicada nas melloras educativas e que agora desprendíase dos integrantes clericais e fidalgos de anteriores instalacións para pasar a compoñerse fundamentalmente de convencidos liberais defensores dun modelo de ensino secundario e laico.

O caso é que dun xeito ou outro, con padriños ou sen eles, o día 30 de novembro de 1842 aprobábase a creación do Instituto lucense. Por entón, en todo o Estado apenas existía unha ducia destes centros que se orientaban a garantir o ensino das clases medias e altas da sociedade española, e en Galicia ningún, por iso a iniciativa lucense, se consideramos a importancia da cidade que a tomaba, tiña un mérito evidente.

Desde logo non ofrecía dúbidas a necesidade dun centro educativo deste tipo xa que, á altura de 1842, o 75% dos lucenses eran analfabetos e só unha pequena parte deles tiñan acceso a un "universo Gutemberg" moi cativo nunha cidade que por entón non publicaba outro periódico que un burocrático Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOPL)que sacarao seu primeiro número en maio de 1834. Tampouco abundaban as imprentas, resaltando entre elas a fundada en 1815 polo mallorquino José Pujole que tras a súa morte en 1834 herdarían os seus fillos; precisamente nesta imprenta publicaríase o BOPL ata 1846. En tales tempos os únicos establecementos de instrución importantes eran eclesiásticos, é dicir, os Seminarios de Lugo e Mondoñedo e o Colexio da Compañía sito na localidade de Monforte,onde agora funcionaba un Colexio de Humanidades en incerta situación desde a expulsión dos Xesuítas en 1767.

Por iso, cando os deputados provinciais deciden o 26 de marzo de 1842 solicitar un Instituto provincial están propoñendo instalar un modelo de ensino público, secundario e laico que puidera competir dalgunha maneira coatodopoderosaestrutura eclesiástica que dominaba o sector. De feito, en certo sentido o que facían os deputados provinciais era recoller unha iniciativa anterior xurdida no seo da mesma Corporación cinco anos antes cando, coincidindo coa instalacións dos primeiros institutos en España, solicitouse o que naqueles momentos chamábase unha "universidade de provincias", establecemento que non foi posible conformarpola situación que se vivía de guerra civil (primeiro conflito carlista)e porque aínda non existía unha mínima lexislación ao respecto que concretase as características destes establecementos, lagoa que paliarían os regulamentos do Duque de Rivas de 1836, onde aparece por primeira vez o nome de Institutos, e de Facundo Infante de 1841, que ratificaba ao segundo ensino como un nivel educativo intermedio e independente.

O Instituto respondía pois ao principio de secularización máis ou menos acentuado que querían impoñer os liberais en certos servicios públicos, asentando en cada provincia un centro axeitado para a formación dos fillos do grupo burgués que se identificaba co liberalismo; deste xeito, a familia liberal en ascenso garantía a conveniente preparación intelectual para os seus descendentes. Os Institutos cumprían así unha dobre función: aportar unha instrución de superior nivel ao elemental que daba o ensino primario,e que diferenciase aos que podían recibila das clases populares,todo isto sen perder un sentido propedéutico, é dicir de servir de trampolín para posteriores estudos nalgunha das dez universidades que por entón formaban ás futuras elites da nación.

Chegamos así ao fin do ano 1842, cando se publica no BOPL de 15 de decembro o Decreto de 30 de novembro anterior polo que se creaba o Instituto de Segundo Ensino de Lugo. O novo centro contaría coa dotación de dúas cátedras de Gramática Latina e Castelá, outras dúas de Matemáticas e Debuxo Lineal e unha de Física e Química, outra de Ideoloxía Moral e Relixión, outra de Xeografía e Historia e outra de Historia Natural, oscilando as retribucións anuais deses docentes entre os 4.000 e 6.500 reás.

Para asentar o centro constituíase unha Xunta Creadora que se encargaría de instalalo e que logo inspeccionaría o funcionamento do Instituto,xunta que conformarían o xefe político ou gobernador como presidente (neses momentos José Antonio de Gatell) e como vocais un representante da Deputación, outro do Concello, e dous individuos "de conocida ilustración y arraigo" que serían elixidos polo xefe político.

Para garantir a viabilidade económica do novo centroacudiuse a un recurso habitual na época: a imposición dun arbitrio (imposto) de 2 marabedís sobre cada cuartillo de viño que se consumira na provincia, gravame que sería concedido o 28 de setembro de 1842 cun triplo obxectivo: mellorar a rede de estradas provinciais, fundar e manter unha casa de Maternidade e financiar o Instituto que se concedería dous meses despois. Aínda que non entremos no tema, non está de mais engadir que a recadación deste arbitrio -do que se esperaban obter para o Instituto 60.000 rs. anuais- non foi moi afortunada, o que dificultou o mantemento do establecemento e converteríase nunha das causas -xunto ás xenerosas ofertas do duque de Alba- para que o Instituto provincial se desprazase en 1848 de Lugo a Monforte, poboación na que permanecería 14 anos.

Pero mentres, o Instituto de Lugo comezaría a funcionar para o curso 1843-44 ocupando algunhas dependencias do Seminario Conciliar instalado por entón na Praza Maior da cidade no edificio que actualmente ocupan os pp. Franciscanos. Encargaríase a dirección do centroa José Jorge de la Peña, o profesor da materia de Física e Elementos de Química, mentres que Antonio Magín Plá, responsable da primeira cátedra de Matemáticas, sería nomeado secretario. Nos anos inmediatos produciríanse cambios na dirección e no profesorado e conseguiríanse algunhas dotacións de material pedagóxico, non moitas desde logo porque como dixemos o Instituto trasladaríase cinco anos despois a Monforte para iniciar unha nova etapa.

As iniciativas docentes non se limitarían ao Instituto provincial xa que, xustamente un mes antes de que se asinase a orde de creación do mesmo, celebrábase a apertura da Escola Normal de mestres de Lugo segundo recollía o BOPL de 3 de novembro. Tratábase doutro centro co que se pretendía mellorar a instrución pública na provincia a través neste caso da formación dos mestres. Porén, pese aos apoios oficiais das institucións, non foi posible que a Escola comezase a funcionar ata anos despois.

Cando o xefe político José Antonio Somoza saque á luz a súa Memoria sobre a situación da provincia a fins de 1843, no capítulo dedicado ao ensino destacaba a importancia que para os liberais progresistas tiña a instrución publica e o papel que dentro dela representaban os recentemente nacidos Instituto e Escola Normal, polo que instaba a manter a súa viabilidade. No caso do Instituto foi posible desde o primeiro momento e, cos lóxicos cambios que impoñen os tempos, o centro manteríase ata hoxe mesmo. Polo que, tanto o seu herdeiro directo o IES Lucus Augusti, como en xeral todos os centros públicos e laicos de ensino secundario da provincia, poden celebrar con fundamento este lonxevo aniversario de 18 décadas. ¡Ogallá poidan ser moitas máis!.

Antonio Prado Gómez é Doutor en Historia e catedrático xubilado do IES Lucus Augusti.
Prado, Antonio
Prado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES