Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas Xacobeas: Da 'Casa Barbatelli' ao priorado de Barbadelo (V)

jueves, 08 de diciembre de 2022
Contan que no seu amplo patio se celebraban algunhas das romarías da parroquia, presididas dende o corredor polo párroco e cregos por el convidados, quen dende ali "velaban pola orde e os bos costumes dos fregueses".

No ano 1078 o lugar de "Don Audilán", doutro xeito coñecido como "Casa de Barbadelo", baixo do sino de San Salvador (en Rosende) e San Xacobe, foi cedido por Mariña e Pedro Ovequiz ao abade, Cresconio de Barbadelo.

En 13 de novembro de 1166, enteiramente integrado xa o mosteiro de San Xacobe, os seu mosteiros anexos e outras Casas Maiores caeran xa na órbita de Samos e o Cousas Xacobeas: Da 'Casa Barbatelli' ao priorado de Barbadelo (V)abade Sancho fíxolle doazón do mosteiro barbadelense ao capelán Paio "para que o posúa e edifique en canto sexa posible e o mellore" impoñéndolle unha serie de obrigas e de xeito tal que canto medrase quedaría para Samos. O capelán tiña que lles ofrecer un bo xantar aos monxes de Samos polo día de San Fagundo e quedaba obrigado a facer viaxes, por mandado do abade de Samos, tanto á casa do Rei como se fose preciso tería que ir a Roma ou a outras partes.

Nese tempo a vida monacal con abade, monxes e monxas en "San Xacobe" (Loci Sancti Iacobi) xa rematara e dende entón Barbadelo e as parroquias anexas (Piñeira, Albán e parte de Maside, xunto con outros lugares illados) pasaron a formar un priorado gobernado por un prioiro que tiña na súa compaña algúns monxes auxiliares.

A Casa do Mosteiro, a carón da antiga igrexa mosteiral, acabou caendo en foros, nun periodo que descoñecemos e na percura dun relativo illamento dos relixiosos foi alzada, no lugar de Sorriba, a "Casa do Priorado", tamén coñecida como "Casa da Portaría", ao sur da igrexa e comunicada co
templo por unha corga en costa.

Nesa grande edificación había unha capela adicada a San Froilán, cuxa imaxe está agora nun arquiño lateral da igrexa de Santiago, e alí estaba tamén a "Tulla de Barbadelo", na que se xuntaba toda o gran procedente dos foros do Couto e lugares anexos, que era administrada polo prioiro con rendemento de contas ó mosteiro samonense.

Partido de Barbadelo

O Partido de Barbadelo, un dos que formaba parte da organización territorial da Abadía de Samos, e sometido á súa xurisdición, estaba formado polos lugares aforados seguintes: Abeledo, Arxemil, Arxevide, Baxán, A Chafarica, A Ciguñeira, Os Coruxos, A Devesa, Loureiro, Marzán, Melle, O Mercado da Serra, Mialalma, Miralde, O Mosteiro, Cousas Xacobeas: Da 'Casa Barbatelli' ao priorado de Barbadelo (V)Padriñán, Pape, As Paredes, Peruscallo, O Pico, A Rañoiá, Rente, Sabenche, San Martiño, San Silvestre, A Serra, Sorriba, Taíde, Vilar, Vilei Zanfoga de Maside.

Os monxes levaban a administración relixiosa das parroquias, que non formaban parte de ninguha diócese, coa axuda dalgúns cregos "mercenarios", e entre as súas obrigas estaba a de antenderen aos peregrinos e pasaxeiros pobres que ían ou viñan de Compostela, dándolles axudas na "Casa da Portaría" e atendéndoos nun hospitaliño instalado a carón da igrexa.

Na noite do 17 ao 18 de maio de 1754 fixo pousada na "Casa do Priorado" o padre, Martiño Sarmiento quen, procedente do Cebreiro e despois de pasada a Ponte de Sárria e o río Cigoñeira (río de Barbadelo) chegou á Casa bieita onde ceou e fixo noite. Na mañá do día 18 saíu de Sorriba cara o Mercado da Serra, e polo Palacio (Feira de Paradela) en Vilamaior da Lobataira seguiu por Castro de Rei ata Riazón e A Lagoa, na Terra de Chantada.

No ano 1764 ocupaban a Casa da Portaría os monxes bieitos samonenses, Antonio de Prada e Bernardo de Castro, que tiñan un criado ao seu servizo e gozaban de rendas, desmos e outros dereitos e na freguesía había catro cregos "mercenarios" (Pedro Rivera, Xosé Arias, Xosé Arias Losada e Gabriel Arias Losada).

Ao se producir a Exclaustración no ano 1836, a Casa do Priorado acabou sendo a "Casa Rectoral" da parroquia, función na que estivo ata ben entrada a segunda metade do século XX.

Contan que no seu amplo patio se celebraban algunhas das romarías da parroquia, presididas dende o corredor polo párroco e cregos por el convidados, quen dende ali "velaban pola orde e os bos costumes dos fregueses".

Na actualidade este monumental edificio está sendo obxecto de obras de restauro promovidas polo seu dono, o avogado sarrriao, Xoán Díaz Bernárdez, que o rescatou antes de se converter nun irreparable pardiñeiro.

No lugar de Sorriba, na actualidade, mantén a tradición de acollida de peregrinos un albergue instalado na Cortiña do Pombal perto do antigo Mosteiro.
López Arias, Xaime López (Arlindo)
López Arias, Xaime López (Arlindo)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES