Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Resucitou, resucitou, aleluia!

jueves, 01 de diciembre de 2022
Unha vella canción de igrexa veuseme á cabeza a conto dunha noticia. O titular dicía: resucitan moléculas de neandertais para loitar contra as superbacterias. O certo é que non foi o único pensamento que se me viu, en auténtico tropel xerado polo titular da nova. Tamén imaxinei unha estrutura molecular cunha espada nunha man e un escudo na outra, imaxe máis gráfica que portando unha ametralladora. A imaxinación dá para iso e para moito máis.

A imaxinación, si, pero a realidade, aínda podendo ser inimaxinable, soe ser abondo máis limitada, ten que seguir unhas leis por moito de que por exemplo, algunhas poidan ser de predición estatística. Así que, tentando unir o titular e o real, entre as primeiras consideracións estaría o cavilar sobre a (escasa) cultura científica que se mantén na nosa sociedade.

Por se non lembrara outros casos anteriores, ó día seguinte atopo no mesmo xornal outra frase, desta volta como pé de imaxe, por riba do titular: 'En Galicia, o 97% do territorio é rural e unha proba é esta imaxe aérea na que se ve a aldea (...)'. A "proba do algodón": temos unha imaxe aérea dunha zona onde se ve só unha aldea e é proba (unha, pode haber máis!) de que o 97% do territorio é rural.

En tempos das fake news non nos asustamos de xeito doado das parvadas que podamos ler nos xornais ou obter doutros medios de difusión; sinxelamente, son demasiadas. Mais no caso das relacionadas coa ciencia, en termos xerais teñen unha característica común: son só iso, 'cousas' que se poñen pensando que máis ou menos corresponden coa realidade, sen malicia, sen segundas intencións tendenciosas para ocultar a realidade ou colgarlle o sambenito a alguén. É dicir, só son redaccións que xorden do descoñecemento das bases científicas da nova que se pretende transmitir. Pero o resultado é o que é: desinformación, transmisión de ideas falsas, inculturización.

Volvamos ó comezo, ós dous casos. No primeiro, as moléculas, para resucitar, terían que ter estado vivas nalgún momento, e volver á vida. Mais a RAG é clara, algo está vivo se medra, se reproduce, etc. Só coa primeira condición, con que medre, o titular xa non parece posible: o mesmo dicionario di que as moléculas son "A máis pequena parte en que se pode dividir un corpo sen que este perda as súas propiedades." Evidentemente, se medran, xa non é a parte máis pequena, aínda no caso de que manteñan as súas propiedades (cousa difícil para todas, se aumenta o seu tamaño). No segundo, a frase vai contra do que é o método científico, a ciencia non funciona así. Unha foto pode dar fe da existencia dunha posibilidade, pero mil fotos ó chou non serven para confirmar unha porcentaxe elevada. Unha foto dunha área de Singapur (dunha extensión aínda maior que a referida na citada imaxe aérea dunha aldea galega) sen edificios non implica que Singapur esté deshabitada... Ou si?
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES