Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Á figueira que se foi

jueves, 01 de diciembre de 2022
Noiva eras, gran prestancia,
viva flor da miña terra,
en altura como a casa,
para os merlos como artesa
da que nace o mellor pan.
Onde fuches, gran figueira?
Des que ti de alí marchaches
teño un oco na conciencia,
neno entón de poucos anos,
vello agora con paciencia.

Verte viñan os ouriolos
-flor de toxo desta terra-
e a pega rabilonga,
canta ave en ti quixera
acougar do ardor do día.
Dadivosa sempre eras,
aturando as túas pólas
dos rapaces a presenza:
"coidadiño -nos dicían-
coas pólas da figueira".

Advertía a nosa nai
que esas pólas falsas eran,
pois rompían sen aviso
pra co corpo dar en terra;
que as pólas do carballo
pra randearse mellor eran.
De caer que caian figos
-e non nós romper as pernas-
sobre sabas estendidas
ou na limpa e verde herba.

Entre as vidas da contorna
reino eras, gran figueira.
Dabas sombra a quen pasaba
e a dozura de ti mesma.
Do teu corpo e figura
loas houbo e nunca queixas:
amou sempre o seu lugar,
deuse a todos toda enteira,
caladiña sempre estivo:
só falou desta maneira.

Non che sei onde marchaches,
dos meus soños nai e nena.
Nin o sei nin che pregunto.
Só che sei que ti es eterna,
que algún día nos veremos.
Nin sei como nin maneira,
nin se aquí ou en ultratumba.
Ou será quizais, figueira,
que ti sempre estás comigo
en eterna primavera?
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania