Endexamais
Sempre lle hai que facer caso ós profesores. Porque son os que saben. Eu voulle facer caso ó profesor Alfonso Vázquez-Monxardín. Endexamais volverei usar a expresión nunca máis. A non ser que o alzhéimer faga das súas. Pero, en principio, endexamais voarei sen ás. Porque a última vez que o fixen levei o bo trompazo. Endexamais pecharei os ollos para non sentir pesadelos; con eles abertos é bonito soñar esperto.

Endexamais quedarei de pasmón contemplando a luz da lúa vella, cando podo moi ben subir ó faiado, poñer o traxe de astronauta e despegar ata ela.
Endexamais semella que é unha negativa moito máis nosa. E todo o que é noso debemos ter a obriga de usalo. Endexamais asomará polos meus escritos un nunca máis petroleiro. Endexamais direi desta auga non beberei, cando sei perfectamente que, ó ser auga, bebo da que sexa. Se mesmo cheguei a beber daquela auga que corría pola rodeira dun carro. Cando a sede é moita, a cabeciña pouca e a infancia foi o que foi, adoitábanse facer cousas desas. E non morrín. Nin tan sequera collín unha cisca.
Endexamais cruzarei o Atlántico se non é subido á Perla Negra. A nado non, que afogo. Endexamais deixarei de escoitar bandas sonoras ou calquera música que asome ou que choute ó aire. Endexamais deixarei caer sobre un papel en branco ruxerruxes sen fundamento, nin deixarei que as palabras se bambeen sobre unha realidade hipócrita, ficticia, falsa. Endexamais.