Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Advento pacifista

domingo, 27 de noviembre de 2022
Damos comezo hoxe ó novo ano litúrxico, coa vista posta xa na festa do Nadal. O tempo corre e nós con el. E así chegamos ó Advento.

"Advento" significa vinda, chegada. Irémonos, pois, preparando, para a lembranza comunitaria da vinda, da chegada onda nós do Deus feito home. Un acontecemento que marca misteriosamente a historia humana.

Estamos así convidados a "esperar". Unha esperanza que ten os seus alicerces na fe nun Deus Pai todopoderoso –tal como se di na fórmula do Credo- que se nos manifestou en Xesús para a nosa liberación e felicidade.

Pois esta nosa esperanza é en realidade unha esperanza que está previamente apoiada no feito de que Deus está xa desde sempre connosco.

O Deus do Advento non é só un Deus futuro, un Deus que virá. É tamén un Deus que veu, que vén e que virá.

Un Deus pasado, porque des que existe universo e humanidade alí está xa Deus, construíndonos, dándonos vida e agarimándonos. Dinos o apóstolo Paulo: "Nel, é dicir, en Deus, vivimos, nos movemos e existimos".

Pero é que, ademais, o acontecemento do Deus que se encarnou e humanizou na nosa historia e que puxo, como se nos di no evanxeo de Xoán, "a súa tenda entre nós" tivo xa lugar hai máis de dous mil anos. El fíxose dende aquela un de nós, un coma nós. Dende entón e para sempre Deus veu onda nós e emparentou, por dicilo así, con todos e cada un dos seres humanos e de maneira especial cos máis humildes, necesitados e marxinados.

De xeito que neste sentido a Deus non o deberiamos esperar coma se el non tivese estado xa antes onda nós. Mais este Deus que veu xa onda nós, segue a vir, está vindo onda nós acotío, en cada intre da nosa vida. Está sempre presente na nosa interioridade, na nosa propia conciencia, mais tamén no noso exterior, nas persoas coas que un día e outro nos atopamos. Lembremos o dito de Xesús: "Eu estarei convosco ata a fin do mundo". . Ou aquel outro: "Onde dous ou tres están reunidos no meu nome, alí estou eu no medio deles".

Por iso, cando a Igrexa nos convida neste tempo de Advento a esperarmos, faino sabendo que é Deus mesmo, o que está xa desde sempre connosco, o que nos dá as forzas, a graza, para podermos así ter azos para esperalo. Esperar a súa constante e repetida chegada, porque a el nunca seremos capaces de recibilo en toda a súa grandeza, absolutamente infinita.

Deus non é nunca algo así coma unha lección que se aprende un bo día ou dunha vez no cole e sobre a que xa non precisariamos volver. El é e será sempre algo que nin nesta vida nin na vindeira chegaremos a comprender plenamente. Para iso teriamos que ser nós mesmos absolutamente infinitos, é dicir, coma Deus. Por iso, para nós, Deus está sempre a chegar.

Especialmente no tempo de Advento deberiamos repetir a invocación que comunitariamente proclamamos na Eucaristía: "Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección. Ven, Señor Xesús!".

Este desexo de que Xesús veña a todos e cada un de nós, a toda a humanidade e de maneira especial ós máis necesitados da súa axuda e do seu consolo, é o lema que debería presidir todo este tempo de Advento.

Un desexo de que o Deus de Nadal se converta en pensamento ardente e vida práctica en nós. Porque a súa vinda onda nós, participando así en todo da nosa humanidade, é un acontecemento que non deixará endexamais de nos sorprender por pouco que nel pensemos.

O "esperar" do Advento non poderá ser un esperar pasivo ou adormecido. Precisamente a segunda lectura da carta de Paulo ós Romanos e mais o evanxeo de Mateo convídannos a sermos responsábeis nas nosas particulares angueiras e quefaceres, a "estarmos á espreita", a "espertarmos do son" e a mantermos viva a nosa conciencia.

Por iso quero engadir aínda que a mellor maneira de practicarmos este espírito de "esperanza" é xustamente levarmos á práctica o que a vinda de Xesús nos anunciará e nos porá diante dos ollos. É dicir: o exercicio consciente e constante dunha irmandade verdadeira entre todos, en canto irmáns dese Xesús que se vai facer para sempre irmán noso. É isto en definitiva aquilo que temos hai pouco escoitado ó final da primeira Lectura, cando o profeta Isaías nos anuncia o seu Deus vindeiro: "Será o árbitro das nacións, o xuíz de pobos numerosos. Das espadas forxarán arados, e das lanzas, podadeiras. Non erguerá a espada nación contra nación, non se adestrarán para a guerra".

Polo que lemos nos xornais e noutros medios, estamos aínda lonxe deste pacífico Deus vindeiro...
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES