Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Algúns problemas da Bioloxía Sintética

viernes, 25 de noviembre de 2022
Cando o futuro asoma o morro nas innovacións nun presente, desvelando a existencia doutras formas ontolóxicas da realidade, os seres humanos non podemos permanecer indiferentes ao que está sucedendo, para xulgar os impactos no noso medio, xa máis ou menos emerxentes na praxe do acadado. E penso que isto é un imperativo vital para o pobo, pescudador ontolóxico do presente, para que a adaptación ao novo ambiente non o sorprenda sen tomar as oportunas cautelas.

Non me atrevo a ofrecerlles unha definición rigorosa da bioloxía sintética. Excede a miña formación. Pero..., si, vou permitirme resaltar que o seu obxectivo fundamental céntrase na transformación RADICAL dos seres vivos. E como estes novos seres vivos non existen na natureza, e nin sequera teñen precedentes na historia evolutiva, desencadean, por suposto, a esixencia dunha rigorosa e adecuada pescuda ontolóxica, xa que CAMBIAN A NATUREZA NATURAL NUNHA ESPECIE DE NATUREZA BIOARTEFACTUAL, en termos de o Dr. Linares, quen di que, se este proxecto progresa, construiremos un MUNDO BIOTECNOLÓXICO, que incorporará, incluso, o que non sufriu modificación técnica da natureza.

E, para unha mellor comprensión de todo isto, talvez conveña lembrar que os BIOFACTORES son organismos vivos modificados tecnicamente, cunha función específica asignada por axentes humanos. Así os ve o indicado filósofo Linares. Pero convén ter moi presente que este proxecto está impulsado cunha visión eminentemente capitalista, co evidente propósito de potenciar e globalizar un mercado de transxénicos, "biomateriais", "biocombustibles", "biorreactores", novos fármacos, etc... é dicir, median os intereses económicos, tanto para acadar bos resultados de provisión económica, como para aportar suficientes recursos cos que afrontar as custosas investigacións dos "biotecnólogos".

Advirtamos que xa nos encontramos cun problema de xustiza distributiva, porque a inmensa maioría dos cidadáns non poderán adquirir os "bioartefactos", en mans dos monopolios de empresas e privilexiados capitalistas. E aínda que non parece pertinente nesta temática, pensen no que ocorre coas viaxes espaciais, por mera curiosidade, xa na actualidade.

Entre os problemas de índole legal e ética, posto que este material -a digámolo sen rigor terminolóxico- son innovacións que antes non existían, xorde o problema da propiedade, e a conseguinte dificultade para realizar inscricións en rexistros ad hoc, relativas á concesión de patentes garantes da mesma, que agora deben estenderse a SERES VIVOS, como as bacterias, que non existían na natureza, nin tiñan precedentes, como tales invencións "bioartefactuais", que, indiscutiblemente, posúen unha utilidade social e unha representación económica nos mercados asignados; pero tamén activan diversas opinións xurídicas, porque a vida, ese novo tipo de vida, está polo medio, precisamente, incoando o dereito de todos os cidadáns a coñecela na súa diversidade ontolóxica, posto que non parece que poda cuestionárselles.

Velaquí como crea problemas o feito de que existan agora deseños que non existían na natureza; pero, por outro lado, ademais, as novas formas de vida crean receos a hora de tratalas como se foran materia abiótica, algo así como si foran inmobles, xustamente pola forma tan pouco habitual de ostentar dereitos dominicais, non tanto sobre a vida como sobre as reservas da súa orixinal creación.

Engadamos que o capital no papel de BIOCAPITAL, é dicir, o que se dedica a tomar os "bioartefactos" como mercadoría, comerciando con eles a impulso dos intereses económicos e políticos, adquire aquí un poder que transcende, en moitos casos, o control dos Estados. Por isto, o significativo, e non por infrecuente na praxe política, ven a ser o feito de que este poder permítelle ao "biocapitalismo" globalizado estenderse a reconstituír a dimensión axiolóxica da vida humana, que xa se acusa na actualidade, mediante un "biopoder", que se deixa sentir nunha clase de racionalización da vida social, en ámbitos éticos, nos que se introducen novos paradigmas na correspondente epistemoloxía axiolóxica.

Consecuentemente, non parece que a Humanidade conte na actualidade con elementos suficientes de xuízo que xustifiquen unha previsión optimista para o futuro, porque nin tan sequera se pode dispoñer dunha regulación suficiente de carácter normativo, pola dificultade de que na bioloxía xenética hai implicados compoñentes das ciencias da vida, que, necesariamente, teñen que introducir formas da tecnoloxía informática, que non se albisca que dean facilidades.

A todo isto procede engadir, ademais, que existen non poucas dúbidas de que os "bioartefactos" podan ser obxecto de propiedade privada, so pena de desencadear transformacións complexas e inhibidoras de obxectivos irrenunciables, en perspectiva de actualidade, se non se queren evitar serias controversias éticas, políticas, económicas e, incluso, técnicas, con evidentes repercusións no desenrolo dos sistemas políticos e económicos, que se verían necesitados de afrontalas.

E, deixando de lado, sen esquecer, a magnitude do impacto que causa a realización da sínteses xenética entre os seres humanos e non humanos, menoscabando a dignidade da persoa humana, hai que recoñecer que os gobernos dos diferentes países do mundo tampouco o teñen moi fácil, xa que a dificultade de encaixar o verdadeiro progreso en consonancia cos novos tempos, respectando un contexto tan impreciso e vulnerable, e a lexítima pretensión de seguir ostentando o poder político, levos, ás veces, a ridiculizar as posturas que se ven obrigados a solicitar dos pobos, debido as esixencias dun horizonte de estrañas formas de vivir que impoñen os avances da "tecnociencia", cuxo coñecemento, como di Linares, converteuse nun ben de capital, nunha máquina-mercancía moi poderosa que produce outras mercancías e produtos, e na que avanza a privatización do saber en detrimento do seu uso común e libre acceso.

Tampouco son banais os problemas de método e procedemento, porque non lles é fácil regular a concordancia entre as esixencias presentes na sociedade actual e as previsibles para encadrar as derivadas dos sorprendentes avances das "biotecnociencias", algúns mantidos en secreto nas reservadas vitrinas dos laboratorios, xa que os problemas ontolóxicos e axiolóxicos que xeran as biosínteses esixen cambios substanciais nos principios da bioética dos nosos días, desgarrando as sensibilidades forxadas nas relacións cognitivas e regulacións éticas cos que hoxe son tipos ontolóxicos naturais, nos organismos vivos e nos mesmos ecosistemas.

Isto explica que talvez haxa que modificar as relacións actuais dos seres humanos cos non humanos, e non creo que a bioloxía sintética deixe moito marxe para formular axustes que permitan manter operativo o cadro de valores que constitúe o humano, tal e como se entende hoxe en día, como pivote dunha estreita atribución constitutiva da dignidade da persoa humana. As mesmas reservas en laboratorio, tanto por defender un posible monopolio como por motivos estritamente profesionais, non parece que faciliten os axustes arriba referidos: Non se dubida da honestidade dos investigadores, por suposto; pero a falta dunha regulación normativa eficaz pon en perigo a "bioseguridade" necesaria, respecto á ontoloxía ata a actualidade cualificada de natural.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES