Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Parabéns, Conchita!

miércoles, 23 de noviembre de 2022
No entramado da sociedade, os colectivos marxinados sempre estiveron acompañados dunha linguaxe discriminatoria. Non esquezamos que as palabras poden axudar, de forma significativa, a dignificar e eliminar prexuízos. Camiñamos cara unha nova forma de definir ás persoas porque, por dicilo dalgunha maneira, plantouse cara aos vellos conceptos e tomouse partido pola inclusión con plenos dereitos. Claro que segue custando superar a visión que se ten das persoas con algunha limitación manifesta, e non chegamos a xeneralizar o dereito a Parabéns, Conchita!unha vida como os demais, cos seus acertos e cos seus erros. Aínda é a persoa a que debe realizar esforzos para acercarse ao seu medio social.

Ao largo da historia, as actitudes cara as persoas diferentes determinaron o tratamento que estas recibiron con actuacións de rexeitamento ou de superprotección. A mesma lexislación española recoñece oficialmente, e de maneira cronolóxica desde o ano 1930, termos como anormal, deficiente, inválido, subnormal, minusválido, persoa con discapacidade e persoa con diversidade funcional fronte ao termo «normal». Podemos preguntarnos que se entende por normal cando a carencia, sexa do tipo que sexa, é un rasgo inherente á persoa.

A min tocoume a época de subnormal e no certificado, que data do ano 1968, consta textualmente: «se le declara la situación de Subnormal». ASPNAIS nace no ano 1966 e, naqueles tempos, falar da asociación era falar de subnormais. Estarán comigo en que entre «subnormal» e «persoa con discapacidade intelectual»" caben moitos matices. A día de hoxe, non está superada a terminoloxía e non se imaxinan o que custa antepoñer a palabra «persoa» a calquera situación limitante.

A miña vinculación con ASPNAIS vén desde os seus comezos. Recén incorporada a Lugo-cidade para iniciar o difícil camiño da integración, coñecín a asociación a través do seu primeiro presidente, Manuel Millán, porque fun compañeira dunha filla no Instituto Feminino e, recentemente contactei cunha irmá dela que me chamou para unha entrevista. Máis tarde, desde Auxilia, compartimos loitas, reunións e... ata usuarios. Precisamente o pai dun dos seus membros presidiu a nosa Asociación de Pais e el segue a presentarme coa coñecida frase, a viva voz: «Es mi amiga, era amiga de mi padre». Estou segura que saben a quen me refiro.

Van quedando atrás atrancos nos que case non había interlocutores coa Administración, sempre rodeados dunha visión paternalista e mendigando axudas para levar a cabo programas de actividades. Eu, que tamén sei o que custa sacar adiante unha asociación, podo asegurar que eses cincuenta e seis anos representan moitos máis. De seguro que foi un proceso difícil e complexo con leccións aprendidas e, sobre todo, con retos superados. Non se trata de mirar ao pasado cando hai todo un futuro por diante no que a inclusión vai gañando presenza, e asoma timidamente unha sociedade que dá pasos cun enfoque diferente.

En definitiva, estamos a falar de dereitos humanos e de buscar formas que respondan á diversidade. Trátase de aprender a convivir coa diferenza e tamén de aprender dela, converténdoa nunha aportación positiva á sociedade. Todo isto para facer presente a figura de Conchita Teijeiro, á que me une unha bonita amizade e moito cariño por tantos anos de loita compartida. Non vou falar da súa traxectoria porque é sobradamente coñecida e sería repetirme, pero si quero lembrar dous momentos que vivimos xuntas: a distinción de «Milagrosista do ano 96» e o premio «Entre mulleres», no ano 2004. Só me queda dicir: Parabéns, Conchita! Que o monumento inaugurado na túa honra, manteña acendida a chama da xustiza e a solidariedade.
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES