Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E que viva Montevideo!

miércoles, 23 de noviembre de 2022
Os anos van pasando pero non esquezo aqueles meus vinte días no "Cabo de Hornos" desde o porto da Coruña ata o porto de Montevideo. Para min foi case coma unha excursión. Eu tiña cinco anos e levaba meses coa imaxe de meu pai na cabeza e devecido por coñecer o lugar onde emigrara uns anos antes. A verdade é que na aldea (Tines-Vimianzo) era moi feliz. Era o primeiro neto da parte materna e vivía coa miña avoa Concepción que me agarimaba con chocolate e unhas moi saborosas merendas de ovos con azucre ou follados (filloas gordas) pero o nome Montevideo, que para min era Montemineo, soábame a cousa boa. A miña nai dicía que alí os invernos eran moi curtos e que axiña ía comezar a escola.

Ata chegar ao porto de Santos, onde nos agardaba o tío Xosé de Borneiro que casara coa tía Fina que era unha das irmás de meu pai, perdín moitos quilos. Os mareos eran cotiás e a comida do barco non quería vela, agás algunha mazá ou laranxa. O meu tío subiu ao barco cun gallo na man do que penduraban unhas froitas amarelas que chamaban bananas e que eu non coñecía. Coido que en 1958 esta froita non se vendía na feira de Baio. Foi un agasallo moi nutritivo e fíxome repoñer un pouco pois ata que desembarquei, o xoves 27 de novembro, foi o único que comín. Aínda non chegara ao meu destino pero semellaba que ía ben encamiñado xa que alí o sol alumeaba con forza e disque non ía volver a poñer os zocos porque nas cidades non hai nin corredoiras nin lameiras.

O peirao montevideano estaba ateigado de brazos e mans que saudaban aos que chegabamos. Eu apertaba a man da miña nai e buscaba a meu pai e lembro que foi quen sinalizou onde estaba que era xunto a seu amigo Ramón de Castromil. O que chamou a miña atención foi os sorrisos dos que agardaban e tamén que ninguén levaba roupa de abrigo. Lembro que camiño do barrio de Aires Puros (onde meu pai alugara un apartamento) chamoume moito a atención a cantidade de carteis, muros e paredes pintados con letras en tinta azul ou vermella sobre un fondo de cor branca. Non preguntei e non souben ata moitos anos despois que era a propaganda electoral dos dous principais partidos políticos que tiñan unha cita coas urnas o domingo 30 de novembro.

Instalado no apartamento da rúa Pantaleón Artigas esquina con Ipiranga, miraba abraiado desde a beirarrúa para aquel espazo cheo de luz. Os meus pais dixeron que o domingo pola tarde ía coñecer a Mercediñas, a filla de María de Torelo e Ramón de Castromil, que vivía perto do apartamento xa que meu pai buscou vivenda pola contorna do seu grande amigo. Este domingo quedou gravado na miña memoria. O certo é que sinto a mesma emoción aínda que aló van xa 64 anos. Esperto cos sons dunhas gaitas que saen da radio -unha "Philco"- que está na cociña. É a mesma música dos gaiteiros que estiveron no verán na festa da "Ermida Vella" en Tines. O meu pai conta que sempre, os domingos pola mañá, escoita "Sempre en Galicia" que lle gusta moito xa que falan na nosa lingua.

A tarde do domingo 30 de novembro foi máxica pois abriu a porta para o meu ingreso voluntario na República Oriental do Uruguai. Tiven a sorte de contar cunha anfitrioa de alta calidade, Mercedes Vázquez Rama, que tamén era emigrante e coa experiencia de levar dous anos na capital uruguaia. Na súa casa da rúa Santa Ana foi onde recibín información sobre a escola (ía comezar o primeiro curso o 15 de marzo de 1959) e un tal Artigas que era unha persoa moi boa. Eu escoitaba o que me dicía sobre que era o de "pai da patria" sen entender nadiña pero sabía que era importante porque eu admiraba moitísimo a Mercediñas. Para merendar trouxo mate con azucre e pan con doce de leite. Non coñecía aquela bebida quente e tampouco o doce que estendeu por enriba do pan. Hai pouco máis dun mes que o montevideano neto maior de Pura do Caseiro (OrónsBamiro-Vimianzo) veu visitarme e viña cun agasallo que moito agradezo. Era un tarro grande de "Dulce de Leche" da marca CONAPROLE que é a mesma que me deu Mercediñas naquel inesquecible domingo. Viva Montevideo! Viva a patria de Artigas!
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania