Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Antón Beiras, un científico progresista e galeguista

martes, 22 de noviembre de 2022
A década dos cincuenta do século pasado está ateigada de feitos e personaxes sobranceiros que salientaron no eido científico. Para que isto ocorrese non podemos esquecer algúns fitos relevantes. En 1956 celébrase en Buenos Aires o 1º Congreso da Emigración Galega. Un cónclave que foi decisivo para alentar no interior do país un proceso de modernización e avances en todos os campos.

A Revista de Economía de Galicia, que foi o intento máis rigoso e científico de ordenar o pensamento económico galego e as iniciativas que se deberían tomar para reconstruir a identidade galega e todas súas compoñentes, ten as súas oríxes naquel congreso.

Esta publicaciónfoi promovida por un grupo de empresarios galeguistas que sufriran a represión da ditadura. No editorial do primeiro número correspondente a xaneiro de 1958, manifestan expresamente o seu pensamento: "A economía ten unha íntima vinculación coa cultura, ben coma un dos seus factores integrantes en canto riqueza, ben como produto cultural específico en canto investigación e coñecemento teórico desa riqueza". Son os precursores do I+D+i + G, a recorrente fórmula aritmética aplicadapara o desenvolvemento económico dun pais concreto cunha economía diferente das circundantes.

Ese mesmo ano Juan Rof Carballo publica en lingua galega o ensaio científico "Mito e realidade da Terra Nai". Unha publicación que explica con rigor a idiosincrasia da personalidade dos galegos á luz da antropoloxía médica, nomeadamente da medicina sicosomática.

Previamente, algúns dos protagonistas dos grandes avances deste período histórico poñen en marcha os Labotarios Zeltia, o primeiro centro de investigación biomédico de prestixio internacional. Antonio Fernández, Isidro Parga Pondal, Álvaro Gil Varela e Ramón Obella Vidal son algunhas das figuras claves deste proceso. Todos eles sufriron represión e exilio. Malia esas adversidades forman parte desa constelación de feitos anteriormente descritos.

Unha xeración senlleira na historia de Galicia formada en espazos comúns. Antón Beiras xorde cultural e politicamente na asociación Ultreya, creada por Álvaro das Casas nos anos vinte. Tal foi a gratitude a aquel movemento cultural que ao seu fillo púxolle un nome composto: Hixinio Ultreya. Especialista en oftalmoloxía, foi o autor do primeiro traballo científico redatado en lingua galega, que a Academía Médico Cirúrxica de Galicia publicou en 1957 na súa revista "Referatas", titulado "Ensaios para mellorar os resultados terapéuticos no estrabismo".

Comentabame un compañeiro de Antón Beiras como este reivindicou o uso do galego en certa ocasión: "Estabamos nun congreso internacional no que participou para explicar o seu descubrimento científico para correxir o mal do ollo birollo e o instrumento que denominou "Vigoscopio". Cando subíu ao estrado empezou a súa disertación en galego; os asistentes montaron unha alporizada zarracina alegando que o idioma oficial do congreso era o inglés. Negouse a facelo nese idioma con este argumento: "Para descubrir as causas do estrabismo e idear un instrumento para corrixir ese defecto visual, tiven que documentarme estudando a bibliografía publicada en inglés, castelán, francés, portugués, italiano e alemán. Xusto é que agora os que os congresistas aprendan o galego, que é o idioma no que concebín as miñas investigacións, se teñen interese nelas".

Antón Beiras foi un galeguista progresista, solidario cos galegos que sufriran a represión dun réxime que tiña choídos nos cárceres a moitos científicos, a moitos galegos e galegas por defenderen o réxime constitucional republicano. A súa participación nas tertulias clandestinas que se celebraban en Vigo na longa noite de pedra deixaron un pouso que foron recordadas polos derradeiros sobrevivintes daqueles tempos.

A Irmandade da Sanidade Galega, integrada no colectivo Galeguizar Galicia, coas as colaboracións da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Concello de Santiago e Universidade de Santiago de Compostela, promoven unha homenaxe na Facultade de Medicina que se celebrará o próximo día 26 ás 12:00 horas, co descobrementodun busto realizado en bronce polo escultor José Molares, que será situado nun dos corredores do centro. Están previstas diversas intervencións de cualificadas personalidades que glosarán a memoria dun científico que fixo ciencia en galego ao servizo da humanidade.

Xosé González Martínez é Presidente Foro E. Peinador.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES