Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Política e verdade

martes, 22 de noviembre de 2022
A política é unha arte nobre. Así a considero eu porque grazas a ela a sociedade pode atopar a concordia e podemos convivir. A única premisa que debe cumprir un político é que sexa honesto e non minta, porque coa mentira e o engano converte en inmoral a actividade pública que desempeña.

Debemos, xa que logo, agardar e mesmo vixiar, que un político cumpra a súa palabra. Que o que prometeu en campaña electoral e figura no seu programa electoral realízase ou, polo menos, téntao. Cando un político mente reiteradamente traizóase a si mesmo, traizoa aos que lle votaron e a toda a cidadanía á que debe servir.

Abofé que un político ou unha política pode equivocarse ao lexislar e promover unha lei cuxa aplicación dea lugar a situacións inxustas. Non é fácil que isto suceda porque un Estado ten á súa disposición órganos asesores e consultivos cuxos informes lle garantirán que as leis pasen un primeiro control de legalidade. Por iso, é moi importante que devanditos órganos consultivos non sexan obviados con truques e, se aínda así unha lei é inxusta, emendar o erro e cambiar a lei.

As circunstancias poden arruinar os plans económicos dun goberno, mais non é de recibo que alguén elabore e aprobe uns orzamentos sabendo que os organismos nacionais e internacionais de referencia contradín as súas cifras. Presentar eses números é un autoengano para saír do paso que a realidade acabará botando por terra.

Un político debe practicar a transparencia e informar nos órganos parlamentarios e de comunicación habituais das razóns que xustifican as súas decisións, tanto en política interna como en política internacional.

En fin, un político pode mentir, certamente, pero, lembren, cóllese antes a un mentireiro que a un coxo.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES