Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (34)

viernes, 25 de noviembre de 2022
O Cacharulo

Entre os compostores da Valura, aínda hoxe, destaca un home coñecido como O Cacharulo de Bendia, Castro de Rei, de fama rexional e incluso estatal, ata tal punto que o seu nome de Cacharulo hoxe vén representar a todos os que se dedican a esta arte por metonimia e froito do bo traballo que leva exercendo ao longo do tempo e da fama que representa, pois, óese noutras contornas que teñen que ir ao cacharulo para dicir que han de ir a un compostor.
A misteriosa e incógnita Valura (34)
O pai do Cacharulo de hoxe, que exerce en Bendia, chamábase Eugenio, o tal Eugenio, tivo un fillo que emigrou para Arxentina que tamén era compostor, pero na casa quedaron dous fillos seus, Pedro e mais unha filla, sendo Pedro o Cacharulo de hoxe en día. Eugenio, o pai, mirábache o brazo ou a perna, colocábaa no seu sitio e logo pizmábacha poñendo unha venda ao redor, facía un "batiburrillo" que pegaba moi ben, era de cor marrón e quedaba dunha peza como se fose escaiola.

O novo Cacharulo, Pedro, cando chegas xa tes catro ou cinco coches fóra, o que indica a xente que tes diante e tamén a boa man que posúe. Mándate sentar nunha cadeira enfronte del e logo di que lle poñas o pé no seu xeonllo, vaiche tocando cos dedos e de repente cólleche a articulación e dáche unha especie de estirón doloroso e mándate estar quieto, que non te movas, logo ponche unha pomada e colle un cartonciño adecuado que che coloca nese sitio que soamente el sabe. Pídeche a venda -que ti tes que levar- porque xa só faltaría que che puxese tamén a venda e non che cobrase nada. Empeza a vendar cunha arte verdadeiramente maxistral, como un gran profesional que é, e así que está vendado remata cun pouco esparadrapo non sen antes acordarte de que "Aos nove días, quítao, non antes".

Vin casos de xente que para entrar na súa casa necesitaban a axuda de dúas persoas e, ó remate, o enfermo saía andando. Tamén trata aos desafiuzados da medicina sempre referidos a este mal, xa que en caso contrario mándache ir ao médico. El sabe moi ben o que é de Deus e o que é do César.

O que isto escribe, natural da Ponte de Outeiro de Castro de Rei, recoñeceo e lembra como sendo moi pequeno foi coa súa nai a Lugo, aló polo ano 1957, ao bar Frade, que estaba en Recatelo e máis ao Campo Castelo cerca da cordoaría que dá ás dúas rúas.

Xa dixemos que hoxe continúa Pedro, o seu fillo, na casa patrucial de Bendia, moi cerca da lagoa de Caque para a que pedían os Valuros, para as once mil virxes. O Cacharulo non che cobra nada e faino de moi boa gana, sempre con moi boa cara, trátate moi ben. O único que tes que levar é unha venda.

Pedro, o Cacharulo de hoxe, ten tres fillos, dous fillos e unha filla. Non sabemos quen seguirá a tradición pero coidamos que será un neto de Pedro o que continuará a tradición familiar. Tanto Eugenio como Pedro foron moi perseguidos durante o franquismo, o que nos resulta incomprensible, porque unhas persoas coma eles que só perseguían curar aos demais e facer o ben. Non entendemos como as trataron tan mal, seguro que os confundían cos meigos e bruxos ou cos outros sanadores tamén valuros, pero sanadores e milagreiros de almas.

O noso recoñecemento para con vosoutros, Eugenio e Pedro. Grazas por axudar a tantos habitantes da Valura e de fóra a cambio de nada.

Salve Valuria!

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES