Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 10 de noviembre de 2022
Todos me viraron as costas

Esperei a que me chamara alguén. Non me chamou ninguén. Ai si, exclamei para min; serei eu os que chame a uns cantos. E empecei por Faustino, o Cancelas. Berroume de que non estaba. Mirade se é torto. É tan torto coma min. Non desesperei. Berrei por Eulogio, o Cirollo. Foi a súa dona Lidia, a Ferraias, a que me dixo que marchara por tabaco e que aínda non volvera. Seguro que xa cruzou o charco e adeus Pingas de Orballo moi boas.
Percorrín dúas rúas máis para chamar a Clotilde, a muller do Silabario. Esta si que estaba! Abriu a porta e soltou un "que queres" seco e abondo rabudo. Tatexei e marchei co rabo entre as pernas, que é o mesmo que marchar coas orellas baixas. Eu mesmo empezaba a notar que perdía a calma. Pero seguín. Asubiei por Salustiano, o Caxato, que asomou á ventá e cando me viu pechou as contras coma un lóstrego. Porca miseria!
Como a testán non hai quen me gane, tocoulle a quenda a Ludivina, a Bonita. Esta, onde asomou, foi ó balcón. Que carallo, era bonita. Sorriume. Atrapallei aínda máis, pero tiven a ousadía de lanzarlle un bico polo aire. Meteuse dentro nun alustro. Sería para que eu non collese confianza. Empezaba a cansar. Ninguén me facía caso.
Insistín. Chamei por Lucero, o Fachón; por Eustaquio, o d'Arriba; por Eudosia, a Coella; por María, a de Cachamuíña; pola Fina, a Laverca; e por Felisindo, o Escangallado. Todos me viraron as costas.

O resplandor da lúa

Botei tres meses e medio (días arriba ou semana abaixo) retirando, unha a unha, as estrelas do ceo para deixarlle sitio ó resplandor da lúa. Da lúa vella, se entende; que é cando máis e mellor se lle ve o brillo. Retirar as estrelas non me custou moito que digamos. Puxen música de Vangelis (moi apropiada, por certo) e deixeime ir e vir, é dicir, flotar polo espazo sideral. A sensación era bonita. E calmada, moi sosegada.
Pingas de Orballo Cando intuín que o espazo sen estrelas era suficiente para que o resplandor da lúa chea se apreciara, se vira desde tantos quilómetros á redonda, deixei de apartar os corpos celestes. Lembrar, iso si, que os quilómetros de aí arriba son e non son os mesmos que os de aquí abaixo. Parece que non hai diferenza, pero haina.
A verdade é que ver medio universo sen estrelas é e non é bonito. É bonito pola inmensidade do resplandor do noso satélite. Non é bonito pola falta de estrelas. Porque as estrelas, que demo, tamén son fermosas. Non obstante, non tardei en loitar contra unha estación espacial que me veu buscar as beiras ou tirarme do xenio, ou sexa, desfacerme esa fermosura espacial. Tiven que chamar a Cabo Cañaveral e o que pasa sempre: que me desviaron dun lugar a outro ata que rematei no alto dos Castros, en Cartelle, e desde onde mandaron axiña un mísil que mandou a estación espacial a tomar por aquel sitio. O resplandor da lúa volvía ser espectacular.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES