Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Adonis, poeta árabe universal, inscrito na pedra de Galicia

viernes, 11 de noviembre de 2022
"Dilátanse as miñas significacións / e asasínanme os límites", escribiu Adonis cifrando así unha poética da apertura absoluta e da liberdade sen fin. En consecuencia, escribiu: "Eu son aquel / cuxo camiño aínda non comezou; / o que non ten estrela. / Camiño cara min mesmo, / ao mañá que chega. / Camiño, / e tras de min camiñan as estrelas."

Así de elementalmente simple, pero de cosmicamente complexo, é o itinerario biográfico e creativo de Adonis, gran poeta, sólido pensador e lúcido ensaísta. Por isto a Adonis, poeta árabe universal, inscrito na pedra de Galiciavida o levou a tantas fronteiras como a obra dende o principio, pois naceu nunha aldea da Siria rural, iniciouno de neno na poesía o seu humilde pai, conseguiu sendo adolescente a protección dun presidente para poder estudar e comezou a publicar moi novo cun pseudónimo pagán, Adonis, o nome do vello mito de orixe sumeria, babilonia e fenicia adoptado polos gregos que o liberou das ataduras relixiosas do seu nome familiar.

Na súa xuventude licenciouse en Filosofía en Damasco, onde coñeceu prisión polo seu compromiso político laico e integral. E, tras casar con Khalida Saleh e establecerse no Líbano, desenvolveu dende Beirut un subversivo labor creativo en revistas e libros que revolucionaron a literatura árabe. Nese tempo tivo tamén dúas fillas que aparecen irradiando a súa poesía: "Escribo cartas ás cousas anónimas, asinándoas con nomes dos que lembro agora Arwad e Naynar".

A súa apertura ao pensamento e á poesía chamadas occidentais, dende Heráclito e Nietzsche a Baudelaire e Rimbaud, acrecentouse durante unha estadía en París, cidade onde coñeceu persoalmente a Michaux, Guillevic, Bonnefoy, Jouffroy ou Bosquet. Ademais, traduciu ao francés a poesía árabe clásica e a Khalil Gibran, así como ao árabe ao clásico Racine e ao visionario Saint-John Perse, con quen ten tanto imaxinario mediterráneo en común.

E, definitivamente, a guerra civil libanesa levouno a instalarse en París, onde exerceu como delegado da Liga Árabe na UNESCO e como profesor de literatura árabe na Sorbona, e dende onde se desprazou como docente e investigador visitante a Xenebra, a Princeton e a Berlín.

"Eu nacín exiliado", escribiu Adonis, para quen "o exilio é a verdadeira patria do creador". Como a nosa Rosalía de Castro, "Estranxeira na súa patria", e como o noso José Ángel Valente, "engendrado por tu tierra extranjero, / como todos nosotros", Adonis entendeu que, máis alá do lugar no que se naza, a nosa patria é o que nos libera esteamos onde esteamos, e por isto sente e pensa que o exilio é a verdadeira patria de toda persoa que crea.

Con este exilio interior reforzado no contacto co exterior, Adonis descubriu a esencia radicalmente libre de ligaduras políticas e relixiosas do seu pensamento e da súa poesía, tal como se mostra en libros tan fulgurantes como Cantos de Mihyar, o Damasceno, onde o personaxe do título é un alter ego sincrético que representa a mestizaxe de culturas e comunidades diversas, allea a toda idea pechada de raza ou nación. Trátase dunha obra profundamente arraigada no pensamento presocrático grego e na cultura preislámica árabe, lonxe da tradición monoteísta que interrompeu o natural fluír da civilización mediterránea coa escisión teocrática entre eses falsos conceptos que son Oriente e Occidente. Porque para Adonis o monoteísmo foi un despótico golpe de estado político no seo da cultura múltiple representada polo mundo antigo.

De aquí tamén a súa identificación celebrativa e pagá coa natureza: "Un berro de falcón súbeme polas follas", dise na obra mencionada, pero tamén pode intuírse en títulos tan significativos, que menciono libremente traducidos ao galego de diferentes linguas, como o do Libro das metamorfoses e da migración polas rexións do día e da noite, Homenaxe ás escuras cousas claras, Índice das accións do vento ou A man da pedra debuxa o lugar. Porque a natureza crea e se recrea na propia poesía de Adonis, quen non en van escribiu: "Os meus poemas florecen espidos como as rosas".

Pola súa visión cósmica e harmoniosa da natureza tense comparado a poesía de Adonis coa do español Jorge Guillén, máis a súa imaxinería irracional e visionaria aproxímao na expresión ao tamén español Vicente Aleixandre. De feito, Adonis achegouse deliberadamente á poesía máis visionaria de Federico García Lorca, con cuxo Poeta en Nueva York dialogou na obra expresionista Epitafio para Nova York, moi crítica co capitalismo salvaxe e co imperialismo norteamericano.

Porque, en efecto, Adonis modernizou a poesía árabe e mundial cun experimentalismo aberto que combina o verso libre co poema en prosa, a composición brevísima co poema torrencialmente extenso, a estrutura dramática con diálogos imposibles, por exemplo con Lincoln ou con Whitman, este sempre mestre de todas as liberdades. A súa interpretación poética-crítica da historia árabe actual realizada en poemas longos como "Este é o meu nome" ou "Prólogo á historia dos Reis de Taifas" inciden torrencialmente sobre a máis descarnada realidade inmediata: "Un tempo entre a rosa e a cinza".

E mención especial esixe a reflexión sen prexuízos sobre o corpo na súa poesía erótica, cantada con imaxes que descenden ao máis fondo da natureza terrestre e que se elevan ao máis alto dos espazos estelares en obras de madurez como Comezo do Adonis, poeta árabe universal, inscrito na pedra de Galiciacorpo, fin do océano, Historia que esgaza nun corpo de muller ou, simplemente, Corpo, nas que pon en evidencia que, igual que non encontramos dúas veces o mesmo río, tampouco encontramos nunca o mesmo corpo.

Antólogo fundamental da poesía árabe, na que é especialista, e ensaísta sobre a poética e sobre a cultura árabes, estableceu penetrantes diálogos entre estas e a modernidade, como é o caso do ensaio Sufismo e surrealismo, escrito na procura dunha sincrética fusión de ambos na disolución do absoluto e do misterio que se experimenta precisamente na súa propia poesía.

Non é de estrañar pois que Adonis merecese os máis variados e reputados recoñecementos internacionais no campo da poesía, innumerables aquí. Eu mesmo tiven a honra de compartir Doutoramento Honoris Causa con el na Universidade da Alta Bretaña, en Rennes, preámbulo das dúas veces que por desexo seu tiven a honra de presentalo en Galicia, tanto en 2014 como en 2022, neste último caso en ámbitos da Universidade de Santiago de Compostela e con patrocinio do Concello de Santiago de Compostela.

En efecto, no mesmo Salón Nobre de Fonseca onde exercín de padriño no doutoramento Honoris Causa, pola Universidade de Santiago de Compostela, de José Ángel Valente e no mesmo día 4 de novembro en que ambos poetas foron irmandados no Xardín das Pedras que Falan en Santiago de Compostela coa inauguración de contiguas lápidas poéticas provistas de fondos versos inéditos de ambos inscritos nelas. Porque non por casualidade, Valente e Adonis xa se tiñan encontrado en persoa, concretamente en coloquios celebrados en Verona e en Ronda, aparte de que ambos traballaron na sede da UNESCO en París.

Trátase en efecto de dous poetas singulares, como singular é, con título en plural, a que Adonis considera a súa obra mestra, precisamente titulada Singulares, á que pertencen os versos cos que iniciei este escrito e en cuxas catro partes se resumen precisamente os catro elementos da arte poética deste referente universal da poesía árabe: Xénese, Historia, Corpo e Alquimia.

O seu longo poema "Marrakech / Fez" subtitúlase moi significativamente "O espazo entretece a interpretación" e nel se engloban Oriente e Occidente por mediación da poesía: "Pode o Atlántico viaxar polo Mediterráneo / como se o mar fose un barco". Adonis, "viaxeiro sen movemento", como o seu Mihyar o Damasceno, parece obter a plenitude nos espazos azuis: "repouso no azul", escribiu con apertura infinita. Acaso por isto, os versos que figuran inscritos no Xardín das Pedras que Falan de Santiago de Compostela sentencian: "Confesa o sol ao nacer: / Xamais fun unha resposta."

No discurso pronunciado durante a inauguración da pedra inscrita en dito xardín universitario, Adonis comezou dirixíndose aos "Amigos e amigas que vén os seus países como obras de arte e converten as súas cidades en poemas e esculturas" e apelou á fraternidade "na historia e na imaxinación". Ademais, enmarcou tal acto políglota nun "encontro entre os creadores de todo o mundo para celebrar a poesía, e así homenaxear a todos os creadores e non soamente á miña persoa".

E proseguiu afirmando que "A poesía, como o amor, é a expresión máis profunda do ser humano", ameazado neste tempo pola deshumanización maquinal que o converte nun instrumento ao servizo das cousas. Nesta reivindicación afondou no coloquio que seguiu ao seu recital, en palabras que foron traducidas do francés ao galego pola ensaísta, doutora en Literatura Francesa e catedrática de Francés María Lopo.

No mesmo texto inaugural da inscrición, que leu en árabe e que me encargou ler traducido, asegurou que "a poesía ensina a distinción e a singularidade", porque a verdade reside na singularidade", que a través da creación permite "descubrir, coñecer e revelar as incógnitas do universo". "Miro esta pedra-poema cos ollos da poesía", confesou, para finalmente, clamar contra a escravitude da máquina, a guerra, a fame, o extravío e a submisión nas sociedades actuais, postulando "a arte, a poesía, o pensamento, o amor e a amizade" na procura antropocéntrica do "home-orixe e raíz de toda creación cósmica".

A man da pedra debuxa o lugar, escribiu Adonis. Agora, a man do lugar escribe a pedra que fala árabe en Galicia para que Galicia sexa o lugar dialóxico de todas as linguas, tan libres, por dicilo en palabras decimonónicas de Rosalía de Castro, como "los árabes en el desierto".
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES